sábado, 7 de diciembre de 2024

FAÍSCAS (24) Andando cos "Zapatos máxicos" de Fernando González Graña

 




Cando impartes obradoiros poéticos, a un lle xorden moitas dúbidas sobre os verdadeiros intereses dos e das participantes e sobre os obxectivos a acadar.

Teño que dicir que, afortunadamente, os moitos que fun dando sempre me reportaron enormes satisfaccións persoais. Fíxome nesas persoas que aman fondamente a palabra poética e que posúen unha vea persoal amable e afectiva.

Un desas persoas é Fernando González Graña. Dende o principio, simpático, interesado e con ganas de aprender o que alí se propoñía.

Non deixei de estar en contacto con el ao longo dos meses.

O pasado sábado 30 de novembro estaba no Culturgal en Pontevedra.


Fernando González Graña con AGT en Culturgal

Foi fermoso atopalo -el veu a propósito para verme- , darlle o abrazo tantas veces desexado e velo moi feliz.

Traía baixo o brazo un libro de poesía infantil, Zapatos Máxicos (editado por Edicións Fervenza), cunha fermosa dedicatoria á miña persoa.




Sentinme encantado por todo. Hai persoas que non debes deixar escapar dos teus sentimentos. Boa xente que envía cariño xa coa ollada.

Fernando é unha desas persoas e aquí, en Versos e aloumiños, sempre terá un sitio para o seu traballo.

 

Velaquí un precioso poema contido no libro antes citado.

 

                               ECO

 

Teño unha voz xemelga,

que vive nas montañas,

cando lle falo moi forte,

arremédame con ganas.

Se berro o meu nome,

logo ela me contesta:

María! María! ía! ía! Ía…!

e nunca se cansa e nunca protesta.

 

Un día na primavera,

     ireina visitar,

para falar con ela,

para poder xogar.


                                                                                            Antonio García Teijeiro