martes, 8 de abril de 2014

ESCAPARATE POÉTICO (XXXIV) Cristina Ferreiro Real.







CRISTINA FERREIRO REAL  (Lugo, 1983)



Non nevará
sobre as árbores de inverno.
Esta dor de brazos
e tanta absurdez
cumulándose nas rúas.

Mentres a luz tenue
Cristina Ferreiro Real (Foto de Alfredo J. Pardo)
de tungsteno
rabuñarás a parede
alongando os días.

Non nevará
no lugar onde onde nos crecen
mazairas no cabelo.




De onde veñen os estorniños
e esta humidade de por dentro,
ónde a gramática triste
e esta liturxia do concepto.

Ónde facer o amor
nesta cidade de luto extasiado.
Ónde nos atoparemos
se é que nos atopamos.
De ónde veñen os calambres,
esta grima,
o noxo brutal de habitar en formol
en postura extrema

é difícil?




 
SOMOS
tan só
aparencia do estatismo,
atlas da derruba.
Ti canta,
escarvando
con hostilidade
esta pel dura
e difícil.





NON  perseguirás o meu rostro
nin o rastro desta voz quebrada.
Serei torsión    afogo    esquezo
un nome detido a contraluz,
abecedario póstumo
da carencia
con todas as letras
do drama.








(Do libro Abecedario póstumo. XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño. Editado por Espiral Maior. 2013)