TÍTULO : Grisela.
AUTORAS: Anke de Vries (texto) e Willemien Min (ilustracións)
EDITORIAL: Kalandraka. COLECCIÓN: Demademora.
Grisela é unha fermosa historia que a editorial Kalandraka lles achega aos primeiros
lectores en galego. As súas autoras, a escritora holandesa Anke de Vries e a ilustradora, tamén holandesa Willemien Min son recoñecidas dentro do mundo da Literatura
Infantil.
Anke de Vries |
Trátase dun álbum ilustrado cuxa protagonista é unha pequena rata gris chamada Grisela. Esta sente un día a tristeza e coma non lle gusta esta emoción, decide pintar de cores alegres e rechamantes, de liñas ou puntos a súa pel gris, pero en vez de sentirse mellor, o que recibe son as burlas daqueles cos que se atopa, ao considerar que vai disfrazada. Será grazas á intervención dunhas abellas como descubra a fermosura da súa pelaxe gris.
A partir desta trama sinxela, a autora Anke de Vries amósalles aos nenos que todos somos diferentes e que as nosas diferezas non deben ser motivo de burla por parte dos demais porque o importante é estar a gusto con un mesmo.
Conto que
chega aos lectores porque lles fala de sentimentos e emocións que lles son
familiares a partir de personaxes animais humanizadas, tanto nos seus costumes
coma na maneira de comportarse. Tamén os axuda a espertar a empatía cara ao
outro, ao mesmo tempo que recoñecen sentimentos próximos coma a tristeza ou a
ledicia, xogando con conceptos concretos e a simboloxía das cores.
En definitiva:
a autenticidade fronte á imitación coma camiño cara á felicidade e a aceptación
das diferenzas coma canle de
coñecemento.
As expresivas
ilustracións de Willemien Min dotan
de vida as personaxes, ao centrarse nelas empregando trazos humanos e
mesturando, ademais da colaxe co papel, a cor negra coas demais sobre o fondo
branco.
ALBA PIÑEIRO