Fotografía de Anxo Cabada
PALABRAS
Traballemos para que abandonen esa pobreza lingüística que os caracteriza. A palabra é un xoguete, si, pero, sobre todo, é un instrumento necesario cun legado cultural e social detrás que convén salientar.
Velaquí
un artigo ao que lle teño moito agarimo. Publicado n´A Nosa Terra no seu momento ten unha vixencia infinita.
E ten esa vixencia porque se fala da
necesidade da palabra.
Levo
ben anos agasallando palabras, rescatando palabras, recibindo palabras,
lanzando palabras, aprendendo palabras, amando as palabras.
Vin ao longo do tempo como os meus fillos
se foron apoderando das palabras, descubríndoas, utilizándoas, facéndoas libres
e vivas.
Vin como o meu alumnado escribía palabras,
denudaba palabras, descubría os valores das palabras, xogaba con elas,
mesturábaas e creaba os seus discursos de seu.
Nestes intres nos que semella que non se
conversa abondo. Que a lectura non está nas prioridades da sociedade. Que se
estraga o idioma ou, que triste!, que o galego loita por sobrevivir, recobro
estas liñas para que sirvan de estímulo nun intento de dignificar as palabras.
PALABRAS
Encántame
a palabra palabra.
Sempre pregunto
aos rapaces nos encontros que palabra lles gusta máis. Saen as típicas: paz,
amor, lúa, nube, estrela etc. Fican pampos cando lles digo a miña favorita: palabra.
Coas palabras xogamos; con
elas mentimos, amamos, denunciamos. Coas palabras rabuñamos nos sentimentos,
deixamos pegadas na alma, acariñamos os rostros das persoas, facemos que as
voces treman, que estimulen. Conseguimos que se diga si e non, dentro ou fóra,
frío ou calor, branco ou negro.
Volvo a miúdo aos versos de Bernardino Graña: O vento levou follas e palabras/ levou rumor e ruído. Versos potentes que
me levaron a escribir un día : Que as
traia de novo, / que quero berralas,
/ que quero dicilas / ben forte as palabras…
Si, quéroas preto. Que non me
deixen orfo. Lembro un verso turbador de Alberti: Siento esta noche heridas de
muerte las palabras. Versos, todos eles, que me levan a esixir que salvemos
as palabras. Que nos axuden a estiñar as feridas que as maltratan. Fagamos que
a rapazada se agarre a elas.
Traballemos para que abandonen esa pobreza lingüística que os caracteriza. A palabra é un xoguete, si, pero, sobre todo, é un instrumento necesario cun legado cultural e social detrás que convén salientar.
Enchamos de palabras as aulas. Que as digan en voz alta. Que as
atopen nos silencios. Que as empreguen para ser eles mesmos.
Que descubran as cores que teñen a palabra narrativa (contar/escoitar), a palabra poética, a palabra cantada, a palabra amena, directa, porque, como di Luis Mateo Díez, “ necesitamos ser donos dos instrumentos que avalan a nosa existencia, e o máis inmediato é a palabra”.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Luis Mateo Díez |