Corrían os anos 2008 e
2009 e na Radio Galega había un programa que se chamaba Un día por diante. Neste programa o escritor X.H. Rivadulla Corcón tiña unha colaboración diaria, uns enxeñosos
relatos curtos situados en Moraime e xa convertidos nun libro cheo de humor e
afectos diversos.
Moraime é unha pequeña vila con mar,
tranquila, na que os habitantes soñan coma en ninguna outra vila do planeta.
Moraime ten un mercadiño moi peculiar porque nel só se atopan catro productos
en exclusiva: viño, flores, peixe e poemas.
O centro vital da vila é a taberna onde os
homes e as mulleres comparten a vida ao tempo que comparten o viño. Moraime ten
unha estrutura da vida moi poética. Moraime é unha vila aberta ao mundo.
Rivadulla Corcón é poeta, dramaturgo e
guionista. traballa dirixindo e escribindo programas para a TVG, especializado
en documentais.
Rivadulla Corcón fixo varias incursións na
LIX galega e ten unha obra consistente en varios eidos da mesma. Cando dirixía
o programa radiofónico A Casa do
Vagabundo, dedicado ao libro galego, tiven a fortuna de coñecelo
persoalmente. Unha persoa íntegra, honesta e chea de inquedanzas.
A luz das palabras,
esa sección tan coidada do noso blog-revista, precisaba da súa voz. Pedinlle
que nos permitise publicar un relato de Moraime,
pequeña vila con mar, editado en 2015 por Edicións Positivas. Xosé Henrique aceptou xenerosamente. E aquí
está para que o poidades ler e desfrutar del.
Un pracer, amigo, e moitas grazas.
(Do libro “Moraime, unha vila con mar”. Edicións Positivas.
2015)
AS VISIÓNS DO MARIÑEIRO
X. H. RIVADULLA CORCÓN
Houbo unha
vez un mariñeiro que viu un día unha serea pasar a carón da súa gamela no medio
do mar. El fíxolle un xesto coa man para saudala e ela acercouse á borda da
embarcación e ofreceulle un fermoso sorriso. Tamén viu o mariñeiro un día
chorar a lúa, non sabe por que choraba, non llo puido preguntar, outros
mariñeiros pensaron que chovía pero el sabía que eran as bágoas da lúa. Viu un
día un arroaz vermello que nadaba levando sobre o seu lombo un corvo branco e o
corvo levaba un grillón oxidado na pata esquerda, e ás veces o grillón facíalle
sangue e tinxía o lombo do arroaz.
Viu un día xurdir do fondo do mar unha
muller fermosa de cabelos louros que ofreceu ao mariñeiro a espada Escálibur,
pero el rexeitouna, díxolle que só era un mariñeiro e non quería ser outra
cousa. Unha noite viu caer unha estrela do ceo, caeu envolta en lume e cando
entrou na auga converteuse en cristal e el puido collela co seu trueiro e cando
mira a través dela ve o universo enteiro. Viu o mariñeiro, tamén, un hipocampo
unicornio, levantouno no aparello e como tiña a mirada moi triste devolveuno ás
augas, e o hipocampo unicornio en agradecemento fixo que o cardume de sardiña
entrase todo na súa rede. Viu tamén ao
vento xogando a facer formas coas nubes, fixo unha balea e tamén un marraxo, e
un galeón e unha gamela, e o máis fermoso que fixo foi darlle forma de sorriso
a unha das nubes. Coñeceu un gato que era mariñeiro e se chamaba Simbade, e o
que máis lle gustaba pescar era xurelos que preparaba á grella.
Todas estas
cousas viu o mariñeiro pero a ninguén llas contou, tiña medo de que o tomaran
por tolo e o quixesen encerrar para curarlle a súa loucura. El non sabía que
hai lugares como a pequena vila con mar de Moraime onde aos mariñeiros que ven
esas cousas lles chaman poetas e non os queren curar.
(Do libro “Moraime, unha vila con mar”. Edicións Positivas.
2015)
Sería este o mariñeiro visionario? |