Guillermo Fadanelli |
Vexamos. Un amigo, J, descubriume un libro que me engaiolou. Escrito polo meu admirado César Aira, non está publicado en España. O seu nome, La vida nueva. Ed. Mansalva (Bos Aires 2007). Enxeñoso, crítico, ben escrito. Literatura pura. Direi que non me gusta ler libros que, unha vez rematados e saboreados con pracer, non poidan pasar a formar parte da miña biblioteca. As segundas lecturas dunha obra de interese son máis que interesantes e enriquecedoras. Por iso, o bo de J tivo que remover Roma con Santiago e, a través dun amigo, conseguirmo. Eu, visto o tremendo esforzo levado a cabo, agasalleille Hoy, Júpiter, de Luis Landero, de quen non lera nada.
Outro amigo, M, faloume un día dunha escritora, nacida en Kiev en 1903, chamada Irène Némirovsky. Nunca escoitara falar desta muller, cun enorme talento, que viviu unha vida durísima e que morreu traxicamente nun campo de concentración aos trinta e nove anos de idade. Lúcida, brillante, cunha prosa elegante e unha ollada aceda e intelixente, esta escritora deixoume emocionado tras ler El baile, David Golder e , sobre todo, a súa obra mestra, Suite francesa.
Glenn Gould |
E o mesmo sucedeu coa música clásica, hai xa ben anos. O meu amigo, G, abriume as portas do mundo xenial do pianista Glenn Gould (xa o sei. Seino ben que moitos o odian por excéntrico e heterodoxo). Eu adóroo. Apaixóname. E non só polas súas dúas edicións das Variacións Goldberg de Bach, inigualables para min, senón porque revoluciona a maneira de tocar o piano e fai tratamentos marabillosos de Schoenberg, Krenek ou Berg, entre outros. Pois a este amigo que vive en Bilbao, eu descubrinlle un dos grandes mestres da batuta, Sir Georg Solti, mestre de directores. Son trocos extraordinarios que serven para unir e encher tantas e tantas lagoas que temos no coñecemento da vida.
Eu recomendeille, para comezar, a novela La otra cara de Rock Hudson e o libro de relatos, para min maxistral, Compraré un rifle. Esperaba que fosen do seu interese e así foi. Como di do autor mexicano, Christopher Domínguez Michael, en Reforma: “Sobre todos los tópicos que su narración le va exigiendo, Fadanelli tiene una opinión aguda e inteligente que dar, pues es uno de esos escritores que no dejan de mirar un objeto hasta extraer de él todas sus posibilidades.”
Estou de acordo con esta afirmación.
E algunhas semanas despois, debería recibir unhas opinións do meu amigo. Enviáramas a través do móbil. Digo debería porque ao meu nunca chegaron. Cando o atopei nunha libraría, díxome que non contestara a súa mensaxe. Eu non sabía que debía contestar.Daquela, colleu o seu móbil do peto e amosoume as devanditas opinións. Boteime a rir ás gargalladas. Eu ensineille o meu móbil. Non había ningunha entrada súa. Como é algo despistado, díxenlle que mas enviase polo correo electrónico. Fíxoo e confesoume que enviara as mensaxes ao número da miña casa.
Non me estrañou nada. Cando volvín ler as súas opinións non puiden menos que botar outras risas perante o seu humor e mais o seu enxeño.
E escribiu isto:
Me jale el pinche libro del Fadanelli. Historias de meros pendejos, no más. Pero está puto. El gringo Hudson debía ser orgulloso de su cara. (Referido á novela)
Pinches relatos. Como sabe el Fad, hijo de la gran chingada! Y como entiende de güebones y de mujeres con cuerpo de lagartija. (Referido ao seu libro de relatos)
“Isto teño que contalo”, pensei.
E aquí está reflectido.
Marabillosa literatura.
Marabillosas recomendacións.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO