Foto de Anxo Cabada
(Versión acústica da canción)
Coa música de John
Lennon de fondo, recobro un texto publicado no semanario “A Nosa Terra” no que
escribo sobre a necesidade da relectura cando queremos chegar ao fondo dos
textos literarios que posúen fondura.
Foron unhas palabras do escritor César
Aira as que me empurraron a poner por escrito o que penso sobre este tema.
A ver que vos parece.
FALANDO DA RELECTURA
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Estou escoitando a John Lennon. Acabo de mercar algúns dos seus discos remasterizados.
Un pracer. E decátome – imposible non facelo – de que levamos trinta anos sen
John. Escribo un texto que me piden e, unha vez máis, emociónome diante da súa
figura e da súa música. Non son tan inxenuo para pensar que era un anxo. De
ningunha maneira. Mais tampouco o demo que certos xornalistas e escritores
pretenden facernos crer. Celebro as súas cancións e non podo menos que
recomendar que estean presentes nas aulas. Serven para collerlle gusto á
música, para discutir, recrear ou cantar, sen máis. Non é pouco.
John Lennon |
Abro as páxinas dun suplemento literario, Babelia,
que tiña gardado entre os múltiples papeis que invaden a miña casa. Atópome
cunha entrevista co escritor arxentino César
Aira, de quen hai pouco estiven a falar cun bo amigo que lía o seu último
libro. Di cousas interesantes este home. Entre elas, destaco a seguinte afirmación:
“Estou
na idade da relectura. Reler é un pracer dobre”.
Agrádame
este comentario porque eu sempre insisto no tema da relectura, sobre todo a
certos niveis. Ben sei que hai moito que ler e dá certa preguiza volver ao
lido. Pero a riqueza que proporciona entrar de novo nunha obra interesante paga
a pena salientalo. Captas detalles aos que non lles deras importancia, reparas
en aspectos técnicos que pasaran desapercibidos na primeira lectura, comprendes
mellor algúns comportamentos dos personaxes, rescatas algún secundario que pide
que o escoites, entendes certas funcións da obra e ábreche un camiño amplo para
achegalo aos teus alumnos, se es ensinante. Os mediadores ou mediadoras deben
reler aquelas obras coas que traballan nas aulas. Hai que tentar sacarlle o
zume ao máximo para que os alumnos gocen e perciban o espírito literario que te
levou a recomendar ese libro.
Relín moita LIX nestes últimos meses. Pensei nos meus
alumnos e tamén en min mesmo.Fixen a relectura de Noite de voraces sombras de Agustín
F.Paz (comprendín mellor certas obsesións que viven no libro) e gocei coas
dúas novelas de Marilar Aleixandre, Rúa Carbón e A cabeza de Medusa. Dous libros intelixentes no tratamento de
temas tan delicados como a violencia en
Euskadi ou a violación feminina.
Escritos de maneira maxistral, permitíronme
descubrir matices que se me pasaran na primera lectura. Lectura/relectura, dúas
facetas decisivas do desenvolvemento lector, que debemos ter en
conta. Encántanme escoitar os comentarios dos mozos e mozas perante un libro, as
súas reflexións e a capacidade que teñen para valorar humanamente a vida que os
rodea. Van descubrindo criterios e referencias que os sorprenden e nos
sorprenden. A literatura debe xogar o seu papel.
Mentres soa
“Working class hero” de Lennon, penso nisto e en moitas máis cousas. Música e
literatura, sempre da man. E canto axudan a sentirse ben!
(Versión acústica da canción)