lunes, 18 de diciembre de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (CXIII) Cesáreo Sánchez Iglesias








                           CESÁREO SÁNCHEZ IGLESIAS (Dadín-Irixo, 1951)





                          XI



Leve no voar, palabra ou paxaro a eternidade
acaricia o instante, os meus labios
acaricia e cae do outro lado do amor.
O indicíbel lévame ao que crea a luz. O invisíbel
Cesáreo Sánchez Iglesias
da primavera cae no centro do verao.
Dixen, existes se existes
na luz da palabra en que pousar nómade.
Vives dentro do aroma do xasmín.
Abro o armario e sae unha bolboreta, lembra
e volve o rostro, e transfigura en sombra.
Volve de nacer aquel rostro que amei. Chove.

     A chuvia óllame cos seus ollos de trapo.
Onde me levan as brancas ás pregunta por min
e de novo chove. O voo da luz mente, a sombra
pousa nas follas de charol e nada perdura.
A sombra dun pensamento agarda
como a garza parada agarda.
Compoño unha figura en branco roto.
Escrebo para que a noite non morra.
Abro a pequeña xanela de madeira e busco
nada que o home busque
no ceo recén chovido para que volva busco
para que a lúa veña se é que non está
para que sexa verdade.
Porque algo que había e quizais xa non
con area e cunchas e un pouco de mar constrúe
a pequeña casa onde me gardar.

                                                                 (Brahms)



                           XXI


De alma translúcida a nube pasa. Chove.
De tanto ser son lúa de setembro ou noite clara.

     O negro piano en silencio agarda.

     Figuras anónimas ámanse no instante azul
na praza pensativa. Alguén fala con quen foi
simula a vida a soidade pronuncia palabras ocasionais.

      Un home e unha muller abrázanse ao se pensaren.
Lévanme, na memoria do silencio envólvenme.

     Canto non foi hoxe é centro palabra indescifrábel,
música intemporal, auga ferida.

     Encho a miña voz de silencio. mente a luz.
    
     Anónimas figuras ámanse efémeras aladas caen
coma pétalas da tarde caen.

     Diante do espello a bailarina danza no pasado
sen corpo ámame sinala o alén e non responde.

     Desde o outro lado da luz con altas neves na xanela
fala o azul e só me entrega a cor.
Presentación do libro

     O infinito dime que é un ser solitario ou lúa
de corazón roto. De branco pantalón curto
preguntei á noite se era luminosa flor.

     Vin nacer o instante, cos ollos aínda sen abrir
incapaz de ollar o silente branco.
    
     Vin nacer os misterios da luz que ditan
o meu destino.

                                                                         (Erik Satie)




(Do libro Tempo transfigurado, editado por Kalandraka na colección Tambo. 2017)