TÍTULO: Kumamoto
e os Doce Robóticos.
ILUSTRACIÓNS: Pedro Díaz Lorenzo.
EDITORIAL: Tambre. COLECCIÓN: Ala Delta.
A editorial Tambre
achégalles aos lectores a partir de oito anos esta fantástica historia onde
o seu autor, un dos referentes dentro da LIX, Xoán Babarro é quen de axuntar tradición e innovación.
Trátase da
experiencia vivida e contada por Roi, o neno protagonista, a partir da chegada
do robot Kumamoto, galano do seu tío mariñeiro, Salvador, e traído do Xapón.
O que, nun
primeiro momento, era só unha diversión para Roi, axiña se vai converter no
eixo de atención por parte de toda a súa contorna inmediata, de tal xeito que
tanto os membros da súa familia (pais, irmá, avó e tío) coma os seus amigos,
alcumados os Doce Robóticos, amosan
interese polo androide e a súa capacidade para resolver calquera tipo de proba,
manual ou intelectual, chegando mesmo a ser o campión do concurso das adiviñas.
Só Laúdo, o gato e compañeiro de xogos de Roi, parece reticente co protagonismo
do novo membro familiar ata que é incluído para tamén participar nas súas
aventuras infantís. Pero a presenza dun misterioso detective será o detonante
da ruptura desa harmonía na vida de Roi, quen comprederá que o único que se
pode apreixar e gardar son os recordos dos fermosos momentos vividos.
O feito de que
a súa estrutura sexa de dez capítulos curtos e estean escritos cunha prosa
clara, fluída e tecida con doses de humor e tenrura, á vez que inzada de
referencias á literatura de tradición oral, atrae a atención do lector, que
decontado se identifica co seu protagonista.
As
ilustracións, en branco e negro, expresivas e detallistas de Pedro Díaz Lorenzo dotan de vida os
personaxes e están en sintonía co ton textual.
ALBA PIÑEIRO