Hai uns días vin, por fin,
unha película que levaba bastante tempo nos andeis da miña videoteca.
Trátase dun biopic máis que interesante
sobre a figura de Allen Ginsberg e,
máis concretamente, arredor do xuízo por obscenidade que tivo que sufrir o
poeta por mor da publicación do controvertido poema Howl (Ouveo) dentro do poemario Ouveo e outros poemas.
Era o seu primeiro poemario e cambiou a maneira de sentir a poesía nos Estados Unidos. Era unha poesía con aires de renovación, que rachaba moldes e que se afastaba do academicismo imperante, tan frío coma reiterativo.
Ginsberg presentaba os seus versos nunha sorte de performance e envolvía os seus versos en cánticos, berros, laios, xestos… dispostos a crear un certo clima apocalíptico para denunciar ese xeito de vida acomodado, conservador, inmobilista. Eran versos auténticos, demoledores e sinceros. Versos que callaron fondamente nunha boa parte da sociedade e fixeron de Allen Ginsberg a cabeza visible e poética dunha xeración revolucionaria: “A Xeración Beat”, que tanto influiría en poetas, artistas e músicos daquela época.
Ouveo é un poema dunha forza impresionante. Posúe versos que sentes coma puñazos na túa mente e que che cortan a respiración. Estrofas que é preciso ler (non tanto analizar) e deixarse levar polos seus efectos devastadores e penetrar na paisaxe que eses versos longos van construíndo arredor de nós.
E volvín sobre el.
Mentres o lía, ía convertendo os versos ao galego. Sentíaos moi vivos e dicíanme moitas cousas. Talvez a situación social e política na que vivimos estaba ben presente e revolvíanme por dentro os significados directos das palabras.
De
aí que me permitín escribir os primeiros versos de Howl (Ouveo) en galego a
partir da tradución ao castelán por Josep
Costa Prieto. É algo de traizón pero quería “tocalos e vivilos” no noso
idioma. Podedes botarlle un ollo.
Vin as mellores mentes da miña xeración destruídas pola loucura, esfameadas histéricas espidas,
arrastrándose de madrugada
polas rúas dos negros na procura do pico rabioso,
anxos rebeldes queimando
pola vella conexión celestial cara a dínamo esnaquizada na maquinaria da noite,
que pobres e esfarrapados e
con olleiras e colocados pasaron a noite a fumar na sobrenatural escuridade de
buratos flotando sobre as azoteas das cidades contemplando o jazz (…)
Gustoume a película dirixida por Rob Epstein e Jeffrey Friedman. Contén tres historias entrelazadas: o xuízo por obscenidade en 1957, as revelacións dun artista rebelde que busca o amor e a redención e a imaxinativa viaxe a través dunha profética obra mestraque sacudiu a toda unha xeración, como ben podemos ler en Filmaffinity. Algo co que concordo ao cen por cen e que a min, o filme, a diferenza dalgúns críticos, non me resultou nin pesado nin canso. As interpretacións, sobre todo a de James Franco como Ginsberg, magníficas. Ademais, hai moita poesía nel que se agradece. Unha oportunidade, xunto coa parte de animación, de escoitar fragmentos deste extraordinario poema.
Un
filme que me levou ao libro. Desfrutei
coa relectura do mesmo e convidoume a reflexionar sobre o visto e o lido. E sentino
diferente dentro de min. E lembrei a Solomon, a Kerouac, a Ferlinghetti, a Cassady,
a Corso, a Burroughs, todos eles escritores dispostos a darlle a volta á
creación literaria e facela máis en carne viva. Sentinme moi ben. Rabuñei
sentimentos.