TÍTULO: Gelsomino no país dos mentiráns.
AUTOR:
Gianni Rodari.
ILUSTRACIÓNS: Pablo Otero.
EDITORIAL: Kalandraka
Colección SETELEGUAS
Gelsomino
no país dos mentiráns é un fermoso, máxico e tenro conto no
que podemos observar despregado o fantástico universo creativo de Gianni Rodari, onde todo é posible e as
fronteiras entre o real e o irreal imperceptibles, ademais de facernos
reflexionar sobre o abuso do poder na falta de liberdade, as consecuencias da
mentira e a discriminación do diferente.
Gelsomino é o protagonista desta historia, un personaxe
entrañable que naceu cun poder na súa voz, o que lonxe de achegarlle beneficios,
vaille provocar unha serie de inconvenientes que será quen de superar grazas ao
esforzo, á xenerosidade e á amizade daqueles, que coma el, cren na existencia
dun mundo mellor, máis xusto e plural. Xa de cativo tivo que enfrontarse á
recriminación da súa potente voz porque facía esnaquizar todos os cristais da
escola. De mozo, coa axuda da súa voz podía recoller a froita que caía dende as
pólas sen necesidade de nada máis. Pero canso de ser o centro das miradas
decide marchar, deixar atrás a súa vida e chega así ao País dos mentiráns, onde decobre que dicir a verdade está prohibido
e castigado. Será grazas á axuda doutros personaxes incribles (o gato Trespés,
o pintor Plataniño, o xeneroso Benvido Sempre Erguido…) dotados tamén dunhas
capacidades especiais como conseguirán acabar co gris da ditadura que obrigaba
a mentir, e pintar de cores a nova sociedade baseada na liberdade, na variedade e na xenerosidade.
A súa estrutura en vinte capítulos curtos con títulos moi
suxestivos e unha linguaxe expresiva chea de trazos humorísticos cativan o
lector e fano cómplice ao longo de todos eles. Ademais conta cun epílogo e un
compendio das cancións que interpreta Gelsomino.
As ilustracións de Pablo
Otero están en sintonía co texto e danlles vida aos diferentes personaxes
dese mundo marabilloso de Gianni Rodari.
Magnífica iniciativa da editora Kalandraka de achegarlles aos lectores novos os clásicos da literatura infantil e xuvenil universal a través das súas reedicións moi coidadas tanto na estética coma nas traducións dos textos. Desta vez podemos ler a Gelsomino na nosa lingua grazas á tradución de Isabel Soto.
Páx.15:”Gelsomino(…)era leal e sincero coma a auga clara.”
Páx.27: “ Recoñezo
que son un gato algo especial. Por exemplo, tamén sei ler e escribir. Non en
van son o fillo dun xiz da escola.”
Páx.172:”As súas
mentiras servirán para recordarlle á xente que un día, naquel país, reinou un
gran mentirán, e que unha canción ben cantada abondou para rematar coa súa
opresión.”
ALBA PIÑEIRO