domingo, 2 de julio de 2017

PAPEIS RECOBRADOS (13) "Reivindicando un mestre excepcional: Gianni Rodari"

                             Foto: Anxo Cabada




Un novo “papel recobrado”. Unha figura imprescindible para entender o que significou a renovación pedagóxica: Gianni Rodari.
     
Gianni Rodari

          Non quero ser paxaro de mal agoiro, pero teño para min que este escritor e pedagogo italiano – universal, diría eu- está caendo no esquecemento. E non se pode consentir.
     Sobre todo nestes tempos de ensino inmobilista. Neste tempo de estúpidas reválidas e de informes que confunden o persoal. Neste tempo de noxentas burocracias, de comodidades diversas e de falta de rumbo e de criterio na docencia.
    


     Resístome a que Rodari e mailas súas técnicas tan abertas e motivadoras sexan algo remoto. Non pode ser. Non perderon vixencia endexamais para ese maxisterio que  segue a motivar o seu alumnado máis aló da monotonía e da rixidez do libro de texto


     De aí que recobre outra columna publicada en A Nosa Terra sobre o mestre italiano. Sigamos as súas liñas de acción alegres, intelixentes e divertidas.


                           

                                              GIANNI  RODARI

                            
                                                                                           


Hai xa ben anos, coñecer o seu nome significou unha auténtica revolución para aqueles que desexabamos que a imaxinación, á hora de crear historias, estivese presente nas aulas.
     
     Gianni Rodari, de vocación escritor, sempre quixo que os nenos descubrisen por si mesmos quen son. E non só por medio da lectura, senón tamén a través do uso da palabra, Rodari teimaba con que os nenos escribisen. Por iso, a Gramática da fantasía foi unha descuberta, un libro innovador, no que expoñía as ferramentas necesarias para motivar o alumnado na marabillosa tarefa de crear.
    

     Técnicas, tan simples coma orixinais, que nos permitiron revisar a nosa concepción literaria e que motivaron a escritores,pais e docentes a inventar historias fantásticas e diferentes.
     
     A obra literaria de Rodari, ampla e, ás veces, algo descoñecida, é unha referencia esencial polos seus finais abertos, pola fina ironía que destilan os seus relatos, pola xenerosidade dos  planteamentos, pola cordialidade que desprende e pola súa xenial visión crítica do mundo desde o humor, a fantasía e a imaxinación. Rodari revisouno todo.
     
     El fala dos ensinantes como animadores e promotores de creatividade. E fala, ademais, dunha escola capaz de favorecer nos cativos aquelas cualidades e tendencias que foron sinaladas ao longo do tempo como características do modelo creativo. A creatividade por riba de calquera outra cousa. 

     O seu é un legado con plena vixencia que debemos coñecer e ter presente. Na casa ou na escola, sós ou acompañados, os nenos deberán tomar a palabra.
     
     Para iso están os libros de Rodari.

                                                                                                      
                                                                                                     
                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO