lunes, 11 de febrero de 2013

CADERNO ÍNTIMO (I)

  
   Páxina Primeira






Estou de costas ao mundo.  Supoño que se verá ben. Ninguén sabe onde pouso a miña ollada. Nin o saberá. Sinto un ruído infernal e certas aguilloadas detrás de min. Non volvo a cabeza protexida polo meu querido sombreiro. Ese que evita, ás veces, as acometidas da mediocridade que me rodea. Ese que me afasta da loucura transitoria. Así non sinto tanto as balas da febre provocada. Mais tampouco non é verdade. De cando en vez movo o pescozo lixeiramente da dereita á esquerda. E, como a miña amada Rosalía, pregúntome:  Que pasa arredor de min? / Que me pasa qu´eu non sei ¿ (…) e interiorizo o resto do poema.
Chove. Vai frío. Tebras disfrazadas. E levo ben de meses tremendo por fóra e sentindo os latexos da miseria, sen adxectivos, por dentro.
Sinto certos amigos e amigas sinceros moi de preto.
E a miña médica de cabeceira. Un anxo. E a enfermeira. Un encanto.
E os fillos. Un tesouro.
E a muller que me ama. Fico sen verbas diante dela.
Mais hoxe a miña intimidade non deixa pasar a ninguén a quen poida tocar. Abáfame a anguria. Non quero conversar. Prefiro escoitar algúns versos.Si, deses poetas que, aínda que morresen hai séculos, anos, meses ou días, son os que están vivos e non me poden tocar. Nin eu a eles.
Gustaríame que viñese Pimentel. Gustaríame atoparme con León Felipe.  Apetéceme ese diálogo sen palabras que mantés coas páxinas dos libros. Ou non dialogar. Simplemente escoitar o que che din, que non é pouco.
Un ataque de ansiedade é un golpe baixo que a un púxil, coma min, que cría poder con case todo, lle fixo dobrar os xeonllos.  E dobreinos.  Quen o diría! Sei que debo erguerme , pero non é doado. Estás só diante de ti mesmo.  Sentes a vertixe dentro das túas bágoas. Non podes mirar cara abaixo. Maréome. Síntome coma un crebacabezas no estrondo  do xentío. A luz semella  esmorecer.
Ludwig Van Beethoven
De súpeto, paseniño, comezo a escoitar unha música que me emociona. É a 7ª sinfonía de Beethoven. Non quero saber quen a dirixe, aínda que o sospeito. Beethoven, bendito xordo xenial. Para el non ten portas a miña intimidade. Eu sigo de costas e déixome levar pola orquestra. Sei que ao máis mínimo golpe caerei.  Voo a través desa música coñecida e agárrome a ela. Maxestoso ese Poco sostenuto – vivace  que dará paso ao Allegretto  para chegar ao emocionante Presto- Assai meno presto  para que eu siga voando. Oirán os meus oídos o triunfal Allegro con brío? Non o sei. Hoxe vivo en negro. Mais a música…
No medio do meu retiro musical, detrás de min soan unhas vellas palabras coñecidas.  En efecto, son os versos de León Felipe petando na miña intimidade. Ábrollela. A voz dun poeta canso, éncheme de vida. O poeta de Tábara (Zamora) axudoume noutrora a acender as candeas dos desexos. En voz baixa, ao oído, a súa voz vai deixando esvarar : ¿Qué / importa / que la estrella / esté remota / y deshecha / la rosa? (…) Fala de min? Talvez. Eu permanezo de costas e, neste intre, non sei nada de estrelas nin de rosas, pero me gusta o que oio. Malia todo, estou desconcertado e albisco con dúbidas o horizonte. Non quero mirar o chan. Non quero volver a cabeza. Estrelas? Rosas? E a mesma voz do poeta, sobre o Poco sostenuto beethoveniano besbella: Aún tendremos / el brillo y el aroma.
Brillos de estrelas? Que lonxe!
Recendos das rosas? Que lonxe!
Agora,  lembro un magnífico verso de Ángel Guinda que di : ¡Qué soledad más sola estar sin mí!  Decido buscarme no mundo das sombras. Irei na procura dunha chave que abra os muros dos  labirintos e as ondas asasinas do mar, antes deste meu naufraxio.
León Felipe
Quero chegar ás ilusións perdidas.                                                             
Quero saír dos cascallos da hipocrisía.
Quero ver o sol limpo ou, se cadra, máis aló.
Quero. Quero. Quero. Quero. Que difícil  resulta conxugar os desexos!
Os versos de Luis Pimentel non veñen hoxe.  Quizais mañá ou pasado… Eu sei que virán.
Volve León Felipe á miña memoria.
E eu, tamén en voz baixa, póñome a dicirlle a un paxaro que pousou á miña beira, un poema moi belido do poeta, exiliado en México tras a guerra:
¡Que día / tan largo… / y qué camino / tan áspero…/ qué largo es todo, / qué largo…/ qué largo es todo / y qué áspero (…)
E vou adormentándome. Posiblemente sexan as pastillas. Eu prefiro a música e mais a poesía pero…
Sigo de costas ao mundo co meu sombreiro. Non sei se é un soño ou non. Porque sinto no meu ombro a man delicada da muller que me ama. Non miro atrás. Déixome levar. Sei que é ela. E cos ollos cerrados continúo avanzando na miña viaxe imposible, mentres se vai afastando a conmovedora sinfonía de Beethoven ata chegar ao silencio total. Dende el , sigo de costas ao mundo; de cara ao tempo de ausencias. E noto a calor desa man.

                                                                                     
                                                                  

                                                                             O VELLO SOÑADOR