martes, 30 de enero de 2024

ANDEL DE NOVIDADES (10) Dous libros para o lectorado novo sobre Luísa Villalta, a quen se lle dedica o ano 2014 o Día das Letras Galegas

 



Estamos no “Ano Luísa Villalta” e temos que agradecer a Edicións Xerais de Galicia a publicación de dous libros sobre a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Son dous volumes atraentes que nos achegan á vida e á obra da poeta e que están pensados para o lectorado novo.

É moi necesario que os lectores e lectoras de Galicia coñezan estas figuras literarias que tanto fixeron pola nosa cultura.

 

O primeiro deles, Luísa Villalta, melodía de palabras, (Col. Merlín) está escrito pola interesantísima escritora  María Canosa con ilustracións de Laura Romero. Ao longo de 78 páxinas, María Canosa converte nunha partitura os feitos máis sobresaíntes da poeta coruñesa falecida no ano 2004. 

Dende o Pentagrama inicial ata a Harmonía final, a escritora vai salientando aspectos fundamentais da vida de Luísa Villalta, así como o seu carácter, xogando coas notas musicales. E nós, coma lectores, desfrutamos da DOzura da poeta, do REservada que era, da MIlitancia e a aMIzade. Coñecemos a súa obra SÓLida, a súa Formación académica e sentimos o LAtexo e o SIlencio dunha muller que fundiu coma ninguén dúas paixóns: música e poesía.

Remata o libro cuns poemas extraídos de dous dos seus poemarios: Música reservada (1991) e En concreto (2004).

Interesantísima, tamén, a presentación audiovisual, por medio de código QR, onde María Canosa fala sobre Luísa Villalta.

 

 O segundo libro que nos chamou a atención leva por título Alma de violino. É un álbum precioso escrito por dúas mulleres sensibles e coñecedoras da vida de Villalta, Beatriz Maceda e Eli Ríos e ilustrado por Laura Suárez.

É este un traballo atractivo de achegamento á poeta para os pequenos e pequenas lectoras.

A través dunha personaxe, Alma, que sae dun violino, cóntase a historia que agroma á beira de Luísa Villalta: a das nosas palabras favoritas. Un enfoque orixinal que parte da frase inicial do libro: as palabras gardan as memorias de todos os tempos.

Así a rapazada coñecerá a paixón de Luísa pola música e que, co seu violino, nos levaba a calquera lugar onde voase a imaxinación.

 Cóntanos, así mesmo, a importancia das palabras na vida da poeta; esas palabras que ás veces parecen mesmo que andan soas polo mundo, pero que aparecen alí onde fan falta. Cando  escoita esas falas entende que están nelas as súas raíces. E sabemos da importancia de Galiza e os silencios escoitando a vida nos seus paseos pola Coruña.

Queda moi claro sempre o compromiso de Luísa co seu país e a súa rebelión contra a inxustiza, os conceptos de liberdade, da escrita, a cidade cos seus ruídos, palabras, accións pero sempre como lugar único e máxico.

 Unha historia fermosa, moi poética e moi directa ao tempo que permite que o lectorado se faga unha idea real da vida e da personalidade desta marabillosa muller.

Sen dúbida, coma no título anterior,un acerto das autoras o enfoque que se lles dá a estes libros.

Todo iso, ademais, complementado polas magníficas ilustracións de Laura Suárez, con moito colorido e moi vivaces que fan moi agradable o feito de pasar as páxinas, lelas e gozalas esteticamente.