lunes, 12 de noviembre de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (53) "Unha longa viaxe", De Daniel H. Chambers / Federico Delicado (ilustr.)






TÍTULO:  Unha longa viaxe



AUTOR:  Daniel Hernández Chambers

ILUSTRADOR: Federico Delicado




TRADUCIÓN: Xosé Ballesteros



EDITORIAL: Kalandraka




Daniel Hernández Chambers escribiu e Federico Delicado ilustrou un álbum tan fermoso como necesario. “Unha longa viaxe” é unha narración agridoce, belida e intelixente.
     
     Un álbum que, sen adozar o que conta, reflicte un problema doloroso e, por desgraza, ben actual: a inmigración forzosa.
     Hernández Chambers cóntanos dúas historias paralelas que se cruzan. Dúas historias de longas viaxes por razón distintas e semellantes obxectivos.
 
Daniel Hernández Chambers
     Por unha banda, un grupo de persoas, familias que sofren, teñen que abandonar a súa casa co imprescindible e foxen porque a guerra comezou. Descoñecen o seu destino pero deben marchan porque queren sobrevivir. Chama a atención o pequecho que se resiste a deixar aquelas cousas que ten. Diríxense cara ao norte sen máis.

     Por outra banda, unha familia de aves – son gansos- tamén debe partir, estes cara ao sur, porque se achega o inverno e onde están non poden vivir. Cuestións climáticas son o motivo. Aquí é a filla a que se opón a partir, porque non cre ter forzas para voar durante tanto tempo. (- Teño medo, mamá! // - Medo?  // -Aínda son pequena. Non creo que poida voar tan lonxe)
     
Ilustración de Federico Delicado

          Uns e outros comezan a marcha forzosa.  As persoas atópanse durante o camiño con moitos atrancos: a chuvia que os fai andar cos pés afundidos na lama, desinterese de moitos co seu drama, protestas, queixas. A maioría ollan cara atrás con tristura. Senten a fame e mais o cansazo, pero teñen que avanzar sen desmaio malia as dificultades.
     
     A climatoloxía é a maior dificultade que se lles presenta ás aves. Pero tampouco se deteñen. Ambas expedicións van cruzarse e, con dicultades,  chegan ao seu destino. As aves acadan o seu obxectivo. Poderán decansar. Os humanos, pola contra, atopan unha barreira que lles vai impedir que avancen e se asenten: as fronteiras están pechadas.
 
Ilustración de Federico Delicado
     Un relato doce para uns: os gansos; terrible para outros: os humanos. Unha narración realista que pon sobre a mesa o problema dos refuxiados. Reivindica o dereito das persoas a vivir unha vida digna. Persoas que claman xustiza nun mundo de desigualdades e que arelan un territorio que lles permita cubrir as súas necesidades fundamentais.
     
     Nesta obra, autor e ilustrador –que grande, Federico Delicado!- conseguen equilibrar perfectamente o ton do relato. Hai nel olladas tenras, pero tamén expresións marcadas polo medo. 
    
Federico Delicado
     A historia é dura e limítase, polo que conta e polo que non, a expoñer as situacións para que o lectorado tire conclusións, reflexione e se faga preguntas. Os feitos están aí. Daniel Hernández Chambers cóntaos e Federico Delicado debúxaos. Porén, teñen que ser os lectores e lectoras  quen xulguen e pensen sobre a sociedade  na que viven, que sexan críticos e, á vez, gocen dunha obra literaria ben feita.
     
     Para iso, entre outras cousas, está a boa literatura.
                                                              

                                                                                                             ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO