martes, 5 de octubre de 2021

A LUZ DAS PALABRAS (91) Raquel Castro

 



Raquel Castro é unha desas mulleres das que resulta imprescindible coñecer todo un seu labor arredor dunha rapazada que demanda actividades motivadoras.

Dicir Raquel Castro é dicir teatro, actividades teatrais, paixón pola dramaturxia. Dicir Raquel Castro é dicir unha vida entregada as artes nas que cre fondamente para que este mundo sexa un pouco mellor.

Eu lera A formiga fóra do carreiro e posteriormente Dormente. Fiquei enfeitizado de ambas obras e desexei fondamente que Raquel nos agasallase algún texto para gozar del.

Raquel, moi xenerosa, sorprendeume con dous textos magníficos. Un deles, unha obra de teatro!!!

Si, ata ese punto Raquel é xenerosa. Para uso e desfrute dos lectores e lectoras de Versos e aloumiños, este blog-revista publica esta peza marabillosa que se titula As galiñas escoitan jazz.

Vaia luxo!

     


O outro texto será publicado por separado máis adiante, porque o seu interese é indubidable.

Moitas grazas, Raquel, e parabéns por unha traxectoria exemplar que nos dignifica como seres humanos.



Raquel Castro



As galiñas escoitan jazz

“Pensa o galo que amence porque el canta”

 

 

 

“ As máis de 200.000 galiñas que compoñen a granxa, están rodeadas de altofalantes, polos que soa música moi variada, aínda que con especial predilección polo jazz. O que se consegue con isto é que as galiñas leven unha vida apracible e tranquila. A música estimula a súa relaxación. Non fai que os ovos estean máis saborosos, mais a música consegue que estas galiñas estean máis tranquilas e, polo tanto, sexan máis produtivas. “

 Huevos Redondo, Ávila

 

 

 

Acto I: a rutina

O escenario é un galiñeiro ou, o que é o mesmo, o galiñeiro é un escenario. O espazo ha estar baleiro, só no centro da escena teremos un comedeiro ou un bebedeiro típico dun curral e catro envurullos de herba, os niños das galiñas, aínda que tamén poderemos usar coxíns.

Catro galiñas, ás que chamaremos Alfa, Beta, Gamma e Delta aparecen en escena. Visten de negro, branco ou marrón, segundo lles pete. O único elemento que as caracteriza como galiñas é a crista vermella que levan enriba da cabeza.

A súa entrada farase de vagar. Cada unha das galiñas virá de costas, unhas ás outras, ata se atoparen ao lado do comedeiro. Este proceso farase pouco a pouco, parando para comprobar que non hai ninguén, como temerosas, e batendo os brazos, a xeito de ás.

Cando chegan, beben. Fano aos poucos, erguendo moito a cabeza, para non abafar.

Senten o canto do galo. Paran de beber e observan nerviosas ao redor, mirando arriba e abaixo, abaixo e arriba.

Soa jazz, calquera canción da Banda Crebinsky. As galiñas toman asento enriba dos niños. Cada unha farao ao seu xeito, tomándose  tempo, ata atopar postura.

Cando sentan cada unha saca de debaixo do niño un obxecto persoal, co que matar o tempo. Alfa saca unha madeixa de la e dúas agullas; Beta un libro, Gamma ponse a facer a manicura e Delta saca un caderno de debuxo e un lapis.

Deixamos pasar un tempo. De cando en vez, algunha das catro galiñas ergue, bebe, toma gran. Algunha outra, se cadra máis atrevida, vai estirar as pernas ata o muro, tropeza e vén de volta para o niño. Unha, mesmo, fai mimo coa cuarta parede.

Escurece pouco a pouco e a música vai baixando o volume ata que se silenciar por completo.

O galo canta, as galiñas gardan os seus obxectos de baixo do niño, erguen, fan unhas estiradas e vanse, cada unha por onde viñera, de vagar, moi amodo, arrastrando o cansazo da xornada de traballo.

(Este acto primeiro, durará o que nós queiramos, manténdonos no xogo da rutina, onde os movementos, pausados e mecánicos, deben dominar a acción)

 

 

Acto II: o encerro

Vai vindo a luz á escena de vagar.A música comeza a soar, desta vez  unha peza de Vivi Jazz Quartet.  Entran as galiñas, por onde saíron no 1ª acto. Volven á rutina. Están bebendo e comendo.

Canta o galo.

Baixa o ton da música, quizais, mesmo, sexa necesario que se extinga por completo.

ALFA: O galo.

BETA: Cantou o galo.

GAMMA: Que dixo?

DELTA: Non escoitei ben.

ALFA: O de sempre.

BETA: O de sempre?

GAMMA: Diría o de sempre.

DELTA: Di sempre o mesmo.

ALFA: É pola mañá.

BETA: Dixo que era mañá.

GAMMA: Non pode ser mañá.

DELTA: Acabamos de comezar hoxe.

ALFA: Avisounos que comezaba a mañá.

BETA: O galo canta pola mañá.

GAMMA: Non lle deamos importancia.

DELTA: Se canta é para algo.

ALFA: Se canta é por algo.

BETA: Canta, porque amenceu.

GAMMA: Amence todos os días.

DELTA: O galo canta todos os días.

Seguen bebendo.

Pasados uns segundos o galo volve cantar. Vólvese repetir a mesma operación: as galiñas deixan de beber e míranse estrañadas.

ALFA: Cantou o galo.

BETA: Cantou o galo outra vez.

GAMMA: Que quererá?

DELTA: Se quere algo, que veña e nolo diga.

ALFA: Non vai baixar do poleiro.

BETA: Sempre subido no poleiro.

GAMMA: Non sei que quererá.

DELTA: O de sempre.

ALFA: Iso xa nolo dixo co primeiro cantar.

BETA: Eu non lle entendín nada novo.

GAMMA: Creo que dixo que deixaramos de beber.

DELTA: Eu non lle entendín iso.

ALFA: Eu entendinlle que tiñamos que poñer un ovo.

BETA: Eu, agora, non teño ganas de poñer un ovo.

GAMMA: Eu tampouco.

DELTA: Deberiamos facerlle caso.

ALFA: Por que?

BETA: Porque é o galo.

GAMMA: Que poña el o ovo.

DELTA: El non pode poñer un ovo.

ALFA: Dilo ti, non sei por que non pode poñer un ovo.

BETA: Porque é un galo.

GAMMA: E os galos cantan.

DELTA: E as galiñas poñemos ovos.

ALFA: Sempre foi así: o galo canta e eu poño un ovo.

BETA: Eu quero cantar.

GAMMA: Eu quero poñer un ovo mentres canto.

DELTA: A min non me gusta que cante o galo.

ALFA: (Temerosa, baixa a voz) Non digas iso.

DELTA: É verdade, xa vou farta de tanto canto.

BETA: Tamén eu, abofé. Póñenseme as penas de punta, cada vez que canta.

GAMMA: (Rindo) Se aínda cantase ben, mais está totalmente desafinado.

ALFA: Imos poñer un ovo e deixarnos de lerias.

DELTA: Vai ti, eu vou comer un pouco de gran. (Fai que pica polo chan)

GAMMA: Eu vou ver se atopo algunha lombriga. (Remexe cos patas polo chan)

BETA: (Desconfiada, mira arredor) Non nos estará mirando?

DELTA: Quen?

BETA: Quen había de ser? O galo

ALFA: (Temerosa) Seguro que si, sodes unhas inconscientes.

GAMMA: (Engulindo unha lombriga, semella allea ás preocupacións das compañeiras) Proteínas puras, que delicia.

DELTA: Xa enchín o peteiro, agora vou ver se poño un ovo.

ALFA: Como ten que ser!

DELTA: Mais non porque o diga o galo, senón porque eu quero.

BETA: Falade baixo, que de seguro que nos está ollando dende o poleiro. Non hai cousa que se lle escape.

ALFA: Eu vou poñer.

BETA: O que?

ALFA: Un ovo, que vai ser?

GAMMA: (Agarra na barriga e fai xesto de puxar) A min non me sae. Vou ir ver polo valo.

DELTA: Deixa que te acompañe, que eu tampouco dou posto.

ALFA: Andade con ollo.

BETA: Non vos acheguedes moito.

Gamma e Delta non lles fan caso e encamiñan para o proscenio. Alfa e Beta, sentan enriba do niño. Sacan os seus obxectos e póñense ao seu.

Dende o proscenio.

GAMMA: Como me gustaría ter unhas ás como as dos paxaros.

DELTA: Coma unha pega.

GAMMA: Coma un pardal.

DELTA: Coma un corvo.

GAMMA: Coma un corvo non, que me dan arrepíos.

DELTA: Por que?

GAMMA: Porque cantan como o galo, coa gorxa tomada.

DELTA: Pero voan moi alto.

GAMMA: Tamén as pombas voan alto. Eu quería ter unhas ás de pomba.

DELTA: (Tentando rubir por enriba do valo) Mira alí, non sentiches?

GAMMA: (Vendo para onde sinalou Delta, tamén nas puntas das patas) Onde?

DELTA: Alí (Sinala un punto ou persoa no público)

GAMMA: Non vexo nada. Este galiñeiro ten os muros moi altos.

DELTA: (Dando pequenos chimpos) Quero ver! Quero ver!

Canta o galo.

GAMMA: Que lle pasa a este hoxe?

DELTA: Moito cantar para non dicir nada.

Achéganse Alfa e Beta

ALFA: Oístes o galo?

GAMMA: Oír, oímos, mais non entendemos nada.

DELTA: Que dixo?

BETA: Que facedes aquí? Que facedes aquí?

DELTA: Outear o horizonte.

ALFA: Que preguntou o galo “Que facedes aquí?”

GAMMA: (Dándose nas orellas) Cada día estou máis xorda, eu entendín “Quiquiriquí, quiquiriquí”

BETA: Non ides poñer un ovo, rapazas?

ALFA: Nós,  xa o puxemos.

GAMMA: Que mandadiñas sodes.

DELTA: É que a min hoxe non me apetece.

ALFA: E que che apetece, entón?

DELTA: Apetéceme ter ás para saltar o valado deste curral.

GAMMA: Apetéceme ter ás para voar como as pombas.

DELTA: Apetéceme ter ás para deixar de poñer ovos.

ALFA: Que vos deu a vós hoxe?

BETA: Sentáronvos mal as lombrigas?

GAMMA: Quero voar! (Ponse a correr polos bordos do escenario, imitando que voa e choca coas paredes)

DELTA: (Imita a compañeira) Quero voar!

Alfa e Beta míranas apampadas e van indo cara o centro do escenario, ata agocharse no seu niño, entre asustadas e perplexas.

Gamma e Delta rematan exhaustas de tanto voar e caen no chan.

O galo volve cantar.

ALFA: (Asustada) Está cabreado.

BETA: Iso me pareceu a min tamén.

ALFA: Que dixo?

BETA: Non entendín.

GAMMA: (Imitando o son do galo) Non se pode saír! Non se pode saír!

DELTA: (Imitando o son do galo) Non se pode saír! Non se pode saír!

Alfa e Beta achéganse ás compañeiras e axúdanlles a incorporarse e a sentar no niño. Logo sentan elas.

ALFA: (Imitando o canto do galo) Onde queredes ir?

BETA: (Imitando o canto do galo) Onde queredes ir?

GAMMA: Ao ceo azul.

DELTA: Máis alá do muro.

BETA: (Imitando o canto do galo) Onde se está mellor que aquí?

ALFA: (Imitando o canto do galo) Onde se está mellor que aquí?

GAMMA: Non o sei.

DELTA: Pero queremos sabelo.

ALFA: Fóra está a noite escura.

GAMMA: E o día claro.

BETA: Fóra está a raposa famenta.

DELTA: E a pomba voadora.

Canta o galo

ALTA: Que dixo, agora?

BETA: Quedade aquí! Quedade aquí!

GAMMA: Non quero.

DELTA: Hei marchar.

GAMMA: Cando a noite chegue.

DELTA: Cando ouvee a raposa.

GAMMA: Escacharemos os muros.

DELTA: Fenderemos as fiestras.

Canta o galo cunha intensidade rouca, molesta, que se abafa a si mesma.

Faise escuro. A música colle intensidade. As galiñas retíranse, como viñeron, cada unha por unha esquina do escenario, de costas, desconfiadas, como se as espreitasen.

Cando sae a última galiña, faise o escuro total .

 

 

 

 

 

 

Acto III: a saída

Vaise clareando a escena. Soa unha peza de Bailly and Minguillón Dúo.

Entran as galiñas e proceden a beber e a comer, seguindo a rutina marcada.

Canta o galo.

As galiñas proceden a sentar. Cada unha colle o seu obxecto, resignadas.

ALFA: Semella que vai facer un bo día hoxe.

BETA: Semella, si.

GAMMA: Un día novo.

DELTA: Un día de novo.

ALFA: Vou facer uns peúgos ben xeitosos.

BETA: E para quen son os peúgos?

ALFA: Para Épsilon?

GAMMA: E para que quere uns peúgos o galo?

DELTA: Para que non se lle arrefríen os pés cando cante de mañá.

BETA: Máis che valera facerlle unha bufanda, porque a rouquén que padece mete medo.

ALFA: É vello, a voz xa ten anos.

BETA: E sempre co mesmo canto.

GAMMA: E nós que llo seguimos.

DELTA: Estou a debuxar máis alá do muro.

BETA: Como podes, se non se ve?

DELTA: Imaxino.

GAMMA: Cóntanos que ves?

DELTA: Un campo de flores, de moitas flores amarelas.

ALFA: Como sabes que son amarelas, se nunca as viches?

DELTA: Son amarelas como a xema dun ovo. E son flores como as que ás veces chegan mortas no medio das verzas que caen do muro.

BETA: Amarelas como o sol, ao que lle canta o galo cada mañá.

GAMMA: (Soñadora) Amarelas. Imaxino un campo de flores amarelas.

ALFA: Que máis?

DELTA: No medio do campo vexo auga, moita auga, que corre.

BETA: A auga non corre.

GAMMA: A auga sempre está queda. Non a ves aí? ( Sinala o bebedeiro).

DELTA: A auga que eu vexo é azul ou verde e corre, corre moito, polo medio do campo de flores amarelas.

ALFA: Que bonito! Gustaríame correr cos meus peúgos polo medio do campo de flores amarelas con auga que corre polo medio.

BETA: Pois eu estou a ler un libro que fala de prados, ríos, arboredas, pinares que move o vento.

GAMMA: Non entendo, pero soa ben.

DELTA: Podería pintar os prados, os ríos, as arboredas.

GAMMA: Algunha quere que lle faga a manicura?

Todas din  que non.

GAMMA: Vou cansa de tanto axeitarme. Podiamos intercambiar.

Todas volver dicir que non.

GAMMA: Hai que ver que pouco compañeiras sodes. Veña, só un pouquiño.

TODAS: Noooon!

GAMMA: (Tira a manicura e ergue) Vou ao muro. A ver se sinto a auga, a ver se sinto o vento.

DELTA: Vou contigo, preciso de inspiración para seguir debuxando, a imaxinación ten un límite.

ALFA: Vou con vós.

BETA: Pois eu non quedo soa.

Van as catro, paseniño ata o muro central. Facendo mimo, pegan a orella, escoitan.

Canta o galo

Todas miran temerosas cara onde se supón que está o poleiro.

ÉPSILON: Saíde de aí! Saíde de aí!

As tres a un tempo, míranse e puxan forte na parede. Primeiro conseguen meter a cabeza, logo unha pata, logo un brazo ata que todo o seu corpo está fóra.

A voz do galo, de tanto cantar, súmese na rouquén ata rematar na afonía máis absoluta.

As galiñas baixan do escenario e percorren con admiración de exploradoras as cadeiras do público.

Tocan as persoas con entusiasmo, mais co coidado de quen descubriu unha xoia e non quere mancala.

Mesmo, poden chegar a falar co público, se a cada persoa do público lle repartimos ao entrar unha palabra, un soño, un desexo, que o caracterice.

 

TARXETA

 

PERSONAXE: O río

QUE FAI O RÍO? : .................

 

TARXETA

 

PERSONAXE: O pampullo

QUE FAI O PAMPULLO? : .................

 


As posibilidades poder ser moitas, depende das ganas de explorar das nosas galiñas e da riqueza de máis alá do muro, que pode ser un campo, unha praia, un deserto, unha selva, unha morea de rochas. ...

Cando se fartan de explorar volven ao escenario, con sosego e felicidade. Xa se foi facendo escuro, mentres elas exploraban.

O galo tenta cantar coma un disco raiado, xa sen voz, emite un pito molesto e ridículo.

ALFA: Vin o mar.

BETA: Vin o sol xogando co mar.

GAMMA: Vin augas correndo ata o mar. Dixéronme que se chamaban “río”

DELTA: Eu vin chorimas, moreas de chorimas e pampullos. As miñas flores verdes.

ALFA: Toquei a neve. Era fría e brandiña.

BETA: Toquei a raposa. Lambeume as penas con agarimo.

GAMMA: Toquei un soño. Escapulíuseme por entre os dedos.

DELTA: Falei co arco da vella. Comezaba no mar e morría na terra.

Canta ou tose o galo, xa non se distingue ben.

ALFA: Vós oístes?

BETA: Cantou o galo.

GAMMA: Non debía ser, eu non oín nada.

DELTA: Eu tampouco, sería o vento que soa.

ALFA: O vento que pasa.

BETA: O vento que nos leva.

As galiñas vanse retirando polas súas esquinas, levadas do vento. Soa, cada vez a máis volume A viaxe de Yoyo de DOUS.

 

 

Facemos escuro total e, esperados uns segundos, as galiñas saen a voar entre o público.

 





Se queres saber máis de Raquel Castro...


Raquel Castro (Alxén, Salvaterra de Miño) Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica, traballa como profesora de Lingua galega e literatura no ensino secundario. É presidenta e fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999 e todas as súas obras de teatro están destinadas a ser interpretadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil Ata Sempre de dita Asociación. Ademais, imparte talleres de teatro no instituto onde traballa, para o alumnado de secundaria, pois considera que o teatro é unha ferramenta fundamental no ensino.

Algunhas das obras que estes nenos e nenas do Grupo de Teatro Ata Sempre levaron a escena recibiron algún premio, por exemplo, As terapias da doutora Ledicia tivo Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil (2014), que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas e foi finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro. Desta mesma Gala, pero no ano 2019, foi finalista A formiga fóra do carreiro, obra que acadou un segundo premio como mellor libro de teatro en galego do 2018, en Fervenzas Literarias. Acaba de publicar Dormente, unha peza para a mocidade, coa Editorial Galaxia. Coordina, dende o IES Ribeira do Louro, o Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, que xurdiu coa intención de fornecer a biblioteca teatral destinada ao público xuvenil.

Tamén escribe relato e novela e ten publicadas dúas novelas: Nº atómico 74 para público xuvenil e Bestiario doméstico para público infantil.