Manuel Veiga. Foto de Ana Mosquera |
Unha vez máis Manuel Veiga, grande escritor, enorme
lector, reflexiona sobre un tema que o apaixona: a lectura.
E faino poñendo o acento na importancia
da literatura xuvenil que chega ás
casas. Pon o acento neses libros que, prescritos nos centros escolares, dormen
nun andel para un día caer nas mans dos adultos e sorprendelos.
Ese libro pode ser unha descuberta e o
inicio, quen sabe!, para entender mellor a necesidade da lectura, ademais de
descubrir a súa importancia na vida de
persoas que viven de costas ao fenómeno literario.
Un interesante artigo que nos permite ver
a outra cara dos libros, pechados no seu momento nas aulas , e que posúen vida
máis alá delas.
A difusión oculta das
lecturas recomendadas
Manuel Veiga Taboada
Percorrendo
certos mercados de rúa ou de segunda man ou observando simplemente os
escaparates das librarías das vilas, un dáse conta de que son os lugares onde
máis libros en galego se ven e tamén que os máis representados son os de
literatura xuvenil.
Estar neses mercados e neses trinques é
un nada desprezábel indicativo da súa importancia social. A literatura xuvenil
existe e a súa presenza non é nin moito menos secundaria.
Resulta evidente que este fenómeno de
difusión ten a súa orixe nas lecturas recomendadas nos colexios e institutos.
Pero o que quero destacar aquí é que esa oferta non queda reducida ao espazo
escolar. Os libros chegan ás casas, fanse visíbeis e circulan entre a sociedade.
É dicir, a literatura xuvenil –non toda ela, claro– chega, nunha segunda vida,
aos adultos. E isto, en calquera sociedade, pero máis na nosa, máis tratándose
de libros en galego, é importante.
Sabemos que boa parte dos adultos non
entran nunca nunha libraría se non é para mercar un libro escolar para os seus
fillos. Sabemos tamén que eses mesmos adultos consideran prescindíbel o gasto
en libros e sabemos, por último, que moitos deses adultos conservan aínda certo
prexuízo contra a lingua galega: non a tiveron no ensino, non a consideran útil
e, en definitiva, non a ven como igual ao castelán.
Agora consideremos outro aspecto. Por nivel
económico e cultural, resulta que a lectura, en moitos casos, máis apropiada
para este amplo sector social é a lectura chamada xuvenil.
Pola
estrutura das frases (sen moitas oracións subordinadas, para entendérmonos),
polo vocabulario (non demasiado complexo), polo recurso a unha trama clara e
por outras razóns máis, resulta que unha boa parte deste tipo de literatura
acaba sendo a máis adecuada para un amplo número de persoas, desas das que
xeralmente dicimos “que non len”.
O
único modo de que un libro, e máis en galego, caia nas súas mans é que xa estea
na casa, que xa estea amortizado.
Unha
tarde longa, algo que está enriba da mesa, unha lapela que fala dun tema
atractivo e resulta que ese libro –obxecto estraño, ao principio– acaba por
resultarlles interesante, fala do que nunca imaxinaron ou do que sabían pero
nunca comentaran en público.
No
que respecta á lingua, e posto que ninguén os examina e ninguén os observa,
poden descubrir talvez por si mesmos que entender o galego escrito non é tan
difícil e que, se che interesa o que estás a ler, avanzas sen apenas darte
conta.
A
literatura xuvenil utiliza, ademais, polo común, unha forma pedagóxica que a
este tipo de lectores lles resulta bastante apropiada. Algúns, incluso, pode
que se inicien, deste modo, no gusto pola lectura. Isto último, dependerá,
claro, doutros factores: de que exista un clube de lectura na asociación de
veciños ou de que teñan con quen comentar o que leron sen acomplexarse nin
sentirse inferiores ou de que, simplemente, sigan encontrando os libros
adecuados. Moitas veces, os fillos rematan o período escolar e non volven
entrar máis libros na casa. O adulto pode sentir entón esa carencia, pero aínda
así talvez non dea o paso de achegarse, el só, a unha biblioteca ou a unha libraría.
As limitacións económicas e culturais son case sempre unha carga difícil de
eliminar.
Mais,
aínda así e con todos os matices e variantes pertinentes, creo que a literatura
xuvenil está filtrándose, producindo un certo achegamento á cultura en galego
por parte dos adultos. Sobre todo entre os de extracción popular, pero non só.
Algunhas persoas, de clase media, perden tamén os seus propios prexuízos, ao
comprobar que as novelas en galego non son propaganda política, que soan ben e
que con elas poden chegar incluso a emocionarse.
Nos
círculos literarios sempre se di que en Galiza non existe unha literatura popular.
Pois ben, esta, cos pros e contras que se queira, podería selo. Abondaría, en
moitos casos, con modificar o rótulo. Poñan popular en lugar de xuvenil e,
talvez, o problema se resolva. A fin de contas, que é Memorias dun neno labrego: un libro xuvenil ou unha novela popular?