lunes, 8 de enero de 2024

FAÍSCAS (17) "CONCHITA, A PEGADA INDELEBLE DA POESÍA". Un artigo de Noa García Garrido.

 




No IES Escolas Proval (Nigrán) decidimos comezar este curso con actividades de voluntariado. Emma Barbosa, a profesora de Economía, foi a iniciadora deste fantástico proxecto, que está vinculado ao programa Bibliotecas Escolares Solidarias. A primeira iniciativa que levamos a cabo foi o pasado 18 de decembro e consistiu na visita á  residencia de maiores Vila do Conde, situada en Gondomar. Alí o alumnado interpretou cancións populares galegas e recitou poemas de grandes voces da nosa literatura, como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Ana María Fernández, e, por suposto, Antonio García Teijeiro. O entusiasmo e o agarimo amosados polos estudantes mentres declamaban fixeron que moitos residentes se emocionaran e incluso nos pediran cantar o himno galego.

     

Un momento do tan emotivo acto


     Cando rematamos a actuación, empezamos a interactuar co público, e eu achegueime a unha muller, Conchita, coa que conectei dun xeito moi especial, pois díxome que era unha gran amante da poesía. A medida que iamos falando de literatura e de música démonos conta de que compartiamos a admiración por artistas como Alfonsina Storni, Víctor Jara ou Mercedes Sosa. Conchita contoume que a ela lle apaixonaba escribir poesía, pero agora xa non podía facelo. Esta incapacidade debíase a que había uns anos fora sometida a unha operación que non saíra ben e perdera moita mobilidade nas pernas e nas mans. Cando soubo que non ía poder escribir, sentiu unha angustia moi fonda. Comprendín perfectamente a súa frustración, porque, como ela corroborou, escribir é un acto íntimo que brota da sensibilidade individual: non é posible ditarlle a outra persoa o que queremos plasmar no papel.

     En palabras de William Wordsworth, a poesía é unha explosión de sentimentos reunidos en tranquilidade, e só quen viviu esas emocións pode transformalas en verbas líricas. A pesar da impotencia que sente Conchita, ela é unha muller forte e afouta que se solidariza coas causas inxustas, como me demostrou cando falamos da guerra de Ucraína ou do xenocidio da Franxa de Gaza. A súa vitalidade é realmente contaxiosa: oxalá todo o mundo denunciase de maneira tan firme os abusos aos que asistimos cada día.

     Despois de compartirmos impresións sobre a actualidade e sobre distintos detalles da súa vida, Conchita fíxome un agasallo moi especial: recitoume de memoria un poema que escribira de nova. Esta composición fora publicada nunha revista chamada O berro, editada pola asociación de veciños de Cabral. 

O poema está dedicado a Vigo e di así:

 

De Cabral os seus piñeiros,

de Lavadores os campos,

de Bouzas as súas ondiñas

e de Castrelos o pazo.

Piñeiros, pazo, ondiñas

e verdes e doces campos

levádesme o pensamento

cando lonxe de vós ando.

 

     Ao escoitar a Conchita rememorar o seu poema, empaticei coa súa nostalxia e sentinme moi conmovida polo amor que transmiten estas verbas cara ás parroquias da nosa cidade. A alma lírica desta poeta non esmorecerá nunca, porque a súa extraordinaria sensibilidade traspasa as limitadas fronteiras do papel.

                                                                                                                            Noa García Garrido