Ver unha nova edición de As palabras están a mirarse arredor da mesa, prodúceme unha ledicia
extraordinaria. Este é un poemario diferente, cuns poemas máis condensados, poesía máis espida, máis
intensa, que centra esta intensidade no uso máis preciso das palabras e das imaxes.
No poemario intento achegarme ao espírito do que é o acto creativo e, dende aí, escribir sobre o amor,
sobre o paso do tempo e estabelezo un diálogo con diferentes poetas que están presentes en diversos
momentos da miña vida.
O libro, marabillosamente editado por Cuarto de Inverno, grazas ao coidado exquisito de Andrea
Jamardo e David Cortizo, está ilustrado, pola reputada muralista Lidia Cao que consegue facer unha
lectura directa e firme do contido daqueles poemas que ilustra.
Co gallo de todo isto, tiven a sorte e o pracer de ser entrevistado polo prestixioso xornalista Jacobo
Buceta no seu programa "Hoy por hoy" de SER-Vigo e, ao tempo, a entrevista saíu na canle local
TeleVigo. Resultou unha conversa ben pracenteira e aquí queda reproducida para que os seguidores e
seguidoras deste blog-revista, Versos e aloumiños, poidades vela.