lunes, 19 de noviembre de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (54) "Nina e Antón", de Antonio Ventura




TÍTULO: Nina e Antón.



AUTOR: Antonio Ventura.



ILUSTRACIÓNS: Alejandra Estrada.



TRADUCIÓN: Manuela Rodríguez.



EDITORIAL: Kalandraka.





Nina e Antón é un fermoso álbum ilustrado que da man de Kalandraka chega na nosa lingua para os primeiros lectores, aínda que calquera lector que se achegue a el vai desfrutar desta tenra historia que nos lembra a grandeza que encerran as pequenas cousas, agochadas, moitas delas, dentro do cotián.

     O seu autor é o escritor e editor Antonio Ventura, vencellado dende hai moito tempo ao mundo da literatura infanto-xuvenil e, xa que logo, bo coñecedor deste panorama literario.
 
Antonio Ventura (Foto Ed. Tramuntana)
     Proba disto é Nina e Antón pois está concibido, tanto no contido coma na forma, a xeito de homenaxe á respectada pintora belga e creadora de personaxes tan entrañables coma Ernesto e Celestina , Gabrielle Vincent.

     A través dunha linguaxe clara, directa e vertebrada polo diálogo dos seus protagonistas, coñecemos a Nina e mais o seu gato Antón. A escena ten lugar na casa de Nina, onde decide lerlle a Antón o seu libro favorito. Ante a percepción desta de que el non amosa todo o interese que debería ter, enfádase e recrimínalle ao seu amigo a súa actitude. Pero esta situación dura pouco porque ambos se decatan de que, aínda que se despisten, o que máis lles gusta é poder compartir libros tan fabulosos coma aquel no que aparecen un oso e unha ratiña.
 
Ilustración de Alejandra Estrada
     A maxia dos libros e o seu poder coma vínculos que axudan a tender pontes entre realidades e universos diferentes están presentes neste álbum.


     A ilustradora colombiana Alejandra Estrada é a encargada de darlles vida aos protagonistas a través do xogo cromático que amosa a identificación entre as ilustracións e a voz textual.



                                                                                                                           ALBA PIÑEIRO