viernes, 4 de agosto de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (CVII) María Xosé Lamas








                                     MARÍA  XOSÉ  LAMAS  (Vilalba, 1961)







SONETO… Á BEIRA DO RÍO



AXEONLLADA NAS LASTRAS  xa gastadas,
á beira das ruínas dun muíño,
María Xosé Lamas
sinto nas mans o xeo deste río,
e aspiro o teu aroma nestas sabas

que impregnadas de ti e o teu alento
me devolven ás noites de compaña,
lembrándome as caricias deseñadas
sobre a pel posuída polo senso.

Mollo os lenzos na auga namorada
envexando os seus dedos sempre fríos
e mesturo con ela os sentimentos.

Co tecido e a pedra en desafío,
vou lembrando os gozos e as palabras
que o fluído empurra río a dentro.





SONETO … SEN TI

 
FÁLTAME  A TÚA PEL para cubrirme,
os teus ollos de luz na escuridade,
as túas verbas doces sempre firmes
adobiando o amor á súa vontade.

Mais estarei contigo na penumbra,
agochando este frío na lembranza
do teu alento morno e a quentura
dos teus beizos que acotío me afagan.

Reterei das túas meniñas doces
a inquedanza sostida desta ollada
que me afunde na soidade muda

e oirei no silencio as nosas voces,
nun murmurio afogado na almofada,
pronunciando o amor que nos inunda.



SONETO … XUNTA O CRUCEIRO


Foto de Carlos Valcárcel
DENDE LONXE eu escribo estas palabras
adobiadas co ardor dos sentimentos;
dende lonxe estarás nos pensamentos
amparado co veo da distancia.

Pero eu síntote á beira do meu corpo
como pel partillada do espírito,
como alento en todos os suspiros,
como celme do corazón exhorto.

E agardo coma nunca a túa chegada,
a volta ao niño mol destes desexos
de abeiro morno e cándida compaña.

Agardo ese teu peito doce e tenro
para bicalo, coma sempre fago,
cos beizos pendurados no eterno.





SONETO … DA ROSA DE TODOS OS DÍAS


DESPRÉNDENSE DOUS PÉTALOS da rosa
e voan coa brisa até os meus beizos
que os reciben, ardentes de desexo,
nun bico de caricia agarimosa.

E sigo coas xemas dos meus dedos
a artellar un ramo coa flor murcha
para gardala con dez máis na furna
onde xacen os meus fondos secretos.

Baleiro fica o púcaro agardando
a que o amor lle achegue azos vermellos,
de amenceres cada día orballados;

de praceres constantes mesturados
cos anacos de tempo e os seus vencellos
partillando o presente e o pasado.



(Do libro Sonetos preposicionais, editado por Alvarellos Editora, 2017)