lunes, 31 de julio de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (30) "22 segundos", de Eva Mejuto






TÍTULO: 22 segundos.


AUTORA: Eva Mejuto.



EDITORIAL: Edicións Xerais. Colección: Fóra de xogo.




Edicións Xerais achégalles aos lectores adolescentes esta novela, pioneira no tratamento da temática da transexualidade dentro da nosa LIX.

     A súa autora, a xornalista e escritora, Eva Mejuto, pon de manifesto, a través dela, a importancia de sentirse a gusto coa propia identidade sexual, independentemente do sexo co que se naza, e de  asumila coma parte do ser que un é, coma camiño cara á realización persoal e á felicidade.

     O diferente nunca coma sinónimo de marxinación e , xa que logo, sufrimento e a literatura coma canle de denuncia e reivindicación social, ademais de coñecemento da realidade na que vive este colectivo estigmatizado demasiadas veces coma enfermos.
 
Eva Mejuto
     
     22 segundos conta en primeira persoa e ao longo de vinte e dous capítulos curtos e escritos cunha prosa fluída e directa, non exenta de tenrura e humor, a historia de Álex, un mozo transexual que decide tomar as rendas da súa vida e trousar diante dunha cámara todo o que leva dentro agardando dende hai moito tempo. 

     Deste xeito descubrimos como xa de pequeno amosaba gustos e intereses ben diferentes, tanto na estética coma nas afeccións e xogos, do resto das nenas da súa idade, por moito que a súa nai, as monxas do colexio e a xente que o rodeaba se empeñasen en non decatarse do obvio e de ignorar a realidade. Cada confidencia por parte de Álex vai espertando dun xeito natural a empatía e o respecto do lector cara a el. E así é quen de comprender a súa impotencia, frustración, rabia e rancor diante duns sentimentos e sensacións, que dende cativo recoñece coma propios pero aos que non lles sabe poñer nome porque o descoñece. 

     Será grazas ao agarimo e ao apoio da súa familia, avó (personaxe entrañable) e nai, xunto coa súa amiga Ana e a axuda dunha psicóloga especializada e comprometida, como logrará reunir todas as forzas necesarias para dar o paso cara á felicidade e asumir o seu tránsito de Ánxela a Álex.

      Novela recomendable para todo aquel lector que busca vivir nunha sociedade máis xusta, plural e equitativa sen prexuízos retrógrados que o único que fan é provocar dor e illamento.





                                                                                                                                       ALBA PIÑEIRO