martes, 9 de marzo de 2021

A LUZ DAS PALABRAS (84) Isabel Blanco

 



Isabel Blanco é unha muller forte fronte á adversidade. Unha loitadora pola xustiza social. Alguén que cre na dignidade da muller nun mundo que intenta minimizala e, mesmo, degradala. Isabel é un ser sensible que emociona cos seus actos e tamén coa súa literatura. Porque Isabel cre na literatura coma fonte de vida.

Por tantas cousas Versos e aloumiños quería tela nesta “luz das palabras” para que alumase todo o posible este espazo aberto a todas e todos os artistas que teñan algo que dicir.

Pois xa está aquí, felizmente entre nós, con catro relatos curtos que, como non!, nos falan do día a día e das mulleres.

Grazas, Isabel, polas túas verbas.



   

Isabel Blanco



A Eloísa levárona a Cuba o ano do gris e das cunetas. Viaxou no ventre de Felisa arrolada polas ondas do mar. De volta ao norte, décadas despois, nada puido acalmar a súa alma caribeña. A tenda de comestibles de Fructuoso ( a Felisa gústaballe máis chamala de ultra- mar- inos) era a súa aliada. E non había brétema nin poalla que puidera con aquilo.

 

(Relatos mínimos de ultra- mar)

 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

             A historia de Benedicta foi sempre unha sucesión de desamores e anxinas de peito, de mares revoltos e desvaríos, de prórrogas forzosas e metas inalcanzabeis. Ata que prantou a nogueira no xardín traseiro da casa. Tres noces ó día quítanlle as penas pasándoas de boca a boca co xardineiro.

 

 

  


                              




                                                      AMANDA

 


Á pequena Amanda dixéronlle que o amor era vermello e tépedo, feroz e tráxico, e que viría vestido de rosas, de medias laranxas e de eternidade.

Á moza Amanda contáronlle que o amor era o destino, a posta de longo, o frechazo, as flores, o anel, os valses, o pranto e os cacharros, a casa ordenada, os chans limpos, os cueiros, o leite en po e o tendal.

E a volta a empezar cando todo se derrubaba.

E Amanda, que o crera todo “a pies juntillas”, desprendeuse  daquela farsa na primeira ocasión que o amor —aquel amor que lle contaran de posta de longo e de frechazo, de flores, de anel, de valses, de pranto e de cacharros, de casas ordenadas e chans limpos, de cueiros, de leite en po e de tendais feriulle as carnes e as ganas de querer.

Amanda desprendeuse para sempre daquela farsa coma quen abandona un obxecto usado e inservible.

De sabelo antes, Amanda non tería perdido o tempo nin tería gastado todos os seus aforros, nun amor que non era nin vermello nin tépedo. Nun amor, que non era. 

 

 

                                                                   A CEA DE NADAL   


 

       Na casa de Ernestina o Nadal era coma o bolero de Ravel, unha obra en obsesionante crescendo.  A chegada as nove en punto ó son das campás da igrexa de San Miguel. Os saúdos. Os abrigos sobre a cama dos avós. As bolsas cos regalos agachadas no cuarto de servizo. Os traxes de papel de seda. As coroas de charón. A árbore de plástico cos adornos e festón dourado. O nacemento co río e a ponte, o castelo de Herodes, a estrela anunciadora e as montañas de papel. Os Reis Magos e as figuras de neve debuxadas nos cristais. A fotografía de familia antes de sentarse. Pa-ta-ca, pa-ta-ca¡. A mesa co mantel branco e o centro de acivro e velas vermellas. O patriarca na cabeceira. As mulleres nas cadeiras preto da porta para atender o forno e servir. Os entrantes e a primeira mostra dos ciumes de Teresa, a irmá pequena de Ernestina,  a que herda a roupa e os libros e durme na cama de abaixo. O marisco en bandexas redondas e  a envexa atrapada nas verbas non ditas. A pescada con patacas. O viño branco, unha, dúas, tres copas. Un aplauso para a cociñeira¡ Ernestina érguese e saúda. Teresa mira e cala. Ela non cociña. A carne con guarnición. Viño tinto, unha, dúas, tres copas. As sobremesas e o cava. O brinde. Unha, dúas, tres copas. Os puros e os cigarros e a tensión bailando entre o fume. O socialismo e Deus, os rusos, os negros, os inmigrantes que veñen quitar o traballo. A xuventude de agora que non é como a de antes nin idea teñen dos reis godos. O Concilio de Trento e a pederastia na Igrexa. Golpe na mesa.

Cambio de tercio.

Os chistes. De maricóns. Unha risa. De putas. Outra risa. De monxas violadas. Máis risa. De borrachos e tatexos. Gargalladas.  Un pouco tatexa é Teresa. Máis gargalladas.

Cambio de tercio.

A guitarra de Ernestina e as panxoliñas. Que bonita voz tes Ernestina. Ti non cantes irmanciña. Se cantas chove. Unha risa. Mais se cantas non tatexas¡ Gargalladas.

 O garfo crávase na gorxa de Ernestina. O sangue pinga na guitarra, tinguindo as cordas.

 Teresa, de pé, pregunta se alguén vai tomar café.



Se queres saber algo máis de Isabel...



Obras

 

En castelán

 

·         Historias de almas inquietas (2012). Reeditado en 2014 por Belagua

·         Los mundos ajenos (2014). Belagua

·         La muerte de Marilyn y otros relatos (2019). Belagua 

 

En galego

·         María Vinyals. Un talento Rebelde ( 2018 ) Belagua. Deputación de Pontevedra.

·         As receitas de Rosaura (2018). Ilustracións de Luz Beloso. ( Belagua )

·         Rosaura e o mar (2018). Ilustracións de Luz Beloso. ( Belagua)

·         Rosaura, cesteira de Mondaríz (2018). Ilustracións de Luz Beloso. Belagua

·         Verbas Cum. Poemario ilustrado pro Irene Silva Xiardez  (Belagua 2015)

 

Poesia visual

 

-           Idea e creación  da mostra Rompe, xoga en igualdade (2018) da Deputación de Pontevedra.

-       Exposición de poesía visual Amores que matan non son amores (2018).

 

Colaboracións

 

-       O director de coros e compositor vasco Javier Busto compuxo música para tres poemas :

 

 "Vestida de frores" (Vebas Cum)

 "Poesía del deseo" (inédito)

"Gosto dos bicos" (inédito).

 

-       Idea orixinal do guión Manuela Romasanta da curtametraxe do mesmo nome de Roberto Oliveira.

-       Publicación Colectiva Poesía do Condado 2016

-       Idea das Campañas do Xoguete  Non Sexista e Non Violento da Deputación de Pontevedra 2018, 2019 e 2020 ).

 

 

Premios

·         1º premio no Concurso literario de Relatos Curtos Dunas, de Nigrán ( 2010).

·         1º premio no Certame de narrativa breve “Carolina Planells” de Paiporta (Valencia) ( 2011).

·         1º premio no II Concurso de Relato Corto «Mujer, Discapacidad y Empleo», convocado por la Secretaría de Política Social de CC OO de Almería.(2012).

·         Finalista Poetry Slam 2016 Vigo

·         Premio Certame de Poesía Xogos Florais 2017 Concello de Ponteareas.

·         2º Premio Certame de Poesia Pazo da Saleta. Novembro 2017

·         2ª Premio Certame de Microrelatos Ozoco 2018

·         3ª Mellor libro de literaruta infantil 2017 “ As Receitas de Rosaura “ premios Fervenzas Literarias.

·         7ª Mellor libro de literatura infantil 2018 " Rosaura e o mar" premios Fervenzas Literarias.

·         Finalista no XIII Certame de Microrelatos Cabezas del Villar ( Ávila) 2020

·         1º Premio I Concurso de Relatos Ilustrados de Nadal 2020 ( Ponteareas)