viernes, 24 de septiembre de 2021

A BUTACA DO LECTOR (14) "Disidentes", de Rosa Huertas

 


O Lector está canso da deshumanización da sociedade. Do predominio mal entendido da tecnoloxía e do éxito inmediato, económico, sobre unha visión máis humana, máis sensible, máis feliz.

 

     Ao Lector encántalle a literatura de Rosa Huertas. Sempre atopa puntos de conexión con ela a partir de escritos que poñen o acento na arte, na historia, na literatura, na poesía, etc. Un humanismo envolve toda a narrativa de Rosa Huertas que a fai sedutora. Alomenos para O Lector. Porque a autora madrileña escribe decote cun ton envolvente, cun estilo limpo e claro que conmove.

      Disidentes é unha das últimas novelas de Rosa. Unha novela diferente no

contido -entra de cheo  ciencia-ficción – pero que a define unha vez máis como excelente novelista.  Ada, a protagonista vive no sector 7 onde todo é perfecto. Pura asepsia. Pero esa é unha realidade falsa, moi falsa, algo que Ada vai comprobar cando se ve obrigada a fuxir a unha cidade contaminada, Madrid, que lle permitirá ver e vivir a outra cara da moeda e fará que dubide das súas conviccións.



Disidentes
é unha novela intelixente. O Lector volve atoparse co universo de Rosa Huertas e a súa reivindicación das artes. Contrapón a autora dous mundos: un, onde a tecnoloxía deshumanizante domina todos os seus estamentos. Un mundo no que o equilibrio é mantido polo control da natalidade, sen conflitos, case sen enfermidades pero que os seus habitantes viven case como autómatas. Todo está controlado con cámaras e vixías e deseñado para que os sentimientos prácticamente non existan.

 

     A este mundo oponse outro ben diferente, que caeu preso da contaminación. Habitado por disidentes que se dedican no subsolo a converterse en gardiáns da arte e da cultura de maneira clandestina. Dende os sectores son vixiados para que ninguén saiba que existen. Neste mundo de disidencia van aparecendo os que custodian a Biblioteca Nacional, o Museo do Prado, o Teatro Real, etc.

E aquí, entre estes dous mundos, se desenvolve a novela que ten moito de aventura, de misterio, pero de reivindicación da liberdade, tanto individual como colectiva; de reivindicación das emocións que as artes producen, da amizade, da confianza e do compromiso moral do ser humano fronte a tanta frialdade materialista.


     O Lector gozou da novela. E sentiuse enormemente identificado coa mensaxe contida nela. Tras rematala, sentado na butaca, seguiu reflexionando sobre ela. Que necesaria, exclamou en voz alta.

E prometeu recomendárllela aos amigos e amigas.

Unha delicia.