SUSO DÍAZ (Ludos, Manín, Lobios, 1971)
ODA Á LINGUA (fragmento)
A
Rosalía de Castro
Cando o vento moceaba coas cortantes rochas
escribía sentidas e doces verbas,
ía sementando de son os peitos,
ía deixando tan só o sentimento do son no
ar
ata asolagarnos infindamente.
Suso Díaz (Foto AELG) |
Murmuraban os silencios
o verdadeiro sentir que nos agardaba:
pronunciar o que nos ensimesmaba,
pronunciar canto nos fai e perdura de nós
na lingua da terra do mar (…)
Lingua de pluma:
froito da semente perenne,
fonte que nunca estiña.
Lingua de Rosalía,
lingua que te alongas en Portugal,
lingua de Pondal,
lingua que emerxías no verso de Camões,
lingua de Curros,
lingua que te pousabas no canto de Miguel
Torga,
lingua de María Mariño,
lingua que afloraches os íntimos latexos
de Florbela Espanca,
lingua de Castelao,
lingua arraiana do Bento da Cruz,
lingua de Celso Emilio,
lingua de republicanos soños de Nélida Piñón,
lingua de Cunqueiro,
lingua que sucaches o universo nas almas
de Pessoa,
lingua de Federico García Lorca (…)
CINSAS QUE SE ESPALLAN
I
Moreas de corazóns loitando cos latexos
coma ondas entregándose ás pedras dos
acantilados.
O mar embriágase polo seu corpo
arrincando coas mans espidas da xente
a ferruxe do tempo.
Todos ficamos sos.
Todo supón unha batalla co medio
que sostén os corpos que se entregan
á vida,
á morte,
baleiros de alma.
II
Na Fonte do Eido as mulleres choran
pregando polos fillos que levou o mar
a terras impronunciables.
Lavan os panos co xenio contido,
lavan e levan a tristura na humanidade
eterna
que esvara polas meixelas engurradas pola
pena.
No Hudson tamén reza o vento
nas meixelas durmidas dun mariñeiro de
escuma,
adormecido nunha dorna.
Cinsas que se espallan
para acalmar a fame do averno
nese lugar onde todo remata,
onde o fin é o fin sen retorno
e abrolla un verso na noite
nun pétalo de amor arrincado.
O silencio envólvese no fumo
que se prende ás pedras na lareira arrefecida.
Un calafrío sega o corpo
cando no Hudson naufraga o que respiraba
por esta negrura,
e polas almas amadas.
(Do libro De Ludeiros a
Nova York, editado por Medulia Editorial, 2021)