jueves, 8 de septiembre de 2016

"CAMBIACHE O CONTO !", UNHA VERSIÓN PECULIAR DOS CONTOS DE SEMPRE.

Pinto & Chinto


Non cabe a menor dúbida que os contos clásicos de autores coma Andersen, Perrault ou os irmáns Grimm son un tesouro que levamos preservando dende hai moitísimo tempo nas máis diversas formas.
     
     Adozados ou non, en debuxos animados, en libros horrorosos, en discos , películas etc., estes contos están presentes nas nosas vidas e conteñen un valor tanto literario coma sociolóxico importante.
     Lembro aquí a Roald Dahl e as súas versións en verso que lidas aos nenos e nenas supoñen unha maneira lúdica e festiva de achegárllelas para que se divirtan. Tamén Gianni Rodari e outros autores déronlles voltas a estas mostras marabillosas de tradición oral.


     Agora acaba de chegar ás miñas mans un libro delicioso. Un libro que me puxo un sorriso nos beizos e que lin cunha felicidade auténtica. Trátase de  Cambiache o conto!, de Pinto & Chinto, editado por Edicións Xerais.  Un libro editado de marabilla cunhas ilustracións enormemente suxestivas e cheas dunha expresividade total,realizadas por David Pintor. Unhas ilustracións que acompañan os textos de Carlos López, que son dun enxeño e un humor exquisitos.
     
     Unha versión peculiar dos contos tradicionais (O frautista de Hamelin, A Cincenta, O traxe novo do emperador, Branca das Neves…), do libro As mil e unha noites (Alí Babá e os corenta ladróns…), fábulas (A leiteira, O raposo e o gato…) que fará as delicias dos lectores e lectoras.
     
Ilustración de David Pintor
     Nada é como parece neste libro. Comeza cada conto introducindo o autor a narración que coñecemos e, nunhas liñas máis, desenvolve a mesma dunha maneira humoristicamente enxeñosa.
     
     Un vai lendo conto a conto e nos deixa de sorrir. Un querería que houbese moitos máis pois cada final é unha caixa de sorpresas.
     
Ilustración de David Pintor
     Un exemplo disto contense nesta pregunta: sabedes como remata o conto de Polgariño? Os anacos de pan, os paxaros etc., pois na versión de Pinto & Chinto… mellor non volo digo! Nin tampouco vouvos desvelar o que acontece cos tres porquiños, co parruliño feo, con Aladino nin co soldadiño de chumbo. É algo que deben descubrir os lectores e, xa que logo, os oíntes, porque é un libro magnífico para ler en voz alta.

     
     Textos moi ben contados, ilustracións de altísima calidade e unha edición fermosa. Tres compoñentes para que este libro sexa de lectura apaixonante e necesaria.

                                                                                                                                      ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO