martes, 21 de noviembre de 2017

"Tertúlias literárias" en Gaia, arredor da obra de Antonio García Teijeiro

En pleno faladoiro:  João Manuel Ribeiro e Antonio García Teijeiro


O sábado 21 de outubro dentro do ciclo das “Tertúlias literárias” organizado na libraría Velhotes do noso país veciño (Gaia) tivo lugar unha conversa entre dous poetas que presentan certas similitudes, non só na súas creacións, dotadas dunha alta calidade humana e poética, senón tamén nas súas actitudes vitais sustentadas na honestidade, autenticidade e humanidade. Todos os alí presentes (docentes, escritores, divulgadores da cultura, libreiros…) fomos conducidos e guiados por un cicerone entrañable, o poeta e editor João Manuel Ribeiro que, sentado ao carón de Antonio García Teijeiro, nos contaxiou con el a maxia do poder sedutor das palabras.


     O faladoiro xirou ao redor da figura e obra do Premio Nacional (español) de Literatura infanto xuvenil 2017, Antonio García Teijeiro, baixo o título de : A poesía necesaria.

     Ao longo de case dúas horas viaxamos a través da traxectoria profesional e mesmo vital dun home no que a poesía significa un xeito de vida que sempre o acompañou e que cre no poder transformador que ten de seu por invitar á reflexión, á análise crítica do que nos rodea, á amplitude de pensamento e, en definitiva, ao autocoñecemento tan necesario para poder ser feliz.
     

     Así soubemos da súa infancia cunha ausencia presente, da súa mocidade escura nun tempo agochado tras a miseria e a mentira, que marcará o seu futuro compromiso coa lingua e co país reflectidos  na maior parte da súa produción, e que soportou grazas á poesía e ao deporte (foi porteiro de balonmán en diferentes equipos da máxima categoría). Ata chegar á súa madurez coma docente, divulgador cultural e creador de soños a través das súas obras sobre todo poéticas, pero tamén narrativas para nenos de distintas idades.
     
       Música e poesía camiñan da man na vida e obra de Antonio, quen leva máis de corenta anos coma docente e coma mensaxeiro da palabra poética non só nas clases (que empezaban sempre cun poema), senón tamén en todos aqueles lugares onde o requirisen: congresos, feiras de libros nacionais e internacionais, cursos para mestres, encontros… amosando sempre xenerosidade, compromiso e paixón  polo que cre. Isto reflíctese nos máis de setenta libros publicados de diferentes xéneros ( narrativa, poesía, didáctica, artigos xornalísticos...). Antonio defende a necesidade da poesía en toda a sociedade e, en especial, nas aulas onde debe entrar en voz alta a través da implicación literaria do mediador encargado do achegamento. Este debe ser gradual, comezando pola literatura popular para xogar co ritmo, a musicalidade, a rima e as palabras e logo introducilos no poder suxestivo e reflexivo dos clásicos e dos autores que escriben para eles dende o respecto e o agarimo. 

Alba Piñeiro, Antonio e João Manuel

     Nas súas obras a música sempre está, de aí que existan diversas versións musicais delas e que Paco Ibáñez  lles puxese música a tres poemas do que un (Que ocorre na terra?) forma parte do seu repertorio habitual.
Antonio pertence a unha xeración de mestres escritores cos que comparte con catro deles (Paco Martín, Xabier P. DoCampo, Fina Casalderrey  e Agustín Fdez Paz) o PNLIX e asegura que aos nenos lles gusta a poesía e os axuda a verbalizar sentimentos e emocións.


     

     Antonio tamén falou do seu poemario Poemar o mar que gañou o tres de outubro o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e que supón o recoñecemento da poesía en galego. Contou que foi o segundo escrito da  triloxía que lle adica ao mar( En la cuna del mar, Poemar o mar e Palabras do mar) e que dende que lera Marinero en tierra de Rafael Alberti, fora consciente de que o mar era poetizable.

     Foi a partir dunha conversa co seu amigo e escritor Manuel Veiga cando decidiu que o mar sería o protagonista non dun poema senón dun poemario, que ao final acabou por se converter en tres porque Antonio fala deseguido co seu mar e sabe das súas coitas, pesares, reivindicacións, soños e desexos.


                                                                                                                                                 ALBA PIÑEIRO