Hai actos, cando te dedicas a escribir, que compensan nesta tarefa literaria tan solitaria e tan cega ás veces. Actos que están cheos de humanidade, de ilusión, de ganas de realizar as cousas todo o mellor posible.
Actos, en fin, enfocados a facer máis
felices aos que nos rodean e , se son nenas e nenos, moito mellor.
Un deses momentos emotivos vivino no CEIP
“Fonte Escura” en Cabral-Vigo. Chamáronme no seu momento para que inaugurase a
biblioteca escolar do Centro. Non puiden negarme. Como ía facelo se considero
que as bibliotecas nas escolas son absolutamente imprescindibles! E gocei, como non!, do nacemento dunha biblioteca que o propio alumnado bautizou como "O soños do Pirata".
Dei no colexio cun grupo de mestras
verdadeiramente marabillosas. Mulleres dispostas a cambiar a cara dun centro
que está a loitar con demasiadas incomprensións. Facer visible o extraordinario
labor que desenvolven. Mulleres orgullosas do seu, que miran ao lonxe para
abrir novas canles.
E a biblioteca inaugurouse para comezar a
funcionar deseguido. A felicidade de docentes e alumnado fíxose moi
evidente. Foi un acto tan sinxelo como
ateigado de sentimento e de esperanza. Eu non podía sentirme mellor.
E nun momento da xornada que pasei alí con
elas, contáronme o seguinte:
Os
nenos e nenas estaban ilusionadísimos coa inauguración da biblioteca do centro.
Un deles, David, acompañou a súa nai e o seu irmán máis pequeño a mercar algún
dos teus libros. Cando chegou á casa díxolle á nai que el tamén ía inaugurar a
súa biblioteca persoal e que lle poñería o nome de Antonio García Teijeiro. (Aí
está na foto). Ademais, escribiu un fermoso poema despois de ler o teu poemario
Recendos de aire sonoro.
David Villar inaugura a súa biblioteca |
Despois de escoitar isto, como queda
un? Pois orgulloso de escribir,
orgulloso de estar preto dos nenos e das nenas, apoiar o profesorado que loita
por un ensino público de calidade, orgulloso de facer da poesía algo máxico…
Estar moi próximo das persoas que precisan de ti é algo que se fai
absolutamente necesario.
Parabéns aos docentes e ás mestras coas
que compartín ese día, porque son un exemplo que se debe coñecer, así como a
axuda da ANPA, que resulta fundamental. Téñovos que agradecer moi fondamente o
convite.