miércoles, 10 de diciembre de 2014

"ÍCARO", DE FEDERICO DELICADO, UN ÁLBUM ABRAIANTE PARA GOZAR DA BELEZA E PARA VOAR EN LIBERDADE




     ÍCARO
     Federico Delicado.
     Editorial Kalandraka. 2014.


   Non me estraña en absoluto que “Ícaro” de Federico Delicado gañase o “VII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados”. Un certame dun prestixio enorme ao que se presentaron 255 obras de 21 países cun “altísimo nivel”, segundo a opinión do xurado.
     
Federico Delicado (dcha.) con Xosé Ballesteros.
     Estamos diante dunha obra abraiante que sacode a conciencia do lector a través dunhas ilustracións profundas e dun texto contido, claro na linguaxe e algo kafkiano no fondo que, sen dúbida, o fará pensar, reflexionar sobre os camiños que se poden tomar.
      
     Direi que houbo momentos nos que me sentín desacougado, transitando entre os dous planos da narración (moi intelixente, por certo),pero rematei cunha nidia sensación de esperanza, de ser capaz de rachar cadeas, de fuxir, de voar en liberdade.
      
     “Ícaro” é unha historia de atmosfera intensa. Unha atmosfera densa que che fai dubidar onde está a realidade e onde, a fantasía. Golpea dun xeito insistente e ten moitas lecturas. Chamoume a atención a estrutura, a actitude serena do rapaz protagonista fronte á rixidez das institucións, a súa esperanza no papel que desenvolven os pais e o equilibrio evidente entre texto e ilustracións. Non se pode dicir que a parte plástica teña máis importancia, malia ser un álbum ilustrado. O texto ten unha forza ben clara e o conxunto resulta verdadeiramente exemplar.
      

     Como as grandes obras deste estilo, ten varios niveis de lectura, non deixa indiferente a ninguén e provocará, estou seguro, nos lectores e lectoras sensacións moi positivas.
      
     “Ícaro” é un símbolo da superación, da loita por acadar espazos libres, dos anhelos de descubrir aquilo que se nos agocha, da inquedanza do ser humano por atoparse e coñecer as posibilidades que a sociedade lle ofrecen.
      
     Pero, non debemos esquecelo, “Ícaro” é, ante todo, unha obra de literatura e arte plástica. Un deses libros que se deben ler máis dunha vez, con persoas de todas as idades, para compartir eses momentos entrañables que os bos libros agasallan a quen os sabe valorar.
      
     Unha vez máis, este ilustrador, nacido en Badaxoz (1956) ofrécenos unha obra dun altísimo nivel.
       
Federico Delicado
     Federico Delicado, que tamén escribe a historia, leva ben anos ilustrando obras dos grandes autores (Gianni Rodari, A.R. Almodóvar, Alice Vieira, Ana Mª Machado ou Juan Farias, entre outros). Leva participado en exposicións de pintura e de escultura e xa se converteu nun dos ilustradores españois máis prestixiosos.

                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO