martes, 30 de julio de 2019

A BUTACA DO LECTOR (1) "Nemo", de Gonzalo Hidalgo Bayal






Sentar a ler nunha butaca vén sendo un pracer para un bo lector ou lectora. Por iso, Versos e aloumiños crea unha nova sección. Unha sección que nada ten de crítica. Para iso están outros máis capacitados que nós.
     Pero o que non se pode evitar- nin moito menos- son as sensacións que calquera libro nos produce. A Butaca do lector trata diso. De expresar, se cadra, esas sensacións experimentadas, esas reflexións ás que nos leva un texto e certos puntos nos que, demasiadas veces, non reparamos nas nosas lecturas.
     Unha sección para compartir sentimentos ben lonxe das cuestión críticas ou académicas.
     Talvez, iso si, animando a ler páxinas que nos conmovan ou nos sorprendan.
     Que vos guste!







Ao lector sorprendeulle a literatura de Gonzalo Hidalgo Bayal (Higuera de Albalat, Cáceres 1950). E sorprendeulle positivamente. Tanto é así que leva  lidos catro libros seguidos deste escritor tan pouco coñecido como imprescindible na literatura española. Un deses libros leva Nemo por título. E nada que ver con Jules  Verne. Non, Nemo, de Nemo, neminis (latín) porque Nemo é ninguén.

Un home que non fala chega a unha vila ben afastada do resto da sociedade. Hai alguén que é encargado de escribir o día a día da vida no lugar e os seus habitantes van experimentar as consecuencias dese silencio. Descoñecen a causa desta actitude. Ao lector impresionoulle o xeito de ser escrita a novela: en 1ª persoa, sen diálogos, cunha linguaxe ben rica, coidada, en capítulos curtos, cunha intensidade e unha riqueza fóra do normal. E o lector experimentou moitas sensacións léndoa. Entendeu as miserias do ser humano, aliouse co protagonista e mantivo un silencio sobrecolledor. O lector fíxose cómplice silencioso, pois, de Nemo. E meditou. E odiou e amou os personaxes que poboan a novela. Nunca perdeu o horizonte, aínda que ben veces se lle anubrou a paisaxe e dubidou do seu lugar no mundo de seu. E comprendeu mellor as súas debilidades e as trampas nas que un pode caer na travesía da vida.E, mesmo, os espellismos  que o poden confundir. E, como no seu mutismo sabía Nemo moi ben, o lector enteu á perfección que vimos do silencio, que imos a el, vimos da nada e imos cara a nada, tal é o noso destino.

     
     O lector non fai valoracións academicistas ou críticas (podería facelas e serían magníficas) porque non é crítico. É unicamente lector. E o vivido neste libro permítelle verse  el e os demais seres humanos como permanecen silandeiros entre multitudes que non saben moi ben cara a onde se dirixen. 
     E decatouse perfectamente o que é a filosofía da vida, a través da literatura.
     E tamén lle soaron ecos de Camus, de Kakfa, mesmo de Beckett, pero salientou o estilo persoal do escritor cacereño.