miércoles, 7 de octubre de 2020

LEMBRANZAS DUN CONFINAMENTO QUE COUTOU MOITAS ILUSIÓNS

 

Antonio G. Teijeiro (Foto de Ricardo Grobas)
                                                                                          

Aínda que unha segunda vaga de contaxios está a producirse, o confinamento vivido a partir do mes de marzo foi moi duro, tanto pola redución de actos e de afectos, coma da incerteza de cando podía rematar.

Antonio García Teijeiro rememora nestas liñas o que para el supuxo eses día de enclaustramento forzoso.


Rúa do Príncipe baleira
Rúa do Príncipe, baleira a finais de marzo.
                                                                            


Foi un tempo doloroso que, na súa proxección, aínda non rematou. Difícil esquecer tanta morte, tanto abandono dos anciáns, tanta hipocrisía, tanta desvergonza por parte da extrema dereita –neste país non hai dereita homologable ao resto de Europa, agás as nacionalistas-, tanto odio sementado na cidadanía por parte dos mesmos, tantos intereses dos de sempre, tanta manipulación por parte dos “grandes medios” de comunicación (cada vez menos grandes e rastreiros) e tanta cegueira dunha parte da poboación, carente de sentido crítico e de cultura ética e política. Non, non imos saír mellores.

Por todo iso, e por moito máis, este confinamento que sufrimos durante case tres meses foi para min un suplicio.  A incerteza do que a COVID-19 significaba, sumiume nun estado de ánimo que non recordaba.

     Custábame concertarme na lectura, pero seguía a ler. Custábame conciliar o sono e daba mil voltas inquieto na cama. Non fun quen de escribir ata case o remate dese confinamento. Notábame irritable e non vin un telexornal en todo este tempo. Con ler os xornais dixitais tiña dabondo.

    

Ludwig Van Beethoven
                                                                                                    

   Nesta situación tan atípica, houbo, ademais da lectura, tres actividades que me axudaron a non volverme máis tolo do que un xa está normalmente:

-         Por unha banda, escoitei moita música. Aproveitei para facer monografías amplas dos grandes músicos, das grandes bandas e dos diversos xéneros que impulsaron o meu gusto pola música. Así gocei de Bob Dylan e dos Beatles, claro, pero tamén de L.Cohen, Neil Young, David Bowie, Patti Smith, Joan Baez,The Rolling Stones, The Who, Jethro Tull, Pink Floyd, Creedence, Led Zeppelin, Kinks, Miles Davis, John Coltrane, Howlin´Wolf, Muddy Waters, Beethoven, Schubert, Bach, Brassens, Brel, Ferré ou os cantautores españois, en especial de Luis Eduardo Aute, tristemente falecido durante este tempo tan negro.

         

Por  outra banda, fíxenme socio dunha interesante plataforma de cine e vin moitas películas de difícil acceso por vías normais. Moito cine europeo descoñecido pero excelente, cine latinoamericano e asiático. Todos os  días, ás seis da tarde, Susi e mais eu, diciamos: “Imos ao cine”.

-         


E  finalmente, o meu compromiso coa poesía fíxose realidade a través de case 115 vídeos lendo os meus versos  para que os e as docentes levasen ao seu alumnado  a palabra poética. Fun consciente do tremendo esforzo do profesorado para levar adiante un labor complicado, cuns medios  exiguos e facendo traballos que eran moi diferentes do que a maioría desexaba nesta situación tan caótica. Outra, vez a administración galega actuaba con ningún sentido que procurase a eficiencia. Pero isto merecería outro artigo. As peticións chovíanme dende moitos puntos. Eu correspondía encantado. Vídeos para mestras e mestres, para bibliotecas, escolas, xornais, diversas ANPAS, editoriais, librarías, asociacións culturais, movementos sociais…Unha fermosa loucura. Mentiría se dixese que supuxo un esforzo tremendo todo isto. Ao contrario, esta actividade deume azos para sobrelevar a situación, para sentirme útil e para verlle un sentido á miña vida nas terribles condicións en que estabamos.

 

Con Martiño
                                                                                                      

Neste tempo tan negro, doéronme moitas cousas a nivel persoal, comezando polo afastamento físico coas persoas. Eu, que son tan afectivo, sentía que me estaban a roubar eses bicos, esas apertas, esas mans cheas de afecto que son unha parte importante da miña existencia. Deixando á parte o dito sobre a oposición tan noxenta coma fonte de crispación, houbo algunhas cousas que me prexudicaron  de xeito evidente. Entre elas, a cancelación da presentación de Presencias marcadas y otras presencias, que se ía presentar no Club Faro en marzo, unha chea de encontros programados en centros de ensino, a viaxe que en setembro ía facer a Cuba para participar nunhas xornadas de LIX con escritores hispanoamericanos. Pero especialmente, as familiares que me tiveron afastado de persoas que quero e, sobre todo, a suspensión da viaxe dende os EE.UU. do meu fillo, da miña nora e da miña neta Libby, que ían estar en Vigo un mes (viaxe a París incluída). Isto é algo moi duro pola distancia que nos separa fisicamente. Agora haberá que agardar un ano (e que non pase nada raro) para poder abrazalos. Tremendo.

Susi con Libby en EE UU o ano pasado


 Por se isto non fose abondo, a morte do meu querido amigo Luis Eduardo Aute, tinguiu máis de negro o panorama nesta pandemia. Foi unha noticia terrible o seu pasamento. Aute non estaba ben, pero tampouco para que se producise o fatal desenlace. Deixou un baleiro ben fondo no meu ánimo e só escoitar as súas cancións me serena.

Luis Eduardo Aute (Foto Público)
                                                                                      

     Remato afirmando que non imos aprender. Virá unha época moi dura, na que a industria cultural vaino pasar mal como non haxa conciencia política. E temo que non a vai haber. Grupos teatrais, músicos, editoras, librarías, promotores de eventos, escritores e escritoras e demais están atravesando unha situación dunha enorme dureza. E un arrubíase perante a actitude de certas institucións, ás que non lles importa a cultura máis que para figurar. Non asumen a riqueza da cultura de verdade, esa que manteñen os e as artistas a base de moito sacrificio e sentíndose abandonadas completamente.

Moi triste realidade nun país, Galicia, dunha gran forza cultural e innovadora, sempre dependendo do voluntarismo da xente.

    

     Receo desta sociedade que se deixa enganar e manipular polos poderosos. Hai unha tremenda falta de educación cívica, de cultura social e democrática. Vivimos nun país, España, que dista moito de ser unha democracia consolidada. O franquismo pervive nas distintas institucións e cada día que pasa crispa máis a convivencia, grazas ao apoio dos votos de tanta xente que fai do acto de votar unha dependencia lamentable de certos partidos, como se fosen equipos de fútbol.

      A min, que tan mal o pasei en moitos intres deste confinamento, ademais das persoas que quero, sempre me quedarán as artes para seguir respirando. Entre a música, a literatura e o cine intentarei seguir sendo eu mesmo.


Policarpo Sanz, a primeiros de abril
                                                                                 

                                                                                                                                                 ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO