miércoles, 24 de diciembre de 2014

COÑECER "O APALPADOR", UN PERSONAXE ENTRAÑABLE.



Ilustración de Francisco Ameixeiras Sánchez

     Xa que estamos no tempo do Nadal, non está de máis que, entre Papá Noel ou Santa Claus, os Reis Magos etc. saibades un pouquiño dunha figura moi nosa, bastante descoñecida e bondadosa. 
     Estou a falar do Apalpador.
          
     Teño diante miña un conto que se chama “Antón e O Apalpador”, editado pola editorial Barafunda.
     Un conto de Nadal sinxelo e cálido que nos presenta a este xigante, carboeiro de oficio, que vive nas devesas do Courel, dos Ancares e de Trives e baixa na noite de Nadal ata as aldeas e estar preto dos nenos e nenas mentres dormen. Con moito coidado apálpalles as barrigas para ver se non pasan fame e están ben mantidos.
     Logo de lles desexar que no ano vindeiro non pasen fame , marcha deixándolles unha morea de castañas ben quentiñas e, se seportaron ben, algún xoguete de madeira.
    

     Disto trata esta entrañable historia, “ Antón e O Apalpador”, escrita por Manuel castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións e deseño de Francisco Ameixeiras Sánchez.
     O libro remata cun poema, unha cantiga en realidade, que leva por título “Cantiga do Apalpador”, unha Cantiga de Amadora de Galego, recollida en Romeor do Courel por José André López Gonçâlez en 1994. Ten, ademais, uns xogos de pintar, buscar, andar por un labirinto para facer que o pequeno lector reforce máis, se cadra, o lido ou escoitado na historia.

      
     A Cantiga di así:

Vaite logo meu meniño
marcha agora para camiña
que vai vir o Apalpadore
Ilustración de Francisco Ameixeiras Sánchez
a palparche a barriguiña.

Xa chegou o día grande
día do noso Señore
xa chegou o día grande
e virá o Apalpadore.

Mañá é día de Cachela
que haberá gran nevarada
e a de vir o Apalpadore
cunha mega de castañas.

Alá por aquela cemba
mira xa ven relumbrando
o señor Apalpadore
para darvos o aguinaldo.

      
     Curioso personaxe que forma parte da nosa tradición popular e que debemos coñecer, pois enriquece un pouco máis esa serie de personaxes máxicos que transitan polo noso Nadal.

                                                                              




                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO