domingo, 16 de febrero de 2014

ESCAPARATE POÉTICO (XXXII). Estevo Creus




ESTEVO CREUS  (Cee, 1971)



Descravo o meu corpo da bancada
e encho as maceiras co meu sangue.

Estevo Creus
Estou aquí

coa pel cortada
a xeito de isobaras

e coa conciencia precisa do fracaso.

(Espanto).


Avanto torpemente entre as farolas

coma un veciño

inútil.





Porque ela é así.

Recolle as feridas que eu fun ciscando pola noite
e anica o seu corpo baixo a mesa
e agarra coas mans as miñas pernas
e abrázame
e pregúntame o porqué de estar aquí

o porqué de estar así
sobrevoando aquela,
a outra praza abandonada

coas mans cheas de escamas
 
e sen ningunha caricia.





Son
así

un residente sen rostro

e pinto na caluga unha diana.


Vou trazando os círculos no corpo
e as colores.


Semento a miña pel
de frechas
e de humus.







(Do libro Decrúa, editado por Espiral Maior, 2003).