martes, 12 de diciembre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (38) "Os días lebre", de Clara López






TÍTULO: Os días lebre.



AUTORA: Clara López.



ILUSTRACIÓNS: Marcos Viso.



EDITORIAL: Kalandraka.




Os días lebre é o primeiro poemario que a súa autora, a artista e docente na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, Clara López, dedica ao público infantil. Supón a través da ollada da súa protagonista, a verbalización poética do cotián por medio da sucesión de momentos vividos e sentidos acompañados da carga emocional que espertan as palabras.
 
Clara López

     Os días lebre está estruturado en quince poemas (todos cun título significativo e suxestivo) de diferente extensión e tamén de dobre lectura. Cuns versos que convidan a ser ditos en voz alta, desfrutando da súa sonoridade, do seu ritmo, e mesmo, da súa disposición  tipográfica, para amosar  un mundo simbólico e onírico que chega ao lector para compartir con el a acumulación de emocións que a experiencia deixa na imaxinación. E así, atopamos a crítica á vertixe do noso tempo, todo ás présas,  que proporcionan os días lebre fronte ao repouso e a ledicia dos días tartaruga, onde un é dono do seu tempo, do seu mundo exterior e, sobre todo, interior para viaxar e gozar do intre. Pero tamén hai tenrura, desexos, reflexións, reivindicacións que atopan o seu sentido e encaixan no mundo dos soños, cando no real non se cumpren.
 
Marcos Viso e Clara López
     Marcos Viso é o encargado de darlles vida aos poemas cunha proposta plástica engaiolante, que abre a porta a ese mundo propio do universo onírico plasmado tanto nos trazos deseñados coma nas cores empregadas.

Ilustración de Marcos Viso
Un exemplo de todo o dito:

 PARA SENTAR UN SENTIMENTO

[….]

Pintado ou escrito, / un sentimento é inofensivo, / coma un pemento. /Pero se te equivocas, / e non o sentas, / e o sentes, / vólvese moi perigoso, / máis cá selva ou ca unha bomba, / pois estoura ou roxe, / directamente ao corazón.


                                                                                                ALBA  PIÑEIRO