Con Mercedes Zas Rey en Santiago |
Para Alba, que ten claro o que é ser unha boa mestra.
Un sempre se preguntou como debía ser a actitude dun
mestre ou mestra na escola. Como debía comportarse diante de moitos ollos
dispostos a espir todo o que os rodea. Como chegar a ter a sensación do
traballo ben feito. Como enfocar os seus coñecementos para que fosen un punto
de partida para o alumnado e non unha meta sen máis. Como….
Despois de
corenta anos dedicado a esta bendita profesión, estou xubilado (se é que un
mestre se xubila algunha vez) e reflexiono sobre o que van recibir tantos
milleiros de cativos no curso que comeza, sobre o que van ser quen de asimilar,
de descubrir, de asumir.
E penso se
lles poñerán un libro axeitado nas mans, se o profesorado lerá algo máis que o
curso pasado, se a poesía terá cabida no desenvolvemento das clases, se se
falará dos libros en voz alta, se as humanidades terán un espazo amplo nas
aulas ou seguiremos por canles afastadas do pensamento.
Preguntas
sen contestación. Reflexións que talvez
se disipen no acontecer dos días. Desexos que, probablemente, nunca
chegarei a ver cumpridos. Ilusións dun mestre namorado da súa profesión e de
tantos alumnos e alumnas que fixeron posible o pracer de ensinar.
Estamos a
primeiros de curso e no facebook
detéñome diante dunha entrada marabillosa de Mercedes Zas Rey, unha muller encantadora, que vai abrindo os ollos
a todo aquel que queira ler o que vai deixando na rede. E digo que é un encanto
porque a coñecín en Santiago e fiquei prendado do seu entusiasmo e da súa
intelixencia.
Ben, pois
animando os docentes e desexándolles un curso positivo deixou un texto
marabilloso, lúcido e moi significativo dun home que admiro fondamente pola súa
claridade de ideas, o seu progresismo e a súa maneira de conectar coa mocidade.
Falo do filósofo Emilio Lledó, un
sabio, un docente eximio, unha persoa excepcional.
Do seu
libro “Ser quien eres”, Mercedes tomou estas liñas, que non poden ser máis
claras, sobre o que é para el un mestre.
Emocioneime, outra volta, co mestre e decidín compartilo con todas as
persoas que seguen “Versos e aloumiños”, porque son esenciais para comprender
que é e que non debe ser un/unha ensinante.
Lédeo e
reflexionade sobre o texto.
E grazas,
Mercedes, por poñelo no ceo dos que seguimos loitando por un ensino
gratificante; un ensino que enriqueza; un ensino vivo e motivador.
"Un maestro no es aquel que explica, con mayor o menor
claridad, conceptos estereotipados que siempre se podrán conocer mejor en un
buen manual, sino aquel que transmite en la disciplina que profesa algo de sí
mismo, de su personalidad intelectual, de su concepción del mundo y de la ciencia.
Ser maestro equivale a decir abrir caminos, señalar rutas que el estudiante ha
de caminar ya solo con su trabajo personal, animar proyectos, evitar pasos
inútiles y, sobre todo, contagiar entusiasmo intelectual. "
EMILIO LLEDÓ