martes, 25 de diciembre de 2012

No xardín de Ledicia

En este nuevo artículo, Antonio García Teijeiro nos habla de Ledicia Costas, una de las escritoras jóvenes más interesantes del panorama literario gallego actual, que, como Antonio, ama y cultiva tanto la narrativa como la poesía. Presentamos el artículo en su versión original en lengua gallega, animando a quien lo lea a que se acerque a la obra de esta autora que, como el propio Antonio dice, "ama con locura las palabras".

Ledicia Costas é unha escritora nova, á quen veño prestando unha atención dende hai ben tempo. Agradable, agarimosa, sempre proclive á sorpresa, foi un pracer coñecela nunha mesa da desaparecida cafetaría que había na Casa do Libro. Deille algún libro meu e pareceulle un acto de xenerosidade esaxerada. Ela tamén me agasallou uns volumes colectivos nos que descubrín que alí había unha magnífica escritora.

Eu xa lera a única novela xuvenil que publicara anos atrás. Penso que foi polo ano 1999 cando caeu nas miñas mans un libro emocionante publicado por Edicións Xerais de Galicia, na súa colección Fóra de xogo. Chámase Unha estrela no vento. Leveillo para que mo asinase. E púxome a seguinte dedicatoria: “Para Antonio, esta primeira estrela que, como a maxia das palabras, viaxa no colo do ceo.”. Unhas verbas moi poéticas que me encantaron. Eu sabía, polo que coñecía dela, que no seu interior estaba a agromar unha magnífica poeta.

Gocei coa novela escrita, supoño, arredor dos dezasete anos. Unha novela que anunciaba proxectos sólidos.

Moi pronto descubrín que Ledicia amaba con loucura as palabras. Por iso, porque eu estaba seguro de que tiña talento, animeina a seguir adiante. A conversa foi moi gratificante para min. Estabamos en febreiro do ano 2011. Ledicia tíñao claro. Estaba atrapada pola literatura. Nunca deixou de escribir. Publicou os seus textos en libros colectivos, recibiu algúns recoñecementos na súa época universitaria e pertence a diversos grupos de acción literaria que tanto están a facer pola literatura, dende a óptica da xente nova. Ledicia ten moito que aportar, pensei eu. Afortunadamente non me enganei. Ah! E forma parte actualmente da directiva de Gálix.

No ano 2012 , aparecen no mercado dous libros firmados por Ledicia Costas. A alegría que sentín foi enorme, ademais de moita curiosidade. Un deles, unha novela, publicada tamén por Edicións Xerais, que leva por título O corazón de Xúpiter. En pouco tempo poñereime con ela. O outro libro é un dos mellores poemarios xuvenís? que lin ultimamente. O seu título, Xardín de inverno, editado, nesta ocasión, por Everest-Galicia.

Este poemario conmoveume, chegoume ata o fondo, tanto polos temas que hai nel como pola calidade dos seus versos. Conmoveume dende a primeira páxina ata a derradeira. Versos dunha intensidade emotiva que engaiola. O drama da morte aparece no seu discurso poético e tamén a espera, a necesidade de que os acontecementos volvan cara atrás na procura de perdas sufridas e o recordo das persoas que precisa para vivir. Feitos que han conducila a atoparse ela mesma como poeta. É unha viaxe polos sentimentos, non sempre doada, coa que a autora loita a través dos poemas para coñecerse como persoa e, dende ese punto, axudala a transitar o mundo que está a vivir. Nas catro partes (máis unha paréntese) en que está construído o poemario, fainos sentir a dor provocada pola desaparicións dos seres queridos, e recórdaos e sénteos preto dela. A morte é a etapa final do ser humano, mais coas súas palabras permanecen vivos canda ela. A autora necesita esa permanencia para non caer no baleiro, para que habiten coa poeta en versos que escribe no seu xardín.

Leamos este fragmento dun poema: "e alá / tan alto / tamén penso en que o meu xardín / é o lugar perfecto para pasar os invernos / e as estacións que más doen / habito un xardín / e xiro a cabeza ao compás / do mapamundi da vida".

Sentimentos abertos e íntimos á vez. Espazos creados por e para a vida. En definitiva, pura poesía.

Para rematar vou deixar no vento para que nos recite un dos máis emocionantes e intensos poemas de Xardín de inverno. Pero, aviso, non é o único.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO


a miña avoa morreu

levou con ela o corazón da figueira

e a súa sombra de estío



as hamacas no verán eran unha terra fresca

onde os coleópteros trazaban microclimas

arredor de nós



pero xa non,

e aínda que seguimos tendo un galo portugués

que muda de cor cando chove,

ela non vai volver



ela non vai volver

amasar roscas na mesa da cociña,

ela non vai volver pasear os seus ollos de galaxia

a través dos vestidos novos