O día 24 de marzo celébrase en todo o mundo o “Día Mundial da Poesía”.
Eu, que non son dado á celebración destes días, vou rachar o meu costume e
para uns actos en Vigo escribín este poema.
Oxalá as persoas que teñen na man facer que a poesía chegue ao maior número
de lectores dean o paso de valorala e achegar, en principio, ás escolas, porque,
non teño dúbidas, a rapazada e a mocidade sempre están abertas a recibir
sensacións positivas que os versos producen. E por aí hai que comezar.
![]() |
(Biblioteca Pública Antonio Odriozola. Pontevedra) |
“A orquestración das
palabras, o colorido das imaxes e a contundencia dunha boa métrica outorgan á
poesía un poder sen parangón. Como forma de expresión íntima que permite
abrirse aos demais, a poesía enriquece o diálogo que cataliza todo progreso
humano e é máis necesaria que nunca en tempos turbulentos.”
AUDREY
AZOULAY, Directora xeral da UNESCO
POESÍA
E nun principio foi POESÍA
foi medianoite
foi alegría
E nun principio houbo cancións
houbo poetas
houbo emocións
E no principio naceu o lume
naceu o verso
naceu o fume
E no principio falou o mar
falou a rosa
chegou a paz
E no principio soprou o vento
sorriu a lúa
cantou o merlo
Tempo de versos.
Día tras día.
Brillo no ceo.
POOOO…POESÍA!
Antonio García Teijeiro