jueves, 27 de diciembre de 2012

Outra vez falamos de Malasartes

Quen me coñece sabe da miña paixón por Bob Dylan. Así que un amigo (Grazas, Xan) me envía un enlace para que entre en internet. Fágoo axiña e leo que un cantautor asturiano, Toli Morilla, presenta un traballo curioso: Diez cantares de Bob Dylan n´asturianu. Escribo un mail a unha amiga que vive en Sama de Langreo e, aos poucos días, recibo o CD. (Grazas, Rosa). Estaba a escoitar unha versión moi digna de "Hurricane", cando chega a revista Malasartes. Unha xoia. Un proxecto do que debemos sentirnos orgullosos os que amamos a LIX. Coidadosamente editada, é un agasallo para a vista. Un proxecto aberto, serio, rigoroso. Única revista literaria escrita ao 50% en galego e portugués.

O seu director é o prestixioso escritor luso José António Gomes e a subdirectora, Blanca-Ana Roig, a quen tanto lle debe a nosa literatura infanto-xuvenil. Ademais da elegante dirección artística de António Modesto, debemos salientar un comité científico vencellado a diversas universidades e un equipo de redacción de alto nivel. Son dous números ao ano, nos que atopamos perfís e entrevistas con creadores/as, textos orixinais, estudos profundos sobre as distintas facetas da LIX (álbums, poesía, oralidade…) ademais de experiencias creativas, prácticas lectoras, referencias a coleccións literarias ou críticas de libros de ambas beiras do Miño. Unha publicación de lectura proveitosa, indispensable para mediadores, estudosos, investigadores e toda persoa interesada nestes temas. Hai que denunciar, iso si, a deficiente distribución da revista en Galicia. Unha mágoa, porque proxectos así deben estar moi preto de nós para aproveitalos a fondo.



Escribín este artigo hai un tempo xa, no desaparecido semanario A Nosa Terra.

E mira por onde, volvo insistir sobre o mesmo tema uns anos despois. Fágome preguntas que non me atrevo responder. Unha delas, sería esta: Como é posible que certa pasividade dos docentes que fomentan a lectura non dean a importancia que merece Malasartes?


Procuro non contestar, polo menos, publicamente.




                *          *          *          *

No marco das “I Jornadas Internacionales de LIJ, promoción de la lectura y prácticas educativas “, celebradas en Vigo no mes de novembro, Malasartes volveu a estar presente no programa. Como debe ser, digo eu. Malasartes volveu sorprender, mesmo abraiar a aqueles ou aquelas que non a coñecían. Volveu ser esa referencia indispensable para os que xa sabiamos dela. Malasartes é , sen discusión, unha ferramenta esencial para todos os que amamos/loitamos a prol da LIX, esteamos onde esteamos. Malasartes mantén, malia os atrancos dunha época difícil, a calidade pola que debe ser recoñecida e respectada. Mantén unha liña elegante na súa concepción estética, resulta ambiciosa nos seus contidos, e posúe unha vocación investigadora da que carecen as poucas que quedan. (Por certo, a miña admiración a todas as publicacións que continúan na rúa vencendo todos os problemas para achegar a LIX ás persoas). Malasartes é unha revista pedagoxicamente intelixente, cun carácter didáctico envexable, que aporta prácticas educativas imprescindibles no eido da lectura, para que os docentes se sintan motivados e algúns rachen a monotonía dos seus discursos. Malasartes busca lectores non acomodados. Malasartes ofrece ideas para que, tras reflexións necesarias, os ensinantes teñan unha mellor formación literaria.

E eu pregúntome. Por que non figura nas bibliotecas do noso país? Por que non ocupa un lugar importante nas nosas escolas co obxectivo de mellorar os sistemas de ensino da LIX? Por que pechan os ollos mestres/as e institucións diante desta ferramenta pedagóxica? Supoño que non será porque os docentes pensan que xa saben moito. Non o creo. Iso sería unha necidade. Ao mellor haberá que mellorar a distribución, non o sei, pero non é nada desatinado pensalo. Cada páxina de Malasartes resulta unha fiestra aberta ao coñecemento, así, en xeral. Cada estudo, cada entrevista, cada crítica etc. abren horizontes nidios para que, mirando cara a el, poidamos medrar como persoas e como profesionais.



Nestas Xornadas, unha vez máis, dúas persoas, para min cun alto grao científico nesta materia, José António Gomes (ESE.IPP. Porto / LIJMI), director da revista, e Blanca-Ana Roig Rechou (USC / LIJMI), subdirectora da mesma, falaron de Malasartes e insistiron o apoio que unha revista destas características pode ofrecer para continuar mellorando na formación lectora do alumnado. Unha vez máis falaron, amosaron polo miúdo a publicación e achegaron os seus obxectivos aos asistentes.

E eu penso que, por desgraza, haberá que seguir falando, amosando as súas bondades.


Unha mágoa porque, para min, Malasartes é a mellor, a máis completa revista literaria de LIX que se fai nestes momentos. Cunha periodicidade bimestral, Malasartes está petando na porta de cada un de nós. De Malasartes non se debería falar xa, se esta sociedade nosa estivese normalizada, porque a mesma revista falaría por si mesma.



Malasartes converteuse en algo valioso e necesario, pero, lamentablemente non é coñecida de abondo.

Ata cando haberá que seguir convencendo a xente da necesidade dunha revista como Malasartes?


De verdade. Créanme, por favor. Malasartes agarda a súa atención. Utilicen o boca a boca, pregunten por ela e poden estar seguros de que non se sentirán defraudados.


ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO