miércoles, 16 de agosto de 2017

DARDO POÉTICO (XLIX) Nazik Al Malaika, unha pioneira da poesía árabe moderna





Volvín ver a Abdul Hadi Sadoun en Madrid co gallo da miña participación no Trobapaz dentro das xornadas do 6º Foro Iberoamericano sobre Literacidade e Aprendizaxe. Un pracer, unha vez máis.

     
Con Abdul Hadi Sadoun en Madrid. (Foto de Cristina Novoa)

Trobalinguas e Trobapaz- xa falamos deles tempo atrás- son dous proxectos ideados por Sara Moreno e posto en imaxes pola gran Tesa Gozález que deseñou os dous libros e que nos permitiu a varios poetas (Juan Kruz Igerabide, Miquel Desclot,  Ana Mª Romero Yebra e mais eu); posteriormente Abdul) levar poemas en varias linguas por España e Portugal.  Proxectos que se viron enriquecidos pola incorporación en determinados intres do portugués, inglés, chinés ou romanés.

     

    
     Abdul deleitounos en cada sesión cos seus poemas –e os nosos- recitados en árabe, algo que nos produciu un pracer intenso.
     Ben, pois nese encontro, o  escritor iraquí, establecido en España, agasallounos un libro ben especial: un poemario trilingüe (árabe, catalán e castelán) dunha poeta máis que interesante, Nazik Al Malaika. O libro leva por título Astillas y ceniza  (Lascas e cinza, en galego)  y está editado por Alfalfa Editorial, na Biblioteca de Casa Árabe, unha colección que Abdul Hadi Sadoun dirixe.

     


     Astillas y ceniza vén sendo unha antoloxía de varios dos poemarios desta gran poeta iraquí. Nazik Al Malaika é unha das pioneiras do movemento do “verso libre” na poesía árabe moderna.

     
     Esta edición en tres idiomas corre a cargo de Manuel Jiménez Lucena e resulta un libro fundamental para que coñezamos unha das figuras principais do modernismo, que tanta influencia tivo en numerosos poetas do mundo árabe.

     
Nazik Al Malaika
     

     Esta muller, nacida en Bagdad no seo dunha familia culta (seu pai tamén era poeta), era afeccionada á poesía dende moi pequena. Escribiu os seus primeiros poemas con dez anos en árabe clásico e continuou publicando en revistas e xornais durante o seu período de formación.
     
     En 1954, tras graduarse  en Literatura Comparada na Universidade de Wisconsin, regresou a Bagdad onde casou en 1961 fundou co seu home e outros compañeiros a Universidade de Basora.
     
     A comezos de 1970 trasladouse a Kuwait e dedicouse á docencia. Viuse  obrigada a regresar a Iraq cando Sadam Hussein invadiu o país en 1990.
     
     En 1991 marchou a O Cairo, onde permaneceu ata a súa morte en 2007.

     O seu estilo caracterízase pola gran mestría da lingua árabe, o orixinal uso das imaxes e  a delicadeza e musicalidade dos seus versos, sendo a melancolía unha constante na súa obra. Unha obra que presenta temas ben variados entre os que destaca a súa defensa  dos dereitos das mulleres, vítimas dunha sociedade ancorada en costumes ancestrais. Entre aos seus libros podemos salientar Namorada da noite, Lascas e cinzas, O oco da onda, A árbore da lúa ou Para a oración e a revolución.

     Interesoume moito Nazi Al Malaika e decidín deitar ao galego tres dos seus poemas a partir da tradución ao castelán de Jiménez Lucena, a quen lle agradezo esta magnífica edición.






Negros sons


Estraños, así  murmura a noite
   e as súas campás envolven a existencia.

Oh, noite! Non vivirán os dous estraños
               nin percibirán a nova atardecida.

Tómaos, deixa caer a túa calmada
               e negra escuridade e sobrevoa lonxe.

Tómaos, quizais digan que foron dous estraños
               e unha historia que non volverá.





A hora da lembranza


É  a hora da lembranza, falta moi pouco
          para que a noite chore  ben de tempocomigo.

É a hora da lembranza, e as campás
          agochan a melancolía dos silencio.

Sinto os pasos vacilantes
          detrás da miña porta coma se alguén pasase

e sinto os rostros inquietos
          no pasado cheos de misterio.

O murmurio de pantasmas saloucando
          tras a porta , coma un longo murmurio que resoa

triste caravana, pálido amencer
          aínda misterio e mundo descoñecido.




Aos meus ollos tristes


Meus ollos, que pena asoma en vós
e vos provoca bágoas no solpor?

Detrás das pálpebras vexo unha súplica
que pregunta á vasta existencia.

Coma dous horizontes percíbovos na noite,
pingas de luz que beben dos vosos saloucos.

A realidade sorrí. Que desacougo,
miñas pupilas, se insinúa nas vosas pálpebras?

Meus pobres, sinto que non ven
unha época que perdura no desengano e se asenta

na ignorancia e na falsidade da vida
que  fuxindo, está durmida.