martes, 23 de marzo de 2021

FAÍSCAS (7) "Entrar no suxestivo mundo de Alberto Manguel"

 




Foi falando por teléfono co meu amigo Juan Carlos Martín Ramos, cando saltou o nome dun mago dos libros, dun mago da lectura, das bibliotecas e da forza innata que os bos títulos posúen. Refírome a Alberto Manguel. Confeso sentirme fascinado polos libros deste home, un intelectual que non deixa de reflexionar sobre o acto lector e os seus universos exquisitos.

 

     Contábame o meu amigo que acababa de ler un volume contaxioso deste erudito cosmopolita e políglota, Mientras embalo mi biblioteca. Este arxentino-canadense que, cando Borges estaba case cego, lle lía ao mestre no seu domicilio varias veces á semana durante catro anos.

 

    Un non pode esquecer a súa obra Una historia de la lectura, nin o seu Diario de lecturas que forman parte dese acervo literario que nos infunde o amor polos libros. El mergúllase dun xeito emotivo neses lugares chamados bibliotecas e cunha curiosidade exemplar, non exenta de erudición e amenidade, transporta os lectores e lectoras para que comprendan esa teima do home por coleccionar libros. Manguel, director da Biblioteca Nacional de Arxentina, acaba de doar 40.000 volumes da súa propia biblioteca ao concello de Lisboa, que a instalará nun pequeno pazo que vai acoller o futuro Centro de Estudos de Historia da Lectura.

 

     Foi Alberto Manguel a quen lle escoitei algo que subscribo totalmente. A lectura como acto de rebeldía. Así é e así o penso eu. Nestes tempos de tecnoloxía que nos invade -ás veces dun xeito esaxerado- por todas as partes, o feito de ler conleva un espírito de subversión á orde establecida pola sociedade. A través deses obxectos marabillosos dános unha resposta ao baleiro que nos anega con bastante frecuencia. Alberto Manguel ten unha relación fetichista cos libros. Isto explica o enorme tamaño da súa biblioteca, que morreu e renaceu unha chea de veces cos seus diferentes cambios de domicilio. Como director da Biblioteca Nacional de Arxentina tivo que aparcar as diversas facetas da súa vida como ensaísta, narrador, antólogo, tradutor, crítico e editor para dedicarse a algo que non lle gusta, ser administrador.

 

     Sempre resulta altamente enriquecedor ler as entrevistas que lle fan, porque ofrece opinións moi suxestivas para os que amamos a lectura como pracer. É consciente de “que as bibliotecas teñen que recuperar o seu rol na sociedade, rol que foi desprazado polos bancos e polas entidades financeiras” ( De El Cultural). Crítico e centrado nos docentes afirma que “a miúdo os profesores encargados de inculcar a paixón lectora non  len e os rapaces non son parvos”. E continúa o seu argumento dicindo que “a lectura é un acto de rebeldía. É unha resistencia ao rabaño, á estupidez, a iso que a sociedade de consumo nos inculca. Que non somos abondo intelixentes para acceder ás cousas máis fermosas, máis importantes. Temos que aprender a atopar sistemas para negar esta gran mentira”, recolle Fernando Díaz de Quijano, nun artigo en El Cultural de El Mundo. Non despreza os novos formatos de lectura e non dubida en afirmar que “a biblioteca debe adaptarse decontino ás necesidades cambiantes dos seus usuarios”. Así pensa. Así respira Alberto Manguel, unha persoa que contaxia (verbo que me gusta moito conxugar) o amor polos libros. Está convencido de que, con eles, a sociedade pode ser algo máis xusta e todos un pouco máis felices.


                                                                                                                                 ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO