Calquera libro que vexa a
luz de Miguel Vázquez Freire é un motivo para min de felicidade ( e debe
selo para o sistema cultural galego). Son moitos anos seguindo a este home
poliédrico, capaz de escribir de cine, de ilustración, de filosofía, de banda deseñada…ademais de
ser un excelente narrador. E nunca defrauda.
Sempre tivo Miguel un
agarimo especial pola divulgación. Un xénero, este, que se fai ben necesario e
que tanto ten axudado a que nos fósemos formando nas moitas disciplinas do
saber.
Acaba de ver a luz, O
moucho voa (Filosofía en 28 conversas), editado por Edicións
Xerais.
A min, que me entusiasma a
Filosofía, pareceume un libro magnífico para achegar a xente nova a unha
materia que convida a pensar con rigor e a abrir camiños para transitalos avisados
e comprender os asuntos que preocupan ao ser humano.
Dixen e pensei na xente
nova, pero non é certo: este libro é axeitado para as persoas de calquera idade
que teñan inquedanzas filosóficas. A xente, dun xeito espontáneo, ten
preocupacións relacionadas coa filosofía e, demasiadas veces, non é consciente.
De aí o convite que O moucho voa fai a pensar.
O volume que teño nas mans
comeza cunha advertencia do autor que manifesta que non pretende ser un curso
de filosofía.
Durante o último trimestre
de 2020 e o primeiro de 2021 Radio Neria, a radio municipal de Corcubión,
emitía unhas charlas radiofónicas que, co nome O Moucho voa.15 minutos de
filosofía, pairaban nas ondas.
A transcrición das emisións,
lixeiramente modificadas, renacen agora mesmo neste libro tan necesario.
Resulta apaixonante e gozoso
ler as conversas que o autor escribe de maneira sinxela para un mellor
entendemento do espírito filosófico que posúen. Paula e Xabier (á veces, tamén,
Rapaz A e B) falan ao longo de todo o libro para achegar discusións que avivan
a nosa curiosidade e que demostran que o cotián ten moito que ver coa
filosofía, aínda que non sexamos conscientes diso. Paula e Xabier existen, pero
son ficcionados por Miguel.
Dá gusto ler este texto
porque ten un ton desnfadado que chega ao lector con claridade e permite que
razoe sobre o que está a ocorrer ao seu redor.
Catro son os epígrafes en
que está dividido o libro. Catro epígrafes que, como explica o autor ao
principio do texto, fan referencia a catro das grandes categorías que
tradicionalmente reúnen os principais temas dos que se ocupa a filosofía: o
Ser, obxecto da ontoloxía; a Verdade, da teoría do coñecemento ou
epistemoloxía; o Ben, da filosofía moral ou ética; e a Xustiza, da filosofía
política.
Hai, loxicamente, moita
moita reflexión filosófica, pero o autor ten o acerto de acompañala de
referentes concretos moi recoñecibles, incluídos exemplos ou casos tomados da
realidade máis próxima.
A linguaxe é clara, directa
e expón moi ben o que se quere afirmar, baixo a magnífica idea de conversar,
discrepar, reflexionar e, xa que logo, de aprender moitos conceptos que nos
interesan a medida que os imos coñecendo.
O autor, Miguel Vázquez Freire, co libro |
Un auténtico pracer a
lectura deste libro. Moito aprendín ao lelo. Velaí o ton axeitado para que o
lectorado, novo ou non, se achegue á filosofía sen prexuízos nin medos. Un
acerto, para felicitármonos, e para entender, dunha vez, que a filosofía vive
máis preto de nós do que moitos cren.
Ah, e non quero pasar por
alto as puntuais ilustracións e a cuberta de María Lires, que lle dan ao libro un
toque plástico que se agradece. Moi no seu estilo marabilloso.
Parabéns, unha vez máis, a
Miguel Vázquez Freire, polo seu traballo divulgativo e grazas a Edicións Xerais
por apostar por libros que se precisan, sen ningunha dúbida, no panorama da
cultura galega.
Antonio García Teijeiro