Mostrando entradas con la etiqueta relatos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta relatos. Mostrar todas las entradas

martes, 14 de marzo de 2023

REMUÍÑO DE LIBROS (79): "Non cantan os paxaros neste bosque", de Carlos Negro

 




TÍTULO: Non cantan paxaros neste bosque.

 

 

AUTOR: Carlos Negro.

 

 

EDITORIAL: Xerais. Colección: Fóra de xogo.


 

 Non cantan paxaros neste bosque é una obra narrativa dun autor destacado sobre todo no eido poético, tendo acadado diferentes premios importantes na LIX , non só coma escritor senón tamén coma mediador, polo seu labor de achegamento da poesía ao público xuvenil a través de recitais e de obradoiros. Recibindo o Premio de Clubs de Lectura que outorga a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia ao autor máis lido no 2017. Estou a falar de Carlos Negro, un autor que domina e ben coñece, a palabra e o seu valor como axente transformador nas actitudes vitais.


     O libro estrutúrase en nove relatos curtos  con cadanseu título premonitorio ás historias que agochan os variados personaxes en diferentes épocas, idades e espazos narrativos. O fío condutor de todos eles é o medo nas distintas perspectivas de situacións que viven os protagonistas.


     Así observamos medo á perda dun ser querido, medo á ausencia, ao illamento por ser diferente, ao acoso, á falta de liberdade, á perda da identidade, á realidade externa pero tamén á interna. En definitiva, medo aos soños, ás pantasmas e ao misterio dos pesadelos que nos acompañan. Por iso o libro é unha porta aberta á reflexión, onde a palabra atinxe o seu valor tanto oral coma escrita. Non hai mellor xeito que enfrontarse aos temores para poder vivir e pechar a porta da mera existencia prendida e escravizada a un medo.

 ******************************************************************************************************

Páx.88: “ Cada época elabora os seus propios ritos, aínda que no fondo de cada ser humano, as paixóns seguen a conservar a mesma esencia que en épocas pretéritas…”

Páx. 91: “Atende. Fuxe da calquera gaiola de cristal na que te pretendan encerrar. A resignación é a peor das condenas”.

Páx.107: “ E quizais esa era a mellor ensinanza que lles podía ofrecer: debían aceptar que a vida é un relato que acontece, e que non sempre se explica. E cando ese relato deriva en literatura, case sempre deixa una porta entreaberta, a físgoa pola que asoma, coma un intruso, o misterio.”

 

                                                                                                    ALBA PIÑEIRO

 

 

 


sábado, 16 de abril de 2022

UN ACHEGAMENTO A "O CREPÚSCULO E AS FORMIGAS", DE X.L. MÉNDEZ FERRÍN


Un dos primeiros libros de Xosé Luís Méndez Ferrín que Antonio García Teijeiro tivo ocasión de ler foi a colección de relatos O crepúsculo e as formigas, e iso é algo que ambos os dous temos en común, pois eu tamén entrei na literatura ferriniana a través deste mesmo libro. 


     Cando saíu á venda a comezos da década dos sesenta, cun limiar a cargo de Ramón Piñeiro, esta obra trouxo novos aires á narrativa galega, achegándoa a expresións literarias por entón de moda noutros lugares de Europa. Porque os contos que compoñen este volume beben do existencialismo, pero tamén dunha concepción narrativa que é propia de Ferrín: ese gusto polo estilo directo, lacónico, espido, ás veces mesmo coloquial; eses personaxes que son case sempre vítimas dunha realidade coa que non son quen de se compatibilizaren, caendo irremediablemente nas gadoupas duns acontecementos que non poden controlar. 

     

Neste vídeo que veño de publicar na miña canle 

de YouTube comento polo miúdo O crepúsculo e 

as formigas, tentando poñelo dentro do contexto 

histórico e literario que fixo posible a súa creación.

     Por se interesa á audiencia de Versos e aloumiños, déixovolo aquí abaixo, agardando que sexa do voso agrado.

 




ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ


martes, 15 de diciembre de 2020

A LUZ DAS PALABRAS (75) Xosé Neira Vilas

 




Nesta nosa sección A luz das palabras, un home dunha transcendencia indiscutible na cultura e literatura galegas: Xosé Neira Vilas. E a súa luz no noso blog-revista son dous contos fermosísimos e ben curtos que están no seu precioso Aquel neno, que en xullo de 2013 publicara Edicións Embora.

     En Versos e aloumiños veneramos a Neira Vilas pola contribución, tanto poética coma narrativa, que deu á nosa LIX. E non só.

E temos un agradecemento moi particular para Miguel Toval quen, dende Embora, nos permitiu publicar este dous textos e, ademais, tivo o detalle de enviarnos os dous debuxos maxistrais de Xosé Vizoso que os acompañan no libro e nesta luz das palabras que tanto queremos

     Grazas, Miguel, de corazón.

 

 


 

Di Neira Vilas no limiar (co título de Motivación) de Aquel neno, un monllo de relatos curtos dun contido claramente biográfico que “ todo home leva por vida un neno dentro de si (e toda muller leva unha nena). E inda que teña cen anos ou máis o neno aparece nel cada pouco, porque ninguén esquece, ninguén desbota o neno que deixou atrás. E cando pretende arredarse del, fuxir do que foi nos primeiros anos da súa existencia, perde o rumbo e fai toladas”.

                 

         Xosé Neira Vilas (Foto de Santos Díez)

     Ninguén dubida de que Neira Vilas levou dentro del o neno que foi. El recoñéceo. E engade que ese neno que foi -o do libro do que tiramos os contiños- pode chamarse Balbino, Moncho, Toño, Lelo etc., ou sexa, pode ser máis ou menos algún deses seus nenos literarios, mais tamén, aclara, “pero tamén pode ser o neno que eu mesmo fun e que aínda que queda lonxe o sigo sendo, non o do carné de identidade, nin o do pasaporte, nin o que aparece na cuberta deste e doutros libros dos que son `culpable´, senón de Pepe de Santiaguiño, ou Pepiño de Gres, que así me chamaban cando comezaba a atoutiñar sobre a codia do mundo”.


     E deixa moi claro o noso autor que os escritores e escritoras non deixan de falar dos demais cando falan de si mesmos.

     E ten moita razón.

 

 


 

Escribir

 

DESPOIS DAS PRIMEIRAS LETRAS QUE LLE deprendeu o Avó foi á escola. Para el era todo un milagre iso de levar a fala a signos, poñer en figuras o que se dicía ou se cantaba, unha oración ou unha maldición. Non só escribía no encerado ou nalgún papel. Riscaba palabras no po do camiño, na parede branca da igrexa e tamén na tona mol dalgunhas árbores coma olmos ou ameneiros, na primavera, usando a aguillada de levar as vacas ou unha navalla. E un día falou con el na fonte Engracia, aquela mulleriña pobre, coxa, analfabeta. Pediulle que lle escribise unha carta para o seu irmán que estaba en América. E foi á casa dela e escribiu a carta, na que lle puxo cousas moi bonitas que se lle ían ocorrendo. E así unha e outra vez. Tamén lle lía as que ela recibía do irmán. Andou niso máis dun ano ata que Engracia dixo que se acababan as cartas porque seu irmán morrera.

 

 

                                                                             (Debuxo de Xosé Vizoso)

 

A morte

 

VIU MORRER Ó AVÓ. ERA POLA TARDIÑA. TODOS andaban no agro, na recolleita das patacas debaixo da viña na cabeceira da leira grande. O Avó faláballe algo, pouco e con voz roufeña e encerellada. No tallo que tiña ó pé da cama apousaba aquel resto de lapisiño amarelo cunha goma no cabo, co que anotaba o pouco que tiña que anotar. Foino collendo coa man dereita e deullo ó neto, que se puxo moi contento. Tiña os ollos medio pechados e xa case non falaba. Nunha desas pediulle auga e foilla buscar. Colleu o tanque e encheuno no balde que apousaba na laceniña da parede e levoulla. Auga fresca que trouxeran esa mañá da fonte das penedas. Deulla. Bebeu un gurrucho. Logo pechou totalmente os ollos. Ampeaba. Pouco despois, nada. Estaba morto. O neno decatouse. Deulle un bico e botouse a chorar. Seguía chorando cando seus pais e mais a Avoa chegaron do agro.


                                                    Debuxo de Xosé Vizoso 




jueves, 26 de diciembre de 2019

A BUTACA DO LECTOR (8) "Un conto siciliano e outras historias", de Estro Montaña



Ao lector non lle gusta demasiado a sociedade na que vive – e da que el forma parte -, pero despois de ler Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña, aínda lle gusta menos.
Tras gozar destes relatos inquietantes que mostran un mundo sórdido, cheo de persoas mesquiñas cun enorme poder, o lector permaneceu cos ollos pousados no teito do seu cuarto ensimesmado.
Deixouse levar polas canles do desacougo que os relatos contiñan e, non por sabido, rexeitou ese negro mundo que a literatura valente nos presenta.

    
Ao longo da lectura destes catorce relatos, o lector pasou por diversos estados de ánimo: da inquietude ao acougo, da dor á incerteza, da afouteza ao sometemento (literario, enténdase), da intriga a unha certa coherencia ética, normalmente derrotada.
Si, porque este é un relato de perdedores, de antiheroes. De mulleres que sofren a terrible maquinaria da violencia nas súas múltiples caras. Porque a moitos destes personaxes – homes e mulleres – lles custa moito respirar.Están fuxindo constantemente de enormes lousas que os/as asedian día a día. Viven en completa indefensión e son vítimas do destino.

     O lector non pode menos que aguantar a respiración perante eses exercicios despóticos de poder, de represión, de saldar contas, de fuxir do medo, de recuperar a liberdade individual coma seres humanos.

     Estro Montaña mergúllase neses espazos escuros da sociedade que están aí, todos o sabemos, para erguer cun nidio compromiso ético a súa voz e deixar un ronsel de sentimentos que se fan reais e íntimos pola axilidade e por unha voz literaria sen artificios, disposta a facer literatura sen límites.

     O lector, cando remata o libro, faise consciente desa viaxe que o autor lle propuxo a través duns contos que penetran ben fondo na súa pel e que non só non o deixan indiferente senón que o removeron por dentro experimentando as sensacións máis punxentes.

     De novo, pensa o lector, a literatura asume a vida como obxectivo fundamental. Triste e feliz, a un tempo, o lector pecha os ollos e afasta do seu lado certas fauces destrutivas dese animal chamado mundo. Pero a súa felicidade só vén dada pola lectura da boa literatura.
Polo demais… uffff!




domingo, 7 de agosto de 2016

A LUZ DAS PALABRAS (59) X. H. Rivadulla Corcón





  Corrían os anos 2008 e 2009 e na Radio Galega había un programa que se chamaba Un día por diante. Neste programa o escritor X.H. Rivadulla Corcón tiña unha colaboración diaria, uns enxeñosos relatos curtos situados en Moraime e xa convertidos nun libro cheo de humor e afectos diversos.
     
     Moraime é unha pequeña vila con mar, tranquila, na que os habitantes soñan coma en ninguna outra vila do planeta. Moraime ten un mercadiño moi peculiar porque nel só se atopan catro productos en exclusiva: viño, flores, peixe e poemas.
     
Non é Moraime, pero podía ser...
     O centro vital da vila é a taberna onde os homes e as mulleres comparten a vida ao tempo que comparten o viño. Moraime ten unha estrutura da vida moi poética. Moraime é unha vila aberta ao mundo.

     Rivadulla Corcón é poeta, dramaturgo e guionista. traballa dirixindo e escribindo programas para a TVG, especializado en documentais.
     
X.H. Rivadulla Corcón
     Rivadulla Corcón fixo varias incursións na LIX galega e ten unha obra consistente en varios eidos da mesma. Cando dirixía o programa radiofónico A Casa do Vagabundo, dedicado ao libro galego, tiven a fortuna de coñecelo persoalmente. Unha persoa íntegra, honesta e chea de inquedanzas.

     A luz das palabras, esa sección tan coidada do noso blog-revista, precisaba da súa voz. Pedinlle que nos permitise publicar un relato de Moraime, pequeña vila con mar, editado en 2015 por Edicións Positivas. Xosé Henrique aceptou xenerosamente. E aquí está para que o poidades ler e desfrutar del.
     Un pracer, amigo, e moitas grazas.
                                   

                                              (Do libro “Moraime, unha vila con mar”. Edicións Positivas. 2015)






AS VISIÓNS DO MARIÑEIRO


                                                                         X. H. RIVADULLA  CORCÓN


Houbo unha vez un mariñeiro que viu un día unha serea pasar a carón da súa gamela no medio do mar. El fíxolle un xesto coa man para saudala e ela acercouse á borda da embarcación e ofreceulle un fermoso sorriso. Tamén viu o mariñeiro un día chorar a lúa, non sabe por que choraba, non llo puido preguntar, outros mariñeiros pensaron que chovía pero el sabía que eran as bágoas da lúa. Viu un día un arroaz vermello que nadaba levando sobre o seu lombo un corvo branco e o corvo levaba un grillón oxidado na pata esquerda, e ás veces o grillón facíalle sangue e tinxía o lombo do arroaz.



Viu un día xurdir do fondo do mar unha muller fermosa de cabelos louros que ofreceu ao mariñeiro a espada Escálibur, pero el rexeitouna, díxolle que só era un mariñeiro e non quería ser outra cousa. Unha noite viu caer unha estrela do ceo, caeu envolta en lume e cando entrou na auga converteuse en cristal e el puido collela co seu trueiro e cando mira a través dela ve o universo enteiro. Viu o mariñeiro, tamén, un hipocampo unicornio, levantouno no aparello e como tiña a mirada moi triste devolveuno ás augas, e o hipocampo unicornio en agradecemento fixo que o cardume de sardiña entrase todo na súa rede. Viu tamén ao vento xogando a facer formas coas nubes, fixo unha balea e tamén un marraxo, e un galeón e unha gamela, e o máis fermoso que fixo foi darlle forma de sorriso a unha das nubes. Coñeceu un gato que era mariñeiro e se chamaba Simbade, e o que máis lle gustaba pescar era xurelos que preparaba á grella.
Todas estas cousas viu o mariñeiro pero a ninguén llas contou, tiña medo de que o tomaran por tolo e o quixesen encerrar para curarlle a súa loucura. El non sabía que hai lugares como a pequena vila con mar de Moraime onde aos mariñeiros que ven esas cousas lles chaman poetas e non os queren curar.

                                      (Do libro “Moraime, unha vila con mar”. Edicións Positivas. 2015)

Sería este o mariñeiro visionario?

jueves, 5 de noviembre de 2015

"DE CRISTAL", de Silvestre Gómez Xurxo, ou cando os relatos se converten en PURA EMOCIÓN.

Gústame moito ler relatos. Coido que na nosa sociedade actual esta sorte de xénero literario non se valora dabondo. Coma o teatro, coma a poesía. Literatura é para demasiadas persoas sinónimo de novela. E non hai quen os afaste desa idea tan simple e tan trabucada.

     Repito: gústame moito ler relatos.

     Cando me poño a remexer libros na libraría e dou cun volume de contos, detéñome, ábroo, folléoo e comezo a ler algún. Gozo con isto. Procuro neles que teñan algo especial, que me inquieten ou que me envolvan en atmosferas sedutoras.

     Iso foi o que me ocorreu co libro De cristal (Edicións Xerais. Fóra de Xogo), de Silvestre Gómez Xurxo. Interesoume dende as primeiras liñas que lin, algo que me ocorre con cada libro deste prestixioso autor. Unhas liñas que, xa dende o principio, me atraparon. Un comezo que me transportou aos moitos encontros que os escritores e escritoras realizamos nos centros educativos.

     Nesas primeiras páxinas conta o autor como unha alumna de 4º de Primaria, á que lle encanta O marabilloso Mago de Oz  propón ao escritor que fala con eles que escriba un conto cun mago e un home de cristal. Sobre este feito, Gómez Xurxo fai unha serie de reflexións ben interesantes sobre algunhas fontes do acto de escribir.E esta introdución está chea de agarimo literario.
 
Silvestre Gómez Xurxo
     Deseguido, atopámonos con cinco relatos dunha orixinalidade enorme. Cinco relatos que teñen un denominador común: a emoción. Si, son emocionantes e debo dicir que un deles (O ratiño branco) me emocionou ata límites extraordinarios. Talvez foi o momento ou o estado de ánimo, pero goceino e sufrino moi intensamente. Acerto indubidable do autor.
Hai máis puntos en común, xaora, entre eles, pero a emoción marca, alomenos para min, a súa lectura.
     Nestas historias hai loita para intentar saír dos infernos, para non deixarse vencer polo mal, para acadar a liberdade, para atinguir a felicidade por medios diferentes aos que provocan as cousas materiais, para enfrontarse ao maltrato animal, para canear o destino.

     E todos os relatos posúen unha estrutura que me parece orixinal e acertada: trátase da relación comportamento animal co que comezan e comportamento humano co que se desenvolven e rematan. No medio, unhas reflexións que moito teñen que ver coa historia contada.Fondura e claridade. Razóns para pensar. Como a boa literatura.

     En definitiva: relatos ben narrados, estruturados cunha grande intelixencia e moi equilibrados á hora de expresar as sensacións dos seres humanos.

     Encantoume este libro. Gocei con el, sufrín con el e permitiume reflexionar, un verbo que, coma amante da literatura grande, me resulta imprescindible para sentirme intimamente vencellado ao feito literario.

     Parabéns a Sivestre Gómez Xurxo por presentarnos un libro, dende o meu punto de vista, absolutamente necesario.




                                                                                             
Engadimos  a esta reseña, a "Muiñeira da Moa", coa letra de Silvestre Gómez Xurxo e música de Paulo Nogueira, músico de Treixadura. Esta muiñeira, para agradable sorpresa do escritor, foi estreada na presentación do libro De cristal.
     Foi case unha improvisación da mesma, pero é un testemuño magnífico que dá realce a este texto que Versos e aloumiños publica con enorme pracer.

                                                Treixadura estreando a Muiñeira da Moa.


                                                                                              ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO