Entre as miñas mellores lembranzas de cativo e adolescente atópanse as moitas ocasións nas que o escritor Jordi Sierra i Fabra, amigo de meus pais dende hai décadas, viña a Vigo por calquera razón e pasaba sempre pola nosa casa. O propio Jordi sabía que entón eu ía aproveitar eses momentos para facerlle todo tipo de preguntas en especial sobre os meus adorados Beatles. Porque, claro, eu xa tiña lido moitas das novelas de Jordi (clásicos como El último verano miwok, Campos de fresas ou Malas tierras), pero coñecía tamén a súa faceta como crítico e historiador do rock. E para min naqueles intres esa faceta tiña aínda máis interese ca a súa literatura, pois xa lera con devoción El joven Lennon (unha novela de temática beatlemana que me causaba tal fascinación que eu mesmo quería ser ese xove Lennon), o Diccionario de los Beatles (o primeiro libro deste estilo xamais publicado, e con moito material gráfico da colección persoal de Jordi) ou o Diario de los Beatles (obra magna para min importantísima neses anos previos a internet). Pola casa de meus pais andaban tamén as enciclopedias do rock e o pop de milleiros de páxinas escritas sen axuda de ningún tipo polo propio Jordi, así que para min era tan novelista como historiador rockeiro.
E todas esas lembranzas xurdiron de novo cando escoitei que Jordi viña de publicar, a finais de 2024, Mis años rockeros (Ed. Sílex), un volume de memorias no que fala en primeira persoa de todo o que viviu ao longo dos anos nos que dirixiu revistas musicais da importancia de Disco Exprés ou Popular 1, algunhas das cales mesmo fundou ou cofundou. O libro trata en profundidade a relación de Jordi co mundo do rock, en especial nos anos setenta, antes de que diminuíse o seu labor musical cando decidiu converterse en escritor de novelas. As súas páxinas están cheas de anécdotas (mentres lía o libro lembrei ao propio Jordi contando moitas delas de viva voz durante esas visitas a Vigo cando eu era neno) e o libro é moi recomendable non só por relatar as vivencias de Jordi, senón tamén por reflexionar sobre a historia do rock en España e a súa relación moitas veces tensa coa prensa escrita.
Hai unhas semanas tiven a oportunidade de gravar unha longa conversa con Jordi sobre Mis años rockeros para un novo episodio do podcast literario que presento na miña canle de YouTube, El Envés de la Página, e supuxo para min un indescritible pracer poder parolar con el sen límites de tempo. O resultado déixovolo nesta ligazón agardando que vos interese, pero por riba de todo, recomendando que procuredes e leades este magnífico libro de Jordi.
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ