Mostrando entradas con la etiqueta el correo gallego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta el correo gallego. Mostrar todas las entradas

miércoles, 18 de septiembre de 2013

ESCOLAS E ECONOMÍA, O CUARTO E ÚLTIMO ARTIGO DE PACO MARTÍN.

Paco Martín
  Velaquí o cuarto artigo da súa serie Auga lizgaira, que Paco Martín escribira no seu momento no
xornal El Progreso e que xentilmente nos cedeu para o noso Versos e aloumiños.
Foi un luxo para nós poder utilizar estes textos que, por certo, tiveron moi boa acollida.
Non é para menos. Paco escribe coma os anxos (aínda que non existan), sabe coller un tema e facelo interesante. Deixa a súa pegada, como quen non quere a cousa, e coa súa riqueza léxica, a súa ironía e a intelixencia do seu discurso, fai dos seus textos unhas xoias que deleitan os lectores.
Dos catro recibidos, deixamos este, Escolas e economía, para o final. A razón coido que está clara. Estamos en setembro e nuns días comeza o novo curso. E a ollada, que sobre un principio calquera dun ano escolar nos deixa nestas liñas Paco Martín resulta un documento sociolóxico e, dende logo, un exercicio literario exquisito no que a retranca do noso escritor chega a convertelo nunha peza marabillosa.
Grazas, Paco, pola túa xenerosidade e agardemos que non sexa esta a derradeira colaboración neste blog.

Antonio con Paco, na súa casa de Lugo.
                                                               
                                          
                     Escolas e economía                                                                                                                                     
             
Comeza o curso escolar e canda el chegan os guantes novos porque os do inverno pasado quedaron pequenos, e mochila con rodas, as seis botellas de albariño que hai que lle regalar ao cuñado de Raquel “que permitiu que nos empadroásemos na súa casa polo da proximidade ao colexio”,  as pescudas en internet sobre como actuar en caso de “bullyng” por se “o aparello ese da ortodoncia que lle fai prender algo ao falar esperta as malas ideas dalgún deses compañeiros rabudos que sempre hai”, o “a ver quen lle toca este ano en matemáticas”, os cálculos de horario: “se túa nai pode vir mércores á tarde e levalo despois a inglés e xoves a mediodía a traelo á casa para o xantar, amañabamos mellor...”, e están os libros, os cadernos, os materiais de informática, a procura dunha boa pasantía por se fose preciso, as dúbidas á hora de deixar que forme ou non parte do equipo de ximnasia rítmica... E adornando todo iso con fotografías nos xornais, reportaxes nas televisións e declaracións altilocuentes dos responsables(?) políticos do ramo insistindo na transcendencia do labor que realizan as profesoras e mais os profesores, no fundamental dunha cumprida formación para que as novas xeracións estean á altura dos tempos que lle tocará vivir e inserindo estratexicamente -de acordo co guión que lles foi facilitado e sempre cun ton de voz unha miga máis baixiño- puntuais advertencias sobre os “axustes” no ensino ou na sanidade, sacrificios que todos(?) debemos soportar para sermos solidarios(!) e axudar aos que máis o precisan, que, ao parecer, son os banqueiros, socias e socios das sicav, amnistiados polo fisco, defraudadores de amplo espectro, evasores varios ou custodios de caixas B, entre outros. 
Con Xabier P. DoCampo
            Naturalmente para que todo isto se dea é preciso que nos situemos nunha poboación xa de certa entidade, onde haxa un mínimo de audiencia partidaria disposta a aplaudir por se despois cae algo, que xa logo son as eleccións. No rural noso non son moitos os que quedan para escoitar palabras enredosas e as cativas e cativos que nel viven saben xa que será a eles a quen máis acabará mancando a gadaña coa que a Administración anda a amputar dereitos e posibilidades cando de xustiza sería precisamente o contrario. A eles non se lles dan as opcións de escolla coas que se xustifican os cartos que van a determinados centros de ensino, eles agardarán o autobús do transporte escolar cada mañá de inverno para loitar, todos os días e case sempre en inferioridade de condicións, xunto con ensinantes e pais para poder chegar até onde todos os cidadáns teñen dereito a estar. Calquera diminución de recursos educativos é dobremente inxusta e moitísimo máis lesiva se se produce no rural.
Ten que haber outros modos de economizar sen necesidade de prexudicar a formación da nosa xente nova. Se os dirixentes que hoxe nos gobernan tivesen unha tan boa preparación como a que desexamos para os nosos nenos e nenas, non precisarían de toda esa multitude de asesores –moi ben pagos- que agora teñen (temos) en nómina..., e non sería pouco aforro. Por poñer un exemplo...
Asinándolle a Susi un libro no seu estudio.

martes, 12 de febrero de 2013

Unha páxina imprescindible en El Correo Gallego



Visibilizar a LIX non é doado. Acadar un espazo no que se fale sobre libros para os cativos resulta case imposible. As revistas especializadas (Ai, Fadamorgana. Que perda!) desaparecen ou malviven con moito esforzo. O voluntarismo converteuse na base fundamental de que se poidan ler certas recensións mesturadas entre noticias e outros libros cunha importancia cuestionable. No Faro de Vigo, no seu suplemento O Faro da Cultura podemos atopar un par de críticas cada semana. Canto boto de menos, tamén, o suplemento infantil d'A Nosa Terra, no que cada sete días podíanse ler columnas e recensións sobre literatura e educación! Polo menos mantiñan vivo o espírito esencial da nosa literatura infantil e xuvenil.

Por iso, non podemos menos que salientar e aplaudir a páxina completa que, semanalmente, aparece en El Correo Gallego dedicada integramente á LIX galega. Sei do traballo que lles dá a Blanca –Ana Roig Rechou e ao seu equipo de persoas ilusionadas para que vaian aparecendo noticias, libros, entrevistas etc. neste lugar, verdadeiro oasis literario. Proxectos coma este non poden esmorecer e, moito menos, morrer no xornal. Oxalá este exemplo fose seguido por outros diarios.

Conta Isabel Mociño, unha das persoas que realizan a páxina, que esta xurdiu pola necesidade de VISIBILIZAR a Literatura Infantil e Xuvenil galega, en galego e facelo a partir dunha crítica divulgativa asentada no coñecemento desta literatura. Confeccionar algo escrito con rigor científico, aínda que sen esquecer o obxectivo de chegar a todo tipo de públicos, como é normal, no soporte de xornal.

Unha tarefa exemplar e digna do maior apoio posible.

Unha referencia esencial para coñecer a enorme riqueza da nosa literatura escrita especialmente para pequenos lectores e mozos, sen esquecer os pais e nais, ao persoal das bibliotecas, mediadores/as e docentes.


 Isabel Mociño, Blanca-Ana Roig Rechou e Carmen Ferreira 


CARACTERÍSTICAS DA PÁXINA

A páxina está coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou, aínda que a responsabilidade dos traballos é dos membros de ELOS, que é a Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil, que foi creada en Santiago de Compostela en setembro de 2006. A idea de crear esta Asociación xurdiu da colaboración estreita e asidua entre investigadores portugueses e galegos que, como sabes, levamos moitos anos traballando en actividades conxuntas, como son os Encontros Luso-Galaico-Franceses (primeiro dende Galix e despois como grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, alá polo inicio dos anos 2000) e tamén o Curso de Formación Continua “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” que se celebra anualmente na Biblioteca Fundación CaixaGalicia (antiga e mítica Nova 33). Ademais destes eventos anuais galegos e portugueses tamén coincidimos e colaboramos noutras moitas actividades que se teñen realizado tanto en Galicia coma en Portugal.


A partir deste contacto tan estreito que tiñamos, os intercambios e debates leváronnos a decatarnos de que os investigadores da lusofonía non podían formar parte da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), ao acoller esta Asociación só a investigadores residentes en España. Foi así como ELOS quixo converterse no que o seu nome significa, en ponte, en enlace, entre a Asociación Nacional de Investigación e a lusofonía e deste modo ELOS pasou a ser unha sección de ANILIJ, integrando por dereito propio a todos os investigadores lusófonos (portugueses e brasileiros, fundamentalmente) nunha organización que lles abría as portas tamén cara a Europa, dado que a ANILIJ forma parte da IRSCL (International Research Society for Children’s Literature).

E volvendo á páxina de El Correo Gallego aquí os membros de ELOS quixeron tamén establecer unha unión entre o seu traballo académico e de investigación e a sociedade en xeral que accede diariamente á información dun xornal. Con esa idea, a de informar e formar, concibiuse esta páxina semanal centrada en todo o que ten que ver coa Literatura Infantil e Xuvenil e que está estruturada en catro seccións:

1. “Para lembrar”: aquí danse noticias moi breves nas que se lembran eventos, celebracións, prazos que están abertos para inscribirse ou para participar en actividades das que normalmente non se dá conta na prensa, na que pasan desapercibidas.

2. “Protagonistas elixidos”: unha sección tamén breve na que se fai protagonistas a creadores, institucións, premios, publicacións... que sexan noticia por algún motivo, como pode ser pola celebración dun aniversario, por recibir un premio, por concederse un galardón, por darse a coñecer o gañador/a dun premio etc., sempre tendo en conta a relevancia que estas figuras ou eventos teñen para a LIX galega e universal.

3. “Elos de lectura”: é a sección central da páxina, a máis extensa tamén, e na que se desenvolve unha recensión. Estes comentarios son de catro tipos: sobre unha obra literaria canonizada ou un autor clásico que se reedita (reler); sobre unha novidade literaria que se publica (actual); sobre unha tradución que se faga á literatura galega (tradución); ou sobre unha monografía ou revista que teña a LIX como elemento central (crítica). Deste modo aténdese e infórmase sobre a inmediatez das novidades, sobre os clásicos que hai que reler e volver a eles, sobre as traducións que chegan ao noso sistema e tamén sobre as obras de crítica e sistematización que como sabes son tan necesarias. A idea é dedicarlle cada semana do mes a unha cousa diferente, aínda que non sempre o conseguimos, pois non todos os meses se publican obras de crítica nin reedicións de clásicos (que mais quixeramos!), así que ás veces o equilibrio cuestiónase un chisquiño.

4. “Para coñecela +”: pódese dicir que é unha historia da Literatura Infantil e Xuvenil galega express. Digo así porque vai en pílulas. Está organizada por décadas. Comezamos a principios do século XX e en cada unha das décadas faise un contexto xeral para salientar os factores máis determinantes para a literatura dende o punto de vista social, logo percórrese cada un dos xéneros canónicos (narrativa, poesía e teatro) primeiro atendendo á produción infantil e despois á xuvenil. Tamén se dá conta da banda deseñada e da crítica e a investigación que se fixo en cada década. Nesta pequena historia tentamos marcar tendencias xerais que seguiu a produción galega e destacamos as obras máis relevantes de cada unha delas. Actualmente estamos xa coa narrativa xuvenil da primeira década do século XXI. Cando acabemos estamos a pensar en diferentes posibilidades, unha pode ser detérmonos nas coleccións, os premios etc. máis relevantes da LIX galega, aínda que está por determinar.

E así está a cousa... levamos dende o 2010 semanalmente coa páxina e como imaxinarás aínda que somos bastantes dá traballo! Pódoche dicir que a xente que asiduamente participa é: Blanca Roig, Eulalia Agrelo, Mónica Álvarez, Pilar Bendoiro, Carmen Ferreira, Mar Fernández, Isabel Mociño, Marta Neira e Isabel Soto, ademais das investigadoras brasileiras Geovana Gentili e Vanessa Ferreira. Tamén teñen colaborado as investigadoras portuguesas Ana Margarida Ramos, Sara Reis, Carina Rodrigues e Ana Vasconcelos. En fin, unha tropa de mulleres e de cando en vez algún home tamén (Xavier Senín, Chema Mesías, Celestino Amarante, José António Gomes ou Rui Ramos).

   
                                                          ISABEL MOCIÑO

Eulalia Agrelo, Mónica Álvarez, Mar Fernández, Carmen Ferreira, Isabel Mociño