Harry Nilsson, que adoitaba asinar a meirande parte dos seus traballos simplemente co seu apelido, é un dos mellores compositores que deron os Estados Unidos nos anos sesenta e setenta do século pasado, ademais de ser un intérprete dunha voz prodixiosa. Curiosamente, a pesar do seu talento compositivo, Nilsson é lembrado sobre todo por dúas cancións que non escribiu: "Everybody's Talkin'", de Fred Neil, e "Without You", unha fermosa balada orixinalmente gravada por Badfinger, un grupo que hoxe en día se atopa máis esquecido có propio Nilsson. Estas dúas cancións reportaron a Nilsson senllos Grammys, unha situación sen dúbida tan irónica coma o feito de que Alfred Hitchcock non gañase nunca un Óscar ou Elvis Presley só recibise Grammys polos seus discos de gospel. Pero xa sabemos que os premios son o que son, e non constituiría esta a única ironía da carreira de Nilsson, caracterizada polo seu innegable talento e a súa aínda máis innegable falta de dirección. Por non falar do feito de que Nilsson foi unha das poucas figuras do pop que acadaron o éxito rexeitando facer xiras e cantar en directo ante o público.
Nilsson naceu en Brooklyn e tivo unha infancia dura: o seu pai abandonou a familia sendo el ben cativo e a súa nai caeu nas mans do alcohol, polo que o pequeno Nilsson non coñeceu nunca un fogar estable. Unha situación triste que anos despois emerxería en pezas coma "1941" ou "Daddy's Song" e que probablemente marcou a súa vida persoal. Non é a miña intención facer aquí de psicólogo, que non vallo para iso, pero o Nilsson adulto sería sempre un home cheo de inseguridades e tería problemas para aceptar o papel de pai a pesar do agarimo que profesaba aos seus varios fillos. Harry tampouco non foi nunca un bo estudante, deixando axiña o instituto e establecéndose n'Os Ánxeles para adicarse por completo á música ao tempo que traballaba nun banco. As súas primeiras cancións serían gravadas polos Monkees, os Yardbirds, as Ronettes e o grupo Three Dog Night, e o seu primeiro disco, co excéntrico título de Pandemonium Shadow Show, chamou a atención da crítica en 1967, e tamén dos Beatles, que proclamaron a Nilsson como o seu "grupo americano favorito" e mesmo o convidaron a unha das súas sesións de gravación en Abbey Road. Comezaría entón unha longa amizade entre Harry, John Lennon e, en especial, Ringo Starr, e ambos Beatles participarían nalgúns dos discos de Nilsson nos anos setenta. Hai quen di, de feito, que os Fab Four tiveron tanta influencia e Nilsson como Nilsson a tivo nos catro de Liverpool, unha opinión que non está moi afastada da realidade.
Nilsson con Ringo Starr |
John Lennon e Nilsson nunha das súas moitas noites perdidas |
Pero, por desgraza, os intres de maior popularidade foron tamén os intres que trouxeron os seus maiores problemas persoais. Nilsson tivo sempre dificultade para aceptar o éxito, e despois do seu segundo Grammy, as cousas comezaron a torcerse. En 1972, as sesións de gravación do seu disco Son of Schmilsson estiveron marcadas polos excesos co alcohol e as drogas, e aínda que o disco ten momentos excelentes coma "Turn On Your Radio" ou "Spaceman", tamén contén outros menos inspirados, e mesmo unha canción, "You're Breaking My Heart", que nunca podería ser difundida pola radio debido á linguaxe que emprega. Cando en 1973 Nilsson decidiu gravar un disco enteiro de standards con Gordon Jenkins encargado dos arranxos, semellaba que estaba a perder o control da súa carreira, pero en realidade demostrou ser un pioneiro, publicando este tipo de traballos moitos anos antes ca Rod Stewart, Paul McCartney e tantos outros. O que realmente comezou a quedar fóra do seu control foi a súa propia vida, que se converteu nunha sesión continua de escapadas nocturnas nas que non faltaban as drogas e as borracheiras. En 1974, John Lennon, compañeiro inseparable de moitas destas lexendarias noites perdidas, produciu un novo álbum de Nilsson, Pussy Cats: nel aparecen versións de temas de Dylan, Jimmy Cliff, clásicos do rock e varios orixinais de Nilsson, un deles, "Mucho Mungo", escrito xunto a John. É un disco cun son moito más duro e agresivo e un tanto irregular, pero con momentos moi inspirados, como "All My Life" ou "Don't Forget Me".
Nada do pouco que gravaría Nilsson a finais dos setenta e durante os oitenta chegaría a revalidar éxitos pasados. Por suposto, o camiño autodestrutivo polo que estaba a transcorrer a súa vida non axudaba. Tralo asasinato de John Lennon en 1980, Nilsson concentrou os seus esforzos nunha campaña en contra das armas que non chegou a ningures, e a súa carreira foi esmorecendo ata o seu falecemento en 1994, vítima dun ataque cardíaco. O disco de Harry Nilsson que non debe faltar nos andeis de ningún melómano é o devandito Nilsson Schmilsson (RCA), producido por Richard Perry e no que o noso home está acompañado por amigos ilustres coma Ringo Starr á batería. Si, este é o elepé que contén "Without You", mais non debemos quedarnos aí, pois estamos a falar dunha obra mestra na que non hai nin unha canción esquecible, dende "Gotta Get Up" a "I'll Never Leave You", pasando por "Driving Along", "Jump into the Fire" ou a versión do clásico "Let the Good Times Roll". Neste disco podemos escoitar na súa plenitude a un artista único, cun estilo moi persoal e unha prodixiosa facilidade para crear melodías orixinais e cancións intelixentes. Escoitar Nilsson Schmilsson é descubrir a arte dun home que acabou destruído polos seus excesos, polos seus demos e pola súa incapacidade para asimilar o éxito, a arte dun cantautor que merece maior recoñecemento do que goza na actualidade.
Se ben Harry Nilsson non actuou en vivo practicamente nunca ao longo da súa traxectoria profesional, si que apareceu en varios programas de televisión, e trala súa morte mesmo chegou a producirse un moi recomendable documental titulado Who Is Harry Nilsson? Como exemplo do que podería ter sido o son en directo de Nilsson se non sentise esa aversión aos concertos, déixovos cun especial que fixo para a BBC en 1972. Comezamos coa primeira parte:
E velaquí a segunda:
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ