Dá gusto coñecer e afondar en persoas como Ana Fachini.
Porque Ana ama a palabra
literaria, tanto escrita coma oral. Porque Ana enche de entusiasmo todo o que
fai. Porque é optimista, non foxe dos atrancos e segue un camiño de ilusión e
retos varios.
Un pracer para Versos
e aloumiños, para esta Fiestra aberta, contar cos seus
textos. Non teñen desperdicio.
Lede o que pensa, o que
escribe, o que sente.
As súas palabras son o
testemuño dunha persoa sen límites.
Grazas, Ana.
Quen é
Ana Fachini?
Son unha contista á que nunca lle contaron contos. Gústame xogar
coa musicalidade das palabras, coa voz, co ritmo e co xesto. Son unha apaixonada
da lingua como expresión de universos e símbolo de identidade. Son amante da
música, da narración e do teatro como vías de achegamento emocional e lúdico á
literatura e ao idioma. Son, por vocación, unha eterna aprendiz.
Os teus versos.
Son os teus versos estrelas
que enchen a noite de luz.
Son os teus versos un ceo
Son os teus versos un río
na busca ansiosa do mar.
Son os teus versos marea
de algas, de escuma e de sal.
Son os teus versos a brisa
que lambe a herba dos campos.
Son os teus versos a nube
que aleita cordeiros brancos.
Son os teus versos a chuvia,
finos cristais transparentes.
Son os teus versos orballo,
Son os teus versos palabras
emprestadas ao silencio.
Son os teus versos idioma,
primeiro arrolo dun neno.
Son os teus versos refuxio.
Son os teus versos alento.
Cando os teus versos me abrazan
son o dono do universo.
Versos en caixas, caixas
de versos.
Os meus versos nunha caixa,
noutra caixa os versos
teus.
Probemos logo a
sacalos
contando os dous ata
tres!
Digo 1 e ti dis
3,
pero os versos, que
non saen.
Imos tentalo outra
vez!
Digo 1 e ti dis 3.
Ningún asoma nas
caixas.
Mellor contar ao
revés!
Digo 3 e ti dis 1.
De súpeto ábrese o
pano
e dá comezo o debut.
Dende as caixas nos
observan
un par de versos
xemelgos.
Seica discuten cal
deles
será o que saia
primeiro.
Hai versos de mil
feituras,
consonantes e
asonantes,
abruptos e
encabalgados,
de arte maior e sen
arte.
Os que máis vergonza
teñen,
mentres non lles pasa
o medo,
agóchanse baixo a
lingua
até que empeza o
enleo.
Bórranse cando os
escribes,
desordénanse sen máis.
Os libres piden ser brancos,
os soltos queren
rimar.
As sinalefas, ausentes.
As metáforas, en
folga.
O ritmo, descompasado
e a medida que anda
tola.
Polo chan reptan
algúns,
corren outros tras o
vento,
emborráchanse de
mar
e danzan entre os
cadernos.
E cando o sol se
despide
e a noite se fai máis
negra,
descansan nos nosos
labios
e imaxinan ser poema.
Os meus versos nunha
caixa,
noutra caixa os versos
teus.
Probemos logo a
gardalos
contando os dous ata
tres!
1, 2, 3.
Palabras
Palabras,
palabras de azucre.
Palabras,
palabras de sal.
Palabras,
palabras de mel.
Palabras,
palabras de mar.
Palabras,
palabras de amigo.
Palabras,
palabras de nai.
Palabras
gardadas nun bico.
Palabras
de lingua e cantar.
Existo palabras.
Palabras habito.
Fermosas palabras
de fin a principio.
Se queredes saber máis de Ana Fachini...
Na adolescencia, descubriu a poesía e o idioma e, con eles,
a súa vocación. Estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago
de Compostela e durante moitos anos impartiu cursos de Lingua e Cultura Galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral
de Política Lingüística.
Cando cumpriu os cincuenta, atreveuse a perseguir os seus
soños de infancia e naceu a unha nova vida, participando en programas de voluntariado
e tratando de facer camiño como contadora de historias.
Dende entón, compaxina a docencia con proxectos de xestión
cultural e dinamización da lingua galega, amais do seu labor como voluntaria na
Asociación Galiclown Pallasos de Hospital e de actuacións de fomento
lector como narradora oral.
Hoxe xoga coas palabras e cos versos na procura dun novo
soño, cantar e contar as súas propias historias.