Versos e aloumiños segue cara a diante.
Dúas veces finalista como mellor blog literario, segundo a votación dos
integrantes da AELGA (Asociación de Escritores en Lingua Galega), en 2013 e
2014. Algo que aquí non nos planteamos endexamais, cando isto comezou a rolar.
Versos e aloumiños non é un blog ao uso. Nel non hai extensión específica, nin tenta dar
novas, nin ten pretensión ningunha. Ben, a pretensión é, unicamente, a de abrir
canles de comunicación literaria e artística
a todos aqueles que lles apeteza seguilas e aportar aos lectores e lectoras puntos de vista que empurren a pensar.
Antón García Fernández, creador do blog-revista. |
En V e A, intentamos que haxa
creación, artigos de fondo que sexan atemporais, que as persoas poidan expresar
ideas artísticas, pedagóxicas, innovadoras que cheguen ao profesorado, á
familia, ás bibliotecarias e bibliotecarios etc. Todo isto co obxectivo de que
todos melloremos nos nosos respectivos campos que boa falta nos fai, dado o
tempo que estamos a vivir.
V e A ábrese á literatura principalmente, sen saber de linguas (aínda que o galego prevalece dun xeito
nidio), pero tamén se abre á música de diversos xéneros, á pintura, á
fotografía etc. En V e A queremos
abrir fiestras para que entren poemas, textos literarios, reflexións, mostras
de arte, recomendacións, sempre cun ánimo positivo.
Javier Golvano |
Gústanos que se poidan coñecer escritores e escritoras de todas as
latitudes. A cultura na súa maior extensión, libre, profunda e rica para non
quedar, unicamente, na superficie ou nas limitacións de ningún tipo.
En V e A, a LIX xoga un papel
importante. E, sen dúbida, a POESÍA, ese xénero, fonte de emocións, tan
abandonado coma necesario.
Moitos preguntan por que non se permite escribir comentarios no blog. E,
a verdade, non o podemos explicar dunha maneira
clara, pois ao longo das transformacións levadas a cabo en V e A, foi algo que quedou eliminado sen
razón; algo que quedou no esquecemento sen máis.
Agora estamos pensando en abrir a posibilidade de que queden reflectidas as vosas opinións se o
considerades oportuno.
E todo isto veu a conto, porque o grande escritor e mellor persoa, Francisco X. Fernández Naval, me escribiu
un correo moi cariñoso para expresar o
seu sentimento diante dalgunha entrada, coa idea de que o publicase no blog se
nos parecía ben.
Tamén An Alfaya, con quen me
une unha entrañable amizade,me enviou unha mensaxe ao móbil, para expresar nunha
liña o que lle parecera a aventura do can Can.
An Alfaya |
Escribo
aquí o correo de Fernández Naval e a liña de An.
Grazas, amigos, por estardes tan preto do noso espírito.
Fermosa a historia do can de pana que agora vive
feliz
entre o balcón e os libros.
Marabillosa a poesía de Ana María Fernández e os textos de Xoán Babarro.
Aberto e feliz o horizonte que se ofrece dende a túa fiestra.
Grazas, Antonio.
Chisco Fernández Naval
E este é o sms que, con tanto cariño, recibín de An Alfaya.
Un bico polo teu tenro escrito sobre o can Can.
E para poñer punto final a esta mensaxe de Versos e aloumiños aos seus
lectores e lectoras, nada mellor que dous poemas do propio Fernández Naval, escollidos
do seu excepcional libro, Mar de Lira.
F. X. Fernández Naval, (Foto de Maribel Longueira) |
COCA
Dirán
que seca o mar,
pero
é mentira,
que
o mar non seca nunca,
o
mar dorme e espera.
COUSA INNOMBRABLE
Ó
cabo,
todo
e despois ou antes,
agás
ese balbordo constante
de
areas e de crebas,
o
fluído vaivén
dese
alento que ondea
e
non resiste
a
friaxe larval
que
se enquista nas córneas e non dorme.
Ó
cabo
todo
é abismo
e
desmemoria,
coma
se fosen días
de
ferro
ou
de tristura.
E grazas, de corazón, a todos os nosos lectores e lectoras por valorar o esforzo que facemos por sermos diferentes.
Sentimos que sempre estades aí.
Versos e aloumiños