CLAUDIO RODRÍGUEZ FER
(Lugo, 1956)
A ÁRBORE DA VIDA*
Entre a árbore da vida
e a árbore da morte
só a muller reenxendra
o desenxendrado polos homes.
Estivo na orixe
Acompaña ata a fin
na dor
e aínda despois
da dor,
como absorbéndoa.
Está sempre
onde estivo,
acariñando.
A nai é o contrario do fascismo.
ANTICREDO **
Non creo en Creacións,
pero si en creadoras.
Non creo en Deus, pero si nas deusas.
Non creo no Home, pero si en
mulleres.
Non creo en partidos, pero si en
partidas
Non creo nos votos, pero si nas
botas.
Non creo en poderes pero si en
mulleres.
Non creo nos fados, pero si nas
fadas.
Non creo nos bruxos, pero si nas
meigas.
Non creo en saberes, pero si en
mulleres.
Non creo nos focos, pero si nas
focas.
Non creo nos peros, pero si nas
peras.
Non creo en deberes, pero si en
mulleres.
Non creo nos cartos, pero si nas
cartas.
Non creo en haberes, pero si en
mulleres.
Non creo en min mesmo, senón en ti
mesma.
Non creo nos creos, pero si en que
creas.
No creo nos bicos, salvo se me bicas.
Non creo nos ceos, pero si en
mulleres.
AVE NO BOU***
Auga negra da noite
Auga fervente do amencer
Auga asolagando espazo e tempo
Auga asolagando a angustia
Auga asolagando a auga toda do mar
Auga que só detén a detonación
Auga da que nace a ave das augas
A ave que emerxe e voa do bou
arrastrando compañeiro e camaradas
recollendo crías entre plumas de nube
Voando
Ave no bou
Eva no ceo
Homenaxe ás mestras. Ilustr. de Sara Lamas
* O poema A ÁRBORE
DA VIDA está dedicado a Cinta Rey, que quixo
ser retratada por Amalia Álvarez Gallego (viúva de Alexandre Bóveda), ante a
árbore da fraga da Caeira (Poio) onde fora fusilado o seu fillo Víctor Casas o
12 de novembro de 1936.
** O poema ANTICREDO está dedicado a
Claudia Murici Silva e Claudia Delso Carreira.
*** O poema AVE NO BOU é unha lembranza a
a angustia da nai moza Carmen de Miguel Agra, que preferiu suicidarse co seu
marido, Ángel Nogueira Nogueira, e outros sete fuxitivos no bou Eva antes que
seren apresados, no porto de Vigo, o 23 de abril de 1937.
Tamén, ás
súas fillas Concha e Carmen e aos cronistas Xavier Costa Clavell e Carlos
Fernández Santander.
(Do libro Ámote vermella, editado por Ed.
Xerais. 2009.)