miércoles, 18 de diciembre de 2024

AUDIO DA PRESENTACIÓN DO LIBRO "SENTADO DIANTE DA FIESTRA", de Antonio García Teijeiro no CLUB FARO

 

De esquerda a dereita, Manuel Bragado, Noa García, Antonio GT e Xabier Romero (Foto de Pablo Hernández)


 

O luns día 16 de decembro, presentouse no Club FARO, no MARCO, en Vigo, o libro Sentado diante da fiestra, de Antonio García Teijeiro.

 Unha edición marabillosa, ao coidado de Arantxa Amatriain e Rubén Romero, que Editorial Elvira, no seu selo Luscofusco, tirou do prelo cun agarimo e unha elegancia admirables e na que teñen unha presenza salientable as pinturas de Xulio García Rivas.

 


Sentado diante da fiestra é un monllo de 51 artigos publicados por García Teijeiro no suplemento Estela, do decano da prensa nacional e un deles, á marxe da revista, co gallo do centenario do Real Club Celta de Vigo.

 Participaron nesta charla-coloquio, ademais do autor, Manuel Bragado, que falou do libro e de AGT, Xabier Romero, que presentou o acto como responsable da editorial e a xornalista Noa García (filla do autor) que foi a responsable da entrevista.

Noa e AGT



Resultou un acto fermoso que foi seguido polo numeroso público asistente e respirouse un aire de reivindicación da palabra literaria, da necesidade de pensar, da fuxida do pensamento único, da preguiza intelectual que se está instalando na sociedade e moitos temas e anécdotas de García Teijeiro.

A música, a poesía, a lectura literaria, o xornalismo narrativo e literario tamén saíron á palestra nun acto do que o público saíu moi satisfeito.

 



A charla-coloquio foi gravada en audio e, loxicamente, Versos e aloumiños ten o pracer de ofrecelo a todo aquel que queira saber o que alí se dixo.

Así pois, embaixo destas liñas está a gravación para que poida ser escoitada.