sábado, 19 de mayo de 2018

LEMBRAR E SEGUIR AMANDO A MARÍA VICTORIA MORENO




Lembrar a María Victoria Moreno resulta un pracer e, á vez, provócame unha certa tristura.
     Pracer porque foi unha experiencia moi rica para min estar en contacto cunha gran muller. Tristura porque se nos foi dun xeito cruel e inxusto.
     

     María Victoria foi sempre unha muller forte, aínda que podía aparentar unha certa debilidade. Non,  en absoluto. Era quen de camiñar polos camiños máis difíciles coa convicción de estar facendo as cousas que os seus desexos profundos lle ditaban.
 
Mª Victoria Moreno
     María Victoria creou espazos de afectos e neles, coma algo inherente, estaba a súa literatura. Foi creadora e foi tamén unha muller adiantada ao seu tempo a nivel social e humano. Participou en proxectos de loita a prol dunha lingua que amou axiña, dunha literatura á que deu brillantez e dunha maneira de estar nesta sociedade en continuo compromiso. María Victoria, sen sabelo, foi unha activista cultural a prol do galego e da nosa cultura.

    Coñecela foi un deses feitos que fan da túavida algo gratificante. Derrubou barreiras co convencemento de que era preciso derrubalas.
     Eu aprendín moito dela. Porque María Victoria tiña unha concepción da literatura moi clara: que estivese pegada á xente, que fose moi coidada lingüísticamente, que emocionase e que fose lida. O seu respecto pola escrita foi admirable. Cría na necesidade literaria pero sempre dende a dignidade.

     María Victoria Moreno foi unha muller que quería moito. Si, quería moito a súa familia, quería moito o seu alumnado, quería moito os animais, quería moito os lectores e lectoras, quería moito a literatura. Si, quería moito.

     Compartir con ela a creación da colección Árbore foi unha experiencia impresionanate. Axiña sentín o seu agarimo. Decateime sen tardar que era unha muller moi estrita á hora de valorar os orixinais que chegaban. Era estrita e rigorosa dende o cariño. Pero dicía as cousas ben claras. Co seu pito na boca, coa ollada firme e tenra á vez, ía debullando o seu criterio sobre a publicación (ou non) dos textos que nos chegaban. E provocaba o diálogo. Deixaba falar. Escoitaba. Tanto David Otero coma Carlos Casares, Manolo Janeiro, Pilar Sampil  coma min, respectabamos moito as súas opinións, porque nunca carecían de argumentos. Non sempre estabamos de acordo mais iso provocaba un debate fermoso do que todos saïamos moi contentos.
     


     María Victoria animoume moito a escribir prosa. Dábame consellos e valoraba o que eu facía. Ela propúxome presentar Versos de agua cando viu a luz en 1989. Foi unha presentación marabillosa polas palabras que dixo aquel día, polos versos que leu, pola sensibilidade poética que posuía.

     
Presentando "Versos de agua" en Vigo. 1990


     A súa opinión sobre A teima de Xan foi decisiva para que eu non rachase o orixinal ao ser rexeitado polo meu admirado Casares. Dixérame Carlos que había pouca separación entre o contado e a miña persoa. Nunca comprendín esa opinión pero acepteina , iso si, algo defraudado. María Victoria leuno e encantoulle. Impediu, xunto coa miña muller e un libreiro, que me desfixese del. Máis adiante  Xosé Antonio Perozo e Carlos Lema publicaría no na editorial Sotelo Blanco. Eu fun feliz. Ela, moito máis.

     

     
     A obra de María Victoria Moreno é unha homenaxe á literatura e ao ser humano. Toda ela está envolta en emoción literaria. Ela, coma min, non concibía a arte en xeral sen o lado emotivo.  A súa obra ten un estilo pulcro e delicado. Emprega un léxico coidado e o seu discurso móvese sempre entre o rigor e a exposición clara para que poida ser saboreado polas lectoras e lectores e así acadar o obxectivo da reflexión e da beleza por parte destes.

     A tenrura coa que dota os seus escritos é outra das características de María Victoria. Porque ela era unha muller tenra e os seus personaxes están envoltos nesa tenrura. Ela amaba o ser humano e, xaora, amaba eses personaxes que circulan polos seus textos.

     
Nunha homenaxe  póstuma en Moaña. 2006.

     María Victoria veu cear á nosa casa moitas veces. E nós, estivemos tanto na súa en Pontevedra, coma no apartamento que tivo en Sanxenxo. Os meus fillos adorábana. Ela tamén a eles. Por que?  pois porque María Victoria despedía un afecto que te cegaba. Todo o afecto que enche as liñas que escribía. Que ben escribía novelas, relatos, contos en verso, tan auténticos, tan próximos á xente, porque se basean na xente, nos seus conflitos, nas súas dúbidas, na necesidade que teñen de ser eles mesmos, no amor…

     
Cos meus fillos na nosa casa
     
     Ler Mar adiante, Leonardo e os fontaneiros, Guedellas de seda e liño ou Anagnórise, entre outros, resulta un gozo difícil de expresar. Está a súa vida de soñadora, de muller en loita, de compromiso nas súas liñas. Pero está porque zumega autenticidade, porque nace dos seus soños. porque, en definitiva, conxuga literatura e vida coma ninguén.
     E se lemos os contos rimados contidos en Eu conto, ti cantas ou ¿E haberá tirón de orellas? a emoción, a calidade e o amor polos animais e polos pequenos lectores e lectoras chega a engaiolarte.

     
Na nosa casa

     Eu entendín o amor aos animais – aos cans en especial- á beira de María Victoria. O que ela sentía por eles facíache pensar. Contaxiaba a súa ledicia de telos, de acariñalos, de facelos partícipes principais da súa vida. Debo admitir que tardei ben tempo en ter un can. Porén, afirmo que cando Dark chegou á nosa casa, pensei en María Victoria.
     E, coma María Victoria, escribín un conto a ese animal tan agradecido. E  Dark apareceu nalgún libro máis. Coma Nica, coma Alma
      


     Mais logo a canseira puxo
á liberdade o seu freo:
as patas febles de Alma
daquela se entumeceron
á vez que as plumiñas teixas
a axilidade perderon (…)
                                  

                                              (de ¿ E haberá tirón de orellas? Ed. Galaxia.


     Os olliños de Nica
poñíanse tristes
nun laio de cristal
e de acibeche.

           Ás tres e media,
           cando volvía da escola,
           choraba ela.

-Orellas de veludo,
¿que estás pensando?
Agora teño clase,
mais logo saio.
                            
                                                          (De Eu conto, ti cantas… (Ed. Xerais)


     Así era María Victoria Moreno. Unha muller que soñaba e facía soñar. Unha muller dunha firmeza impresionante. Forte e sensible. De reaccións bruscas se a situación a amolaba, que axiña trocaba en calma.
     Unha muller que respiraba  humanidade e tenrura polos poros da súa pel.         
     
     Que feliz  decisión a de dedicarlle o Día das Letras Galegas!

     Canto fixo pola nosa LIX cos seus libros e coa súa actitude en momentos escuros e difíciles!

     Oxalá os seus soños pousen en nós e nos permitan seguir loitando.

      
Cuberta de Fino Lorenzo para o libro "María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito".

     E non me resisto a rematar este texto sen poñer  esta reflexión da propia María Victoria e a súa relación con Galicia:


      A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor, na que non falta ese compoñente de sufrimento que é consubstancial a todas as historias de amor.

En Pontevedra. Presentación do monográfico sobre MVM con Susi, Begoña e Pedro Ferriol.2018

                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO